lunes, 9 de noviembre de 2009

A LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL

Terei que volver moitas veces sobre esta cuestión. É unha teima miña. O outro día lembraba o conto popular "O faco e o lobo". É un conto educativo.
Sempre falei con reticencias da educación, un sistema social de integración do individuo ao que teño dedicado os mellores anos da miña vida. Non me importa recoñecelo: eu nun fun un educador mellor ou peor ca maioría dos meus compañeiros de profesión. Pero sinto a necesidade de convidar aos que me queren escoitar a que reflexionen sobre a trascendencia desta actividade. Deixando de lado a ciencia-ficción, hoxe por hoxe non hai ningún invento máis importante para a formación do ser humano, para a conformación da súa personalidade, do seu modo de enfrontar o seu futuro, como a escola. Pero sería unha grande inxenuidade pensar que o labor desta non pasa de proporcionarnos un instrumento, sen dúbida da máxima utilidade, para o noso desenvolvemento como seres humanos. A escola é moito máis. É, por enriba de calquera outra cousa, a conformadora da nosa identidae, da nosa maneira de ser, de pensar, de sentir... Nós, queirámolo ou non, non somos máis ca o resultado dun labor educativo no que a escola, por enriba incluso do esforzo e dedicación dos propios pais, ocupa un lugar do máximo protagonismo.
A escola, a escola tradicional, ten, endebén, renunciado, polo menos nunha parte esencial, un auxiliar tan fundamental como a tradición oral do contexto cultural ao que pertence o escolar. En boa medida, dun xeito inconsciente, ou, se cadra, non tan inconsciente, empeñada na imposición dun modelo previo de individuo que, entre outras cousas, supón o esquecemento e aniquilación do modelo primitivo que identificaba ao seu educando.
Loitador, dende sempre, na defensa da singularidade dos diferentes pobos e culturas, en definitiva, da singularidade do individuo, para min resulta un esforzo dunha enorme trascendencia todo intento de recuperación da memoria do noso pasado. Un ámbito no que a literatura de tradición oral ocupa un lugar privilexiado. Entenderase, pois, que volva unha e outra vez a este universo cultural no que a xente do meu pobo, non fai aínda moito tempo, conversaba das súas cousas, intentaba resolver as súas dúbidas, pensaba atopar a solución a moitos dos seus problemas. Renunciar esta herdanza de séculos é tanto coma renunciar ao máis auténtico de nós mesmos.
O meu traballo A escola da lareira –Ed. Tososoutos, 2007– é un destes achegamentos a este mundo, no que intento ofrecerlle ao lector un encontro consigo mesmo a través das súas propias lembranzas. Coido que é un exercicio interesante de humildade e, por que non, de orgullo de sermos quen somos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario