sábado, 28 de noviembre de 2009

A CONVERSA

Este é un artigo co que, inicialmente, pensaba abrir o meu blog. Nel pretendía xustificar a razón, se cadra de todo inxustificable, da miña intención de facer das miñas lembranzas e do meu acontecer de xubilado o motivo dunha conversa infinita con cantos queiran soportarme. Simplemente non foi posible porque algún deses trasnos que entenden destes medios modernos de comunicación quixo borralo cando xa o tiña editado. Para os entendidos parece unha cousa difícil, pero, para os que coma para min estes instrumentos como internet seguen a ter algo de diabólico, pódese dicir que son "pecata minuta".
Fóra, pois, de calquera orde lóxica, aí vai, espero que definitivamente, esta primeira conversa que o autor soñou claramente como introdutoria desta serie que se iniciou fai xa algúns días.
A conversa, un dos modos máis familiares da convivencia participativa, é, no contexto sociocultural no que eu nacín, o remedio máis socorrido contra a soidade, o illamento e a perda de contacto co mundo no que a cadaquén lle tocou vivir. Convérsase para folgar do traballo, para atoparlle unha explicación a aquelas intimidades que nos confunden coa súa falta de sentido, para tomar conciencia de que somos alguén, para escoitala vida que medra ao noso arredor, para decatarnos de que só somos algo cando formamos parte dun conxunto no que os familiares, os amigos, os veciños, os alleos son a razón última da nosa existencia. Por todo isto e por moitas outras razóns a conversa ten de ser esixente consigo mesma, coidada, reflexiva, respectuosa...
O mellor conselleiro que teño escoitado nunca, o refraneiro, dicía sobre a conversa:

Ir á misa polas festas e á saída, na paz do adro, conversar cos vellos deses ditos, costumes e consellos. (Trasufre)
O boi pola corda, e o home pola palabra. (Santa Comba: Alón; Fisterra)
Falando enténdese a xente. (Santa Comba: Freixeiro)
As boas palabras aloumiñan; as malas espiñan. (Cee)
O si e o non, andan sempre en conversación. (Cee)
Cando barbas falan, todos calan. (Santa Comba: Freixeiro)
O lavar, non quita o falar. (Muxía: Agrodosío, Senande)
Gárdate do can que non ladra e do home que non fala. (Santa Comba: Freixeiro)
Deus te libre de home que non fala e de can que non ladra. (Santa Comba: Freixeiro)

Pero sen esquecer nunca que:
Máis vale calar, que mal falar. (Santa Comba: Freixeiro)
Calar, nunca a ninguén fixo mal. (Santa Comba: Freixeiro)
En boca cerrada, non entra mosca. (Santa Comba: Freixeiro)
A millor palabra é a queda por dicir. (Santa Comba: Freixeiro)
Palabra solta, non ten volta. (Cee)
Palabra e pedra solta, non teñen volta. (Cee; Muxía: Santa Mariña)
Falar sin pensar, é tirar sin apuntar. (Fisterra)
Pola boca, morre o peixe. (Corrubedo, Fisterra, Santa Comba: Freixeiro)
Cando penso o que vou falar, despois de dito, dáme que pensar. (Carantoña)
Moito sabe, quen a tempo sabe calar. (Santa Comba: Freixeiro)
O parvo se é calado, pasa por ben asisado. (Santa Comba: Freixeiro)
O que cala, amola a quen fala. (Corcubión)
Cando un cala, dous non riñen. (Camariñas)
Predíca, meu frade: por un oído me entra e por outro me sae. (Corcubión)
Do que non saibas non fales, que é mellor non dicir nada que dicir barbaridades. (Cee: Xallas)
No que non che importa, a lingua moi corta. (Ameixenda)
O que ten a lengua aguda, ten a costilla dura. (Corcubión)
O que fala o que non debe, oe o que non quere. (Corrubedo)

Por adiantado, pido, pois, desculpas, polo meu atrevemento. En calquera caso, ¡que todo sexa para ben!
Mirade se levaba razón, que pouco despois de poñer en circulación este artigo, descubrín que o que andaba buscando, é dicir "CONVERSA",figuraba no apartado de "entregas antiguas". Como teño a sospeita de que isto me vai pasar máis dunha vez, decidín mantelos dous, este e o anterior. Algunha diferencia teñen!

2 comentarios:

  1. Noraboa!
    Paréceme a entrada máis adecuada que se poida facer a un blog coma este, sobre todo no que fai referencia a falar pouco.
    De cando en vez visitarémolo aínda que coido que non vou ser quen de dar abasto a todo o que vaias poñendo. Eres máis rápido escribindo que eu lendo.
    Como podes ver, son Aral (xa puxen a miña foto) O primeiro descoñecido que visita este blog, o que considero unha grande honra e o de máis mérito, porque eses outros dous que aparecen por ahí teñen un apelido moi sospeitoso como para ser seguidores espontáneos

    ResponderEliminar
  2. Benquerido Manolo:

    Felicidades pola iniciativa de botar a andar un blog. Seguirei atentamente os seus pasos, que desexo anden moito moito camiño. En hora boa!

    Armando Requeixo

    ResponderEliminar