jueves, 12 de agosto de 2010


"COMO LEVAR UN MORTO” DE XESÚS RÁBADE PAREDES

Coñezo, estimo e admiro a Xesús Rábade Paredes dende fai moitos anos -escribía eu o 21 de Febreiro do 2002-. Se a memoria non me traiciona, dende o 1969. Un verso seu, inspirado se cadra na poesía, entón prohibida, de Miguel Hernández, fixo medrar diante de min, daquela profesor de Literatura no Colexio Manuel Peleteiro, a figura dun rapaz miúdo, tímido, de ollada triste pero inquisidora, ó que Xurado do Certame Literario “Minerva” acababa de distinguir co primeiro Premio e flor natural. Chegaba dende as terras de Lugo, na compaña do seu mestre, o profesor Xesús Alonso Montero, e doutro compañeiro de Instituto, Darío Xohán Cabana, tamén premiado no mesmo Certame, ámbolos dous, dende entón ata que a idade llo consentiu, detentadores do primeiro e segundo premios, dun xeito case alternativo, deste prestixioso Certame Literario.
O Xurado, composto por ilustres persoalidades das Letras –catedráticos da Universidade e dos dous Institutos de Santiago-, entendendo que a posible publicación da obra premiada era responsabilidade exclusiva do Colexio organizador do Certame, acordou nesta ocasión, non sen certas reticencias por parte dalgúns dos seus compoñentes, facer caso omiso dun verso no que o poeta soñaba futuros con nenos nacendo co puño pechad. Unha decisión que non logrou nembargante facer desaparece-lo desasosego que acababa de producir en tan culta xuntanza o poema dun rapaz de Lugo, máis concretamente de Cospeito, que, nun tempo de medos e silencios, berraba esperanzas de rebeldías e liberdade.
Tiven a sorte de poder seguir dende entón a brillante carreira literaria de Xesús, xa como amigos e, incluso, como compañeiros en aventuras, entre outras, como a fundación da revista institucional Anduriña, do suplemento O Correo Cultural de El Correo Gallego, ou mesmo como coautores na serie audiovisual Vieiros de Galicia. Vin, dende esta atalaia privilexiada da amistade, como seguía a medrar o poeta que eu descubrira un día nas festas Minervais do Colexio Manuel Peleteiro, e celebraba con orgullo de amigo os diferentes premios que recoñecían e aplaudían os seus indiscutibles méritos. Primeiro, no campo da poesía –o Manuel Antonio, o Galicia, o Esquío e o González Garcés- e, pouco despois, dende A terra prometida, premio Ateneo de Moaña 1974, no ámbito da narrativa, con títulos como Morrer en Vilaquinte, en colaboración coa súa dona Helena Villar Janeiro, tamén celebrada poetisa, que mereceu o Premio Galicia de narrativa da Universidade de Santiago de Compostela 1980, Saraverde (1987), A palabra secreta (1989) e Branca de Loboso, premio “Álvaro Cunqueiro” de narrativa, 1992, entre outros.
Quero endebén confesar que nunca logrei superar de todo aquel estraño desacougo que me dominou a primeira vez que tiven a oportunidade de ler unha obra súa. Direi máis aínda: Xesús Rábade, non só non renunciou nunca, como creador, os seus soños de espertador de inquedanzas e desacougos, senón que, dende a madurez que dan os anos, o estudo e o traballo, acentuou aínda o seu ton, acedo e crítico, á hora de interpretar, describir e recrear realidades que, evidentemente, non lle gustan, non compracen o seu ideal de soñador de futuros diferentes.
Cando lin por primeira vez a súa última novela Como levar un morto –na miña condición de membro do Xurado do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta do concello do Grove-, non sospeitaba que puidera ser Xesús o seu autor. E, non obstante, dominoume entón o mesmo desacougo que sentira sempre que enfrontei outras lecturas do benquerido amigo.
Sentinme, de certo, diante dun relato esplendidamente escrito –non teño ningún inconvinte en confesar que me pareceu o mellor e máis logrado dos trinta e tantos traballos presentados-, tan cheo de verdade sentida e vivida que non dubidei en adianta-la sospeita de que se trataba da obra dun autor maduro, feito, dono dos segredos da arte literaria; pero profundamente desacougante.
Tres votos contra dous déronlle o Premio a outro relato, Breve crónica universal da clase obreira, do escritor e xornalista Jaureguizar. O xurado recoñecía publicamente os méritos da novela de Xesús Rábade Paredes cunha mención especial e a recomendación da súa publicación, proposta esta última que aceptou inmediatamente Sotelo Blanco Edicións agasallándonos a todos coa súa presentación no mesmo acto da entrega de premios deste Certame grovense.
Nembargante, a maior distinción tiña de ser mesmo para min, ó consentirme a xenerosidade do autor o exercicio terapéutico de poder confesar en público as escuras razóns do profundo sentimento de desasosego e desacougo que sinto abrollar, no máis dentro, cando leo algo seu. Agardo só que os oíntes, ós que vos agradezo por adiantado a vosa comprensión, saibades facerme a gracia de entendelo así, disimulando, ata onde volo consinta a vosa xenerosidade, a pouca académica presentación que estou a facer desta novela de Xesús Rábade Paredes.
Rábade sinte coma min unha especial devoción pola historia, pola historia de tempos arredados e pola historia máis próxima. Pero, tanto nun caso coma noutro –As sombras do Barroco ou Branca de Loboso poden ilustrar perfectamente o primeiro suposto, coma Como levar un morto é un espléndido exemplo do segundo-, vista e recreada dende unha perspectiva tan actual, diría que case familiar, que o lector non pode evitar sentirse un personaxe máis da mesma. En ningún caso como un espectador alleo a súa peripecia; sempre, de certo, como un personaxe, non só comprometido, senón, incluso, dalgún xeito responsable do propio acontecer do universo narrativo que nos ofrece o autor.
E é mesmo nesta implicación, non necesariamente desexada, onde se atopa a razón principal dos desacougos e inquedanzas que poden espertar –que espertan- no lector as obras de Rábade, en xeral, a súa obra literaria, e, dun xeito moi particular, Como levar un morto.
Lembra-la historia é, sen dúbida, un recurso de enorme eficacia para evitar vivir de novo acontecementos que interrumpiron nun momento dado o normal desenvolvemento dunha comunidade humá. Os que esquecen, para alonxa-lo sufrimento dunha lembranza desagradable, están necesariamente condenados a poder vivi-la propia realidade que se esforzan en olvidar.
Vivimos na lembranza das cousas, dos outros e, aínda, do que soñamos. A desmemoria –a perda da memoria- é o camiño de volta do ser humán cara ó lugar que foi punto de partida do noso nacemento. Morremos no esquecemento.A lembranza do pasado é un exercicio de recoñecemento do que outros viviron como camiñantes dese camiño que nós mesmos estamos obrigados a continuar facendo. É un xeito de recuperación das súas vidas, unha resurrección, un modo de devolvelos a nosa beira para podermos compartir, intelectualmente, reflexivamente, sentimentalmente, experiencias que definitivamente renunciamos ter que vivir nós mesmos.
Os personaxes de Como levar un morto non son, de certo, simples entes de ficción, senón mortos resucitados, veciños, amigos ou familiares devoltos á vida polo poder taumatúrxico da palabra de Rábade. Pero que cada un de nós, cada lector, -estimulada a nosa memoria pola maxia desas palabras- facemos presentes, traxica e dolorosamente presentes nas nosas vidas de conformistas habitantes dun mundo esquecido de pasados pouco gratos. Porque Como levar un morto é, se cadra diante de ningunha outra cousa, a recreación dun universo de vivos nos que os únicos mortos somos precisamente nós mesmos.
A verdade, a verdadeira verdade desta novela, disimúlase só detrás dos nomes, dos nomes de persoas e de lugares. Unha verdade que nos fire –déixenme que repita a expresión que máis me gusta: “que nos desacouga”-, mesmo porque nos sentimos parte dela, porque non logramos enganarnos con só mudárlle-lo nome ás cousas, ás persoas, ós lugares.
E moitas veces, consciente ou inconscientemente, gustaríanos facelo: enganarnos, poder enganarnos, esquecer, continuar esquecendo. Como, se cadra lle pasa a Isaura Mougás, a doce coprotagonista de Como levar un morto, para o seu namorado, Amador Souto, “ás veces a Purísima e ás veces Dulcinea”, cando nun intento inútil por sosega-lo ánimo inquedo deste, non dubida en suxerirlle: “Contra o que ti cavilas, o silencio non mata se sabes gobernalo.” “¿Por qué –pregúntalle e pregúntase- sempre furgamos na memoria? ¿E por qué non deixamos que descansen os mortos?”.
Amador Souto, que lembra e escribe dende o psiquiátrico de Conxo ou dunha pousada dos Loureiros, non pode nin quere esquecer. “Isaura –respóstalle-, os nosos mortos non descansan en paz.” E o lector intenta entender, ten necesidade de entende-las razóns da diferente actitude de Isaura e de Amador Souto. Isaura, fuxida e alonxada do amor da súa vida, quere, desexaría poder borrar en Amador a lembranza da traxedia que foi e é aínda a súa vida nun mundo de posguerra, dunha posguerra "(in)civil", coa resistencia refuxiada nos montes e as súas familias vítimas da vinganza cruel dos que os condenan e persiguen. Amador Souto leva moitos anos alternando o seu encerro no psiquiátrico de Conxo cunha humilde pousada nos Loureiros. E segue a facer memoria do seu tempo de neno, das mentirosas lecturas escolares de La Historia de Espña contada con sencillez de José María Pemán ou do Camino recto y seguro para llegar al cielo; das lecturas que representaron illas de doce refuxio como o Quixote ou as historias de Tristán e Iseo; da morte de seu pai, asasinado na gabia dun camiño; da morte de Etelvina, do asasinato de Etelvina, a nai da súa Isaura; da morte de súa nai Lola; do seu grande amigo o Cacharrón; do seu parente o Roxo, ó que lle "deron paseo pouco antes que ó pai"; de Don Fidel da Feira, "bo escolante e moi boa persoa"; e de Fermín Calveiro, "de mal nome o Estirado e tamén Teso", e da mestra a Pardeira, "un toxo bravo", e de Don Feliciano, "o mal crego e malcristián", e dos mortos que dormen na Lagoa da Lama...
"Na Lagoa da Lama –escribe Amador Souto- disque dormen aínda os vellos moradores. Bradan por veces desde o fondo das augas para que os vivos non perdan a memoria. Pero esta terra, Isaura, xa case non recorda. Vai indo para vella -tamén- e para morta." "Dámaso Alonso escribe: 'Madrid es una ciudad de un millón de muertos'. Aquí, dentro de pouco, non se contan."
Por iso se fai obrigado lembrar. "Hai que volver á fonte" -insiste Amador-. "De vez en cando hai que volver á fonte das augas para que os vivos non perdan a memoria. Anque polo camiño tropecemos cos mortos. Anque doan os mortos que nos chaman."
A nós gustaríanos non ter escoitado. "Mesmo a memoria -como nos avisa o propio Amador Souto- ó recordar ten medo." E as historias que vivimos ou escoitamos de nenos fanse lembranza nas lembranzas de Amador Souto. E ata nós chegan cada tanto os berros dos mortos que pensabamos definitivamente dormidos nos seus fosos.
"A terra, Isaura -escribe Amador-, sabe apertar os ósos na hora da verdade, nas únicas verdades terminantes da vida: o amor e máis a morte." Pero, como pensa o doutor Domingo Vilanova, o médico que coida da saúde de Amador Souto,"nunca o pasado, por fondo que se enterre, pode atopar na cova a morte definitiva".
E un fondo desacougo fai dubida-la nosa seguranza disimulada no refuxio do silencio, no tobo do esquecemento.
As lembranzas de Amador Souto, un rapaz que "cursaba estudios de bacharel por libre cando o chamaron para servir á patria", debuxan un mundo especialmente duro, dominado pola crueldade inmisericorde dos vencedores, e soportado polo sufrimento e o silencio dos vencidos. "De temperamento máis ben sentimental, menos intelectivo que afectivo", Amador Souto lé, reflexiona, lembra e escribe dende o seu reclusorio do psiquiátrico de Conxo e da pousada dos Loureiros, como unha terapia aconsellada polo médico.
O relato achégase, na súa estructura e, sobre todo, no seu contido e lingua, ó que poderíamos chamar un poema épico en prosa, en once cantos. Un canto épico-lírico do que, como como nos lembra o amigo que se faría cargo de dar ó prelo esta obra, o propio Amador Souto dicía: “o canto que cantamos é como un río acedo que zumega recordo, só recordo; que queima conxelado nas canles da memoria, petando xordamente dentro das mil comportas." "Non é -como insiste noutro momento- ningunha lenda todo isto, nin ningunha elexía. Oxalá fose. Oxalá o río virase o curso un día e mudase o seu canto."
Un canto épico caracterizado pola sinceridade do íntimo, porque o autor, "Amador Souto, sabe ben o que quere e esgota toda a tinta do tinteiro. Pésalle moito o noxo e non esquece. Cando vomita baléirase por dentro,que nisto non lle gusta deixar nada".
Nin os documentos oficiais, expedientes nos que se recollen, ó seu xeito, informacións sobre algúns dos desaparecidos que figuran nesta historia, nin as cartas, a de seu pai deixándoo encargado do coidado de súa nai, ou as fermosísimas cartas de amor de Isaura -engadidos por consello do amigo que alenta a escritura deste relato-, diminúen en nada o profundo sentimento lírico do mesmo. "Entre as catro paredes macizas do psiquiátrico -confesa Amador-, ou che dá pola lírica ou ben te volves tolo."
Pero é, sobre todo, a lingua, na selección dun léxico no que se escoita o falar puro e doce da Terra Chá, e na súa coidada e rítmica sintaxe, coma os ondas do río que é a vida, recursiva, a que define e mellor explica o senso musical deste doorido, acedo e lírico canto."¿Quéresme ler -pídelle Amador ó seu amigo- o último que fixen? Dáme a impresión de estar nunha espiral, quizais nun remuíño ou círculo pechado... Se me convence a música, xa acabo."
Unha novela, de certo, para ler despacio, diríamos mellor, para escoitar no silencio ou, como lle gustaría a Amador Souto, coa sonata Luar de Beethoven como fondo, aínda que nos poña, como a el, un pouco tristes. Non lograremos, quizabes, librarnos do desacougo que produce o encontro cos nosos mortos. Pero poderemos descansar como Amador Souto escoitando e sentindo a fermosa esperanza de Álvaro Cunqueiro

"Pero eu resucitarei, que soio volven
os que recordan, compañeiros."