jueves, 15 de julio de 2010
“AZUL COBALTO” DE ALFREDO CONDE
“A novela –dicía Otero Pedrayo nun dos seus famosos “parladoiros”, La Noche, 3-III-1947- orixínase na fame de saber o que é o home ou muller, como si un ánxel lle mirara a ialma: é a aureola da ialma.” “O máis lexano á novela –engadía o mestre de Trasalba- son as memorias e confesiós, porque fai de ánxel –de lus ou de tebras- o propio suxeto.” A novela ten de ser, pois, diante de nada invención, é dicir, ficción, “xa que –como dicía Otero no artigo antes citado- os fillos dos homes son enigmas, aquécese a sede (de saber) nos fillos da fantasía”. É tan así que autores tan recoñecidos como o portugués Miguel Torga non poideron disimula-lo seu descontento diante daqueles lectores que, crendo verse reflectidos na súa obra, se sentiron vítimas da acusación de seren mesmo, máis ca verdadeiros novelistas, simples “ficcionadores da realidade”.
Mais se nunca o novelista pode prescindir da realidade –como dicía Otero: “cantas máis notas da realidade colla un novelista tanto máis feitiño lle sairá o persoaxe”-, no caso da novela histórica esta facilidade pode, de certo, convertirse na súa maior dificultade. A verdade obxectiva, da experiencia, ten, se así o esixe a documentación coñecida, de sustituí-la mesma verdade literaria aínda con risco de poñer en perigo a verosimilitude do relato. E moitas veces a realidade amósase máis absurda e incrible ca propia ficción, ou, dito doutro xeito, a realidade supera á mesma imaxinación.
Alfredo Conde non era alleo a estas dúbidas cando enfrontou a súa novela Azul cobalto, a historia posible do marqués de Sargadelos, un ilustrado do século XVIII, creador da fundición e fábrica de cerámica do seu nome, e ”un dos primeiros e máis teimosos introductores do enciclopedismo e avances tecnolóxicos” no noso país. No “limiar necesario” que sirve de pórtico ó relato, Alfredo Conde, nese xogo literario con que convirte toda aparente axuda interpretativa ó lector nun recurso de verosimilitude, intenta xustifica-la presencia na súa novela duns espacios que na ampla documentación utilizada son só “silencios”, “silencios e adiviñacións”. Nas súas palabras, lúcidas e actuais, contense dalgún xeito a súa verdadeira poética deste xénero. Escribe:
“Este libro non é, polo tanto, unha biografía imposible, senón tan só unha historia imposible, fabulada arredor dos datos certos sabidos acerca dun home extraordinario. Pero puidera ser unha biografía, se é certo que a historia non é máis ca organización do pasado en servicio dos intereses do presente. Ou ben se non é mentira o que conta Heine de que un deus durmido soñaba que estaba a crear un mundo e que o mundo o era; ata que o deus espertou e alá se foi o mundo, da par co soño no que se sostiña. Se admitímo-lo que suxire Heine e se estamos de acordo con Flaubert en que un novelista é un pequeno deus, creador de mundos que soña ata que esperta deles, ou ata que o lector os habita, este libro poidera ser unha biografía. Pero resulta que é unha novela. Así debe ser lido.”
Penso que é mesmo a cualidade máis relevante do novelista Alfredo Conde a súa capacidade para crear e estructurar complexos universos nos que a autenticidade dos seus personaxes contribúe a facelos especialmente atractivos para o lector cobizoso de habitalos. Un mundo que, Azul cobalto, é unha peregrinación, a mesma que fai o marqués de Sargadelos dende a a súa fábrica destruída ata a destrucción de si mesmo, na ansia de “saber se dentro del estaba a causa da revolta dos seus traballadores”, é dicir, ó encontro consigo mesmo.
Este é o obxectivo de Alfredo Conde: amosarnos a través da historia do ilustrado Marqués, do seu pensamento e dos seus soños, dos seus amores e dos seus odios, das súas dúbidas e debilidades, do carácter das súas relacións cós demais, a verdade dun home, nun tempo e circunstancias moi concretos, que como “un pequeno deus, cruel e poderoso, omnipotente e sabio”, foi quen de construír un mundo, “pequeno pero enteiro”, como Sargadelos. Un mundo que o novelista olla dende dentro, transformando o dato histórico en lembranza -pasado evocado-, e outorgándolle todo o protagonismo –presente literario- ós “silencios e adiviñacións” da documentación consultada.
Sargadelos é o punto de partida e de chegada, sempre presente na memoria do Marqués, comezo e final do intrincado camiño que foi a súa vida. Un camiño no que Oscos e o primo Josef Lombardero, Vilanova de Oscos e o seu ilustrado mestre Frei Venancio, Ribadeo e a amistade do herdeiro da Casa de Guimarán, Bernardo Filipe, constitúen o espacio real no que se move en presente “el, o fillo do escribán, o mesmo que se está a quedar ensimesmado mentres axexa os seus espacios interiores, unhas veces na busca da sombra do seu pai, outras na da súa nai ou mesmo da súa propia, quen sen dúbida ha andar tamén a pasear por eles”, o home que “encheu de cravazóns os barcos todos de El-Rei, de ferro as bocas dos seus canóns, de potes as lareiras todas do país”. Porque “a vida é unha viaxe que dota ós humanos dos máis estraños, dos máis disparatados, mesmo dos máis complementarios compañeiros de viaxe”.
Esta é a intelixente estructura de Azul cobalto, unha peregrinaxe na que a historia, feita lembranza, non é máis real que os pensamentos, inquedanzas e desacougos dos seus personaxes. O autor que sabe –insistirei nesta técnica narrativa de Alfredo Conde- que o tempo presente na novela, como o diálogo, fai ó lector testemuña directa acentuando a verdade do narrado, presenta sempre os soños en primeiro plano, reservándolle ó da reflexión e ó dos recordos aquilo que, en xeral, pertence ó plano da experiencia obxectiva do lector. Algo, por outra parte, do que é vítima o propio protagonista cando despois dunha pequena colación bota anda-lo camiño co que estivera soñando pouco antes. “É a segunda vez que o percorre en poucas horas, a primeira foi no soño.” Pero “a sensación que garda da primeira é tan certa, tan real coma a de agora mesmo, diríase que aínda máis”.
Despois de todo, a verdade literaria non é menos verdade que a da nosa experiencia. Se cadra só distinta. Non é máis verdade a fundación da fábrica de cerámica de Sargadelos que a introspección que realiza o seu fundador diante do retrato que lle fixera o propio Goya e que agora leva consigo como único obxecto merecedor de ser salvado por el da desfeita da súa fábrica. Do primeiro temos noticia polos documentos que se conservan daquela época, mentres do segundo sabemos escoitando directamente o latexar do corazón do propio Marqués, respirando o seu alento, sentíndonos contaxiados dos seus medos.
Nada, neste senso, máis auténtico e real que Lucinda, o amor secreto dos seus derradeiros anos. A proximidade da morte, aínda que Antonio Raimundo Ibáñez siga pensando en poder esquivala, dálle ó seu testemuño un valor especial. E, naqueles momentos, “Antonio pensou en todo canto tiña atesourado nas cámaras (ocultas), en cómo podería quedar destruído de novo Sargadelos, se de novo se decidían a iso os vellos fidalgos e mailos cregos, ou el mesmo, en que calquera temporal lle podería levar un barco e máis en que, a última hora, o máis seu de todo era aquela moza aldeá que nada lle pedía e tan só se limitaba a chorar por el caladamente.”
Todo é verdade en Azul cobalto para facer verdade a figura excepcional de Antonio Raimundo Ibáñez, un ilustrado que loitou, dende a súa persoal maneira de entende-lo mundo no que lle tocou vivir, por alcanzar un recoñecemento que pensaba merecer. A súa familia, os seus amigos e enmigos, as súas empresas, os seus pecados e acertos... Ata a paisaxe, natural e urbá, dos Oscos, de Ribadeo, de Ferrol... conta cousas do home que nos lembra a cerámica de Sargadelos.
Penso, de certo, que Alfredo Conde nos agasalla nas súas edicións en galego e castelán –Edhasa, 2001- de Azul cobalto unha das súas mellores novelas. Apaixonante no desenvolvemento da acción, maxistral na súa composición, conmovedora e tenra no tratamento dos personaxes... Pero, sobre todo, auténtica no retrato dun tempo e unhas circunstancias, que son, gústenos ou non, parte importante da nosa propia historia.
Un libro, en fin, que de certo merece a pena volver a ler.
viernes, 9 de julio de 2010
LIBROS PARA VOLVER A LER:
XAVIER QUEIPO E O RELATO DE FICCIÓN CIENTÍFICA
Voltemos a un autor do que me sinto particularmente devoto: Xavier Queipo. Coa súa última obra diante de min, Cartas marcadas, non podo menos de lembrar este artigo que publiquei sobre el e a súa obra no xornal El Correo Gallego. Para min segue tendo toda a actualidade daquel momento. Dicía así:
Nun artigo case xa esquecido –“Aproximación á idea dunha narrativa galega actual”, en Premios Pedrón de Ouro 1985-1986- intentaba, dende unha preocupación esencialmente didáctica, apunta-los camiños que, dende o meu punto de vista, estaba a debuxar unha narrativa galega con vocación de universalidade na modernidade. Non se sinalaban alí, evidentemente, nin os camiños posibles nin tan siquera tódolos iniciados naquel momento. Non era ese, de certo, o obxectivo daquel traballo. Pero a ausencia naquel deseño dun xénero como o “relato de ficción científica” paréceme hoxe enormemente significativo, sobre todo cando penso que é mesmo unha xeración de narradores universitarios a principal protagonista do alto nivel alcanzado pola nosa narrativa actual.
Xavier Queipo, o iniciador e consolidador desta nova corrente na narrativa galega, publica o seu primeiro libro de relatos –Ártico- en 1990, Premio da Crítica Española. Logo irían aparecendo Ringside e Diario dun nómada (1993), Contornos (1995), O paso do noroeste (1996), Mundiños (1997), Manual de instrucción e Malaria sentimental (1999), e agora, na colección Narrativa de Edicións Xerais, 2001, unha nova novela, Papaventos. No ámbito da investigación vén de publicar, en colaboración con Fernando Lahuerta Mouriño, o Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos (nome científico, galego, español, inglés, francés, portugués) -Xunta de Galicia, 2000-, un traballo que, para o que non saiba que Xavier Queipo é un biólogo que forma parte da Comisión de Pesca da UE en Bruselas, pode ser unha boa orientación na aventura de disfrutar do labor literario deste autor.
Papaventos, nembargante o rótulo con que encabezamos este comentario, significa na traxectoria narrativa de Xavier Queipo un camiño moi diferente do que, por exemplo no contexto do “relato de ficción científica”, representan os microrrelatos de Mundiños ou a novela O paso do noroeste, distinguida co Premio García Barros 1996, “ex aequo”. Condición que, non obstante, non lle permitirá ó lector esquecer algunhas das mellores cualidades destas.
Efectivamente, o autor, nesta nova entrega ó lector, tece o seu relato arredor dunha anécdota, sen dúbida suxerente, pero de todo común, na que o compoñente de “ficción científica” non ten nigunha presencia. Francis, un mozo de Padrón, profesor de literatura hispánica en Chicago, que traballa agora como consultor, editor literario e traductor nunha editorial de California, recibe o encargo da tradución de Ensaio sobre a cegueira de Saramago no momento en que lle acaban de diagnosticar “unha enfermidade dexenerativa de retina”, de carácter progresivo, que o vai deixar cego nun prazo de seis meses. Unha traxedia humana na que, nin o amor da irlandesa Rose, que traballa nunha consultora de informática en San Francisco, nin a lembranza e reencontro coa súa terra de orixe, logran diminuíla intensidade do medo e obsesión con que a ameaza de cegueira o envolve.
Francis disfruta un contexto cultural que non lle gusta, mergullándose no amor que lle agasallan personaxes dunha sensibilidade tan exquisita como Andy ou tan xenerosa como Rose, rematando por interiorizalo coa mesma intensidade con que a sombra da cegueira se lle fai presente. O resultado é un universo íntimo, de profundos contrastes e variados matices, no que o autor logra introducirnos, máis que coma espectadores privilexiados, coma verdadeiros compoñentes do mesmo.
Un mundo no que a necesidade do éxito define o comportamento de personaxes como Martin ou mesmo condiciona a vida de criaturas como Rose, no que o tempo, cun ritmo en exceso acelerado, modela os máis insignificantes acontecementos -“Logo dunha ducha de urxencia –entrar, mollarse, enxaboarse, mollarse, secarse- estaban listos para un almorzo tamén rápido”-, un mundo no que Francis, sen renuncia-la súa propia identidade, intenta descubri-la presencia de algo de si mesmo. Diante do espectáculo duns mozos surfistas na costa de San Rafael a San Francisco, Francis reflexiona, comprensivo e desilusionado: “A súa vida non fora, non era en realidade moito peor cá daqueles rapaces que pasaron do berce ó monopatín e da escola á táboa de surf, e de alí, coa asignación que o xuíz decidira no divorcio dos pais e o complemento dun traballo a tempo parcial nunha pizzería ou nun taller, á universidade, ou a viaxar polo mundo na procura das ondas, de Hawai a Tarifa, de Australia ás Illas Maldivas, sen outra responsabilidade que ser novos e solidarios, ecoloxistas arcanxélicos, defensores de utopías filmables, e tamén algo artistas, soñadores de gárgolas mariñas, de homes anfibios e animais quiméricos e rizosos acamados nas escumas.”
É, nembargante, a presencia permanente de Galicia, un país, que a mesma Rose, imaxina “curioso e estraño como poucos, perdido na néboa dos tempos”, un país que, incluso unha vez recuperado na volta a el do protagonista, segue amosando a cara dun mundo no que moitas cousas “xa non son, pertencen exclusivamente ó mundo das lembranzas e dos soños”, o que lle permite a Francis seguir sendo el mesmo. Unha presencia que se fai especialmente real no relato de “anécdotas da súa infancia nos arredores de Padrón” –“tardes de verán, que daquela semellaban infinitas na súa duración e agora tan afastadas e tan tristes”-, e no arranxo de pratos da terra como o “polbo á maneira da Illa de Arousa” ou a raia seguindo unha “receita da súa bisavóa materna, unha muller rexa da comarca muradá, experta en peixes e embarazos, algo despótica no trato pero boa cociñeira”.
Aínda que nesta novela, Papaventos, a lingua de Xavier Queipo se suaviza e adelgaza fronte á utilizada en obras anteriores, amosándose máis natural e familiar –“nin farrapos de gaita”, “no cabo do mundo”, “a conta da vella”, “o conto da leiteira”, “prenda do meu corazón”...-, o clima cultural que recrea e a especial devoción do autor pola precisión, científica, fai que esta se caracterice pola presencia de numerosos cultismos preferindo, por exemplo, “espástico” –unha aperta espástica”- a “espasmódico” (de “espasmo”), ou “estocástico” –“bolboreta de rumbo estocástico”- a “ventureiro” (“sen orientación”, “sen destino”), ou expresións como “marcar territorios” fronte, por exemplo, a “agruparse por afinidades de clase ou de gustos”. Carácter culto que se acentúa aínda máis no emprego de citas ou referencias –cancións, modismos- de linguas como o inglés, o francés ou o portugués.
Poderíase pensar que, de certo, o ton culto da súa lingua é, nesta e noutras obras, un alongamento do estilo propio do seu xénero o “relato de ficción científica”. Non debemos, nembargante, esquece-la importancia que Xavier Queipo lle concede á lingua. ¿En quén estaría, por exemplo a pensar cando o seu personaxe, Ros, a fermosa e intelixente irlandesa, se pregunta intentando adiviña-la razón da importancia de Saramago: “¿Qué obxecto tiña escribir nunha lingua que non fose inglés se todos os programas de ordenadores estaban en inglés, se os negocios se facían en inglés, se dos cen mellores escritores do mundo noventa e cinco escribían en inglés?”
Unha novela, en fin, para un lector intelixente, dun dos máis sólidos valores da nosa narrativa actual.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)