domingo, 26 de agosto de 2012

LIBROS PARA VOLVER A LER: BALDOMERO CORES



“HISTORIA DE CEE”, DE BALDOMERO CORES TRASMONTE: PRESENTACIÓN NA CASA DA CULTURA DO CONCELLO DE CEE

            Miñas donas, meus señores:
            Só a xenerosa decisión do Ilustre Cronista Oficial deste Concello, o grande amigo Baldomero Cores Trasmonte, empeñado en disimular e diluír, se tal cousa fora posible, o relevante papel que coma estimulador, Director e autor lle corresponde na realización desta  “HISTORIA DE CEE”, xustifica a miña presencia aquí coma presentador da mesma. Consíntanme, pois, que aproveitando este convite de Baldomero, celebre, non só a edición desta obra, senón tamén o orgullo dun pobo que sabe honrarse a si mesmo agasallándolle aos seus fillos e herdeiros a memoria mesma da súa propia historia.
            A importancia dun pobo non está, de certo, só na grandeza e número dos seus monumentos, na fermosura da súa paisaxe natural e urbanística, na súa riqueza agropecuaria, pesqueira ou mineira, con seren todas estas cousas manifestacións importantes da sensibilidade, capacidade creativa e vontade dunhas xentes que cren no seu futuro, que soñan tempos mellores. Un pobo hónrase, por enriba de calquera outra cousa, no recoñecemento con que sabe distinguir os seus fillos ilustres e no empeño con que se esforza en amosalos coma modelos do seu futuro. Porque isto último é mesmo a razón primeira e máis importante que xustifica lembrar a propia historia.
            Porque esta “HISTORIA DE CEE” é esencialmente iso: a memoria duns tempos e dunhas xentes que un escolleito equipo de traballo, dende o particular ámbito das súas especialidades, e baixo a dirección de Baldomero Cores, acometiu a empresa da súa recuperación. Un proxecto que folgaba dende hai moitos anos no maxín de Baldomero, e que hoxe, grazas ao saber e o esforzo dese equipo, no que xunto a profesores e investigadores coma Fernando Alonso Romero, Antonio Bernárdez Sobreira, Ana Framiñán Santas, Francisco Lestón Villar, María Xosefa Piñón López, Antonio Presedo Garazo, Manuel Quintáns Suárez e  Xoán Carlos Rodríguez Pérez, figuran ilustres fillos de Cee coma o mesmo Baldomero Cores Trasmonte, Baldomero Cores Lamas, Francisco Mayán Fernández, Xosé Ramón Rei Senra e Xabier Rei Souto, citados todos na orde alfabética que aforra calquera discusión sobre os seus indiscutibles méritos.
            Obra que, en calquera caso, nunca tería sido posible sen a entusiasta acollida que, dende o primeiro momento, lle dispensou a Excelentísima Corporación Municipal de Cee, tan dignamente presidida polo seu Alcalde, Manuel Lamela Lestón. Feito que pon claramente de relevo as verdadeiras prioridades do seu labor de goberno, manifestando con toda claridade o seu compromiso coa obriga de ser diante de nada a conciencia, a voz e o poder executivo da vontade do seu propio pobo. Amosando á vez o seu profundo respecto e recoñecemento diante daqueles que, nalgún momento ou agora mesmo, fixeron ou están a facer por eleva-lo nivel de autoestima do seu Concello e o prestixio do seu nome dentro e fóra das súas propias fronteiras. Comportamento que o propio pobo recoñece e aplaude no orgullo con que amosan e coidan a presencia dos seus nomes en prazas, rúas, institucións culturais e monumentos que embelecen os xardíns desta vila, acreditación pública da clara  actitude de correspondencia do mesmo pobo con aqueles fillos que, con máis xenerosa entrega, souberon e saben agasallarlle o mellor de si mesmos.
            O que define, de certo, a un pobo é  mesmo esta comunidade de vontades ó servicio dun obxectivo colectivo, o compromiso dunhas xentes que confiando no poder da intelixencia e no valor do seu esforzo, son, consciente e valerosamente, camiñantes dese camiño do que, como dixo o poeta, só é posible facelo andando.
            Baldomero Cores ten sinalado que Cee é un pobo caracterizado pola súa teimosa cobiza de modernidade, aberto con especial empeño á conquista dun mundo de progreso e prosperidade. Superando os témeros atrancos do secular aillamento ó que foi condenado no Fisterra galego polo abandono dun centralismo estatal incapaz de comprende-lo verdadeiro senso da súa vocación de xentes abertas á comunicación solidaria e participativa con tódolos pobos veciños, peninsulares, europeos, americanos..., Cee, sen renunciar nunca os seus esforzos na loita polo progreso material, soubo atopar, sobre todo, no cultivo dos valores culturais, o seu verdadeiro e persoal camiño de presentes con soños esperanzados de futuro.
            Un mundo no que o predominio do rural e mariñeiro, non foi nunca impedimento para que, dende o seu sentido respecto ao pasado e ao mundo máxico que alenta no seu folclore e na súa literatura oral, coma reflexión sosegada sobre os valores da vida, da morte, do destino e de si mesmo, descubrir e andar o camiño do progreso que facilitan no tempo  as máis modernas conquistas científicas e tecnolóxicas.
            A Historia, miñas donas, meis señores, é, diante de nada, testemuño do noso acontecer, representa o ben máis preciado dunha comunidade, e do ser humán. Ela é a guía e o camiño da colectividade, a definición última da súa identidade, a forza conformadora do seu ser, da súa singuñlaridade e personalidade. Só os que non teñen historia, ou, por ignorancia, coidan non tela, son uns ninguéns que non saben de onde veñen nin a onde van. O noso refraneiro rise mesmo destes tales con agudos dialoxismos coma este: -"A onde vas, ninguén? -A casa de ninguén. -Non hai ninguén na casa!"
            Todos, sde certo, somos fillos dunha cultura determinada: procedemos dela como procedemos dunha familia. A renuncia á calquera delas non fai menos certo o noso refraneiro cando nos lembra:  "Sexa nas mans, sexa nos pés, has tirar a quen es". Ou tamén: "Ou nas uñas ou nos pés, has parecerte a quen es."
            Esta HISTORIA DE CEE que, con grande e xustificado orgullo -non só polo feito de termos colaborado na súa realización, senón polo que esta obra significa coma expresión da vosa vontade de pregoa-lo que sodes e queredes ser-, non é outra cousa que a lembranza do acontecer e aínda do quefacer cotián daqueles que a través dunha loita de milenios na procura dun futuro que é o presente actual se esforzaron en conquerir para todos vós e para todos nós este fermoso presente de esperanzados soños dun novo futuro.
            Na súa xeografía, nos restos do seu pasado máis lonxano, nas súas mesmas representacións simbólicas, na memoria das súas tradicións e relatos, nos documentos escritos e iconográficos, intentaron descubri-los autores desta HISTORIA DE CEE algúns dos seus segredos: a razón e o senso das súas inquedanzas e desacougos, das súas alegrías e dos seus éxitos. Dende a memoria dos tempos máis arredados ata hoxe mesmo.
            Unha Historia que, por obra e gracia do seu Director, último responsable da selección e organización dos diferentes traballos que a compoñen, semella máis, na súa estructura e composición, unha representación teatral ca un relato tradicional. Diante dela un cre, de certo, percibir, máis que a suxerencia dunha sosegada lectura, o apaixoante convite a contemplación dun espectáculo no que o pasado intenta facerse realidade actual diante de nós mesmos.
            Sobre un fondo de redobres de tambores e o bater de remos nas augas do noso fermoso Golfo Píndico, poden sentirse aínda os latexos que anuncian o nacemento dun pobo: alí, no fondo das súas augas, a terra treme con dolores de parto. Está a escenificarse o noso propio nacemento.
            Adiántase, súpeto, nun primeiro termo, un impresionante escenario -"contorno físico e humano de Cee"-, no que, coma fantasmagóricos decorados, o Concello, a súa representación política, e a lingua propia desta comunidade, definen a súa situación xeográfica e ambientación social". Enriba del, ós pouqiños, vaise erguendo o telón do tempo, un trapo grande cheo de buratos, primeiro, e logo de todo transparente, que nos deixa, non só ver, senón, incluso, participar nunha sorprendente e, á vez, familiar representación na que, como nesas veladas de colexio, o espectador coida recoñecer, detrás de cada personaxe, a un veciño, a un amigo e, aínda, nalgúns deles, a si mesmo.
            Entre mestas néboas, adivíñase entón a presencia dos antigos Nerios, marabillados, primeiro, diante da fermosura das terras que acaban de facer súas, asistindo, logo, estarrecidos, á chegada dos soldados do Imperio Román, intentando, despois, incrédulos, entende-los esforzos dun Cristianismo empeñado, na súa loita de descrédito contra as súas vellas crenzas, en facerlles crer na boa nova dun mundo novo no que tódolos seres humans son iguais. E, no hourizonte, albíscanse "a ruta xacobea e os límites simbólicos da terra ceense".  
            A claridade non logra racha-las tebras que envolven os tempos medievais. O ruído dos cascos dos cabalos dos señores de Trastámara apaga esperanzas de igualdade e liberdade nas Terras de Nemancos. A cultura do dominio parece impoñerse sobre calquera pretensión de autonomía individual ou colectiva. Os donos, que presumen de sangue azul, parecen xentes doutra raza.
            Endce ben, os tempos modernos vanse abrindo paso, pouco apouco. A sociedade estamental faise realidade, e os pulos do Concello de Cee resultan evidentes no seu esforzo de desenvolvemento. Figuras excepcionais, coma Domingo Antonio de Andrade, dan testemuña da vocación dun pobo aberto ós outros pobos, da súa vontade de romperen calquera intento alleo de aillamento.
            Os séculos XIX e XX testemuñan o logro desa identidade que define e singulariza, solidariamente, o Concello de Cee no contexto dos 315 nos que se organiza administrativamente a nosa Comunidade Autónoma. Unha identidade que se amosa consolidada na súa loita heroica contra o invasor francés -a francesada-; na aplicación dos modelos globais no ámbito da economía; no relevo outorgado ó complexo agrogandeiro; no crecemento continuado da súa poboación; no desenvolvemento das políticas públicas, os poderes locais e a vida social.
            E o espectador, ó tempo que se enfronta, xa nas páxinas finais, coa oferta doutras fontes documentais que se atopan a súa disposición na Biblioteca e Concello de Cee, sabe entón que non fora un mal soñ a sospeita de que esta HISTORIA DE CEE é ao fin e ao cabo, unha viaxe a través do tempo cara a nós mesmos, cara ó coñecemento de quen fomos, de quen somos e de quen queremos ser. Viaxe, insisto, tan obrigada coma a pelerinaxe que, polo menos unha vez na vida, temos, segundo a tradición de realizar todos ao santuario de Santo Andrés de Teixido, a "onde -como lembra o dito popular- irá de morto o que non vaia de vivo".
            É, ademais, esta “HISTORIA DE CEE” un roteiro para turistas curiosos de mundos descoñecidos, guía que aconsella atallos e sinala a cada paso a dirección máis oportuna para non trabuca-lo camiño dos máis fermosos soños. Os seus propios autores serán -carga da que en nome de todos quero disculparme publicamente- compañeiros inseparables de cantos decidan con entusiasmo esta viaxe, que, baixo a atenta labor de vixía de Baldomero Cores Trasmonte, se fará camiño no follear curiosos das súas páxinas.  
            "Nin que dicir ten -como adianta no prólogo o propio Director desta HISTORIA-que os autores tiveron –tivemos- a liberdade necesaria, absoluta máis ben, para desenvolve-las nosas ideas, aplica-los nos métodos e ofrece-los nosos puntos de vista." Liberdade que os nosos futuros compañeiros de viaxe -os lectores- poderán comprobar por si mesmos na preferencia, nalgúns títulos, por penetra-lo misterio da lenda ou descifra-los sensos escuros do universo do simbólico, polo relato histórico tradicional, noutros, ou, mesmo, polo rigor da máis moderna historiografía ou dos estudos filolóxicos máis modernos. Diversidade que, sen dúbida, enriquece a aberta perspectiva de enfoques desta HISTORIA DE CEE.
            Evidentemente, nas súas páxinas, non se  conta todo. O lector avisado sabe que isto é, simplemente así, só porque non pode ser doutro xeito. Limitación que nin tan siquera os interesantes recheos con que o Director desta obra -aínda que pudorosamente aparezan sinados coa anónima expresión A REDACCIÓN- logra disimular. Os autores coincidimos, de todo, con Baldomero en que aínda que "o sacrificio de páxinas, cando o espacio se fixo cativo, foi doroso para todos, -"o medio, como nos lembra el mesmo, segue a se-la mensaxe"-, o resultado final coidamos que mereceu a pena."
            Así, polo menos, o pensamos todos nós, na esperanza de sermos dalgunha utilidade para todos vós.
            Moitas grazas.
            Manuel Quintáns Suárez.

 

martes, 14 de agosto de 2012

LIBROS PARA VOLVER A LER: O "QUIXOTE" EN GALEGO



PALABRAS DE PRESENTACION DA PRIMEIRA EDICIÓN DO “QUIXOTE” EN GALEGO, PRONUNCIADAS NO SOLEMNE ACTO  PRESIDIDO POLO EXCMO SEÑOR PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, DON MANUEL FRAGA IRIBARNE, CELEBRADO NO CLUB FINANCIERO ATLÁNTICO DE A CORUÑA

         Exclmo. Sr. Presidente, exclmo. Sr. Delegado do Goberno, Exclmos.
e  Ilsmos. señores e señoras; señoras e señores:
         É para min unha grande honra poder nunha circunstancia tan excepcional, diante de tan ilustre auditorio e no marco tan marabilloso deste salón do Club Financiero Atlántico de A Coruña, poder pronunciar, en representación de Xuntanza Editorial, estas primeiras palabras de presentación dunha das realización máis importantes nunca levada a cabo ata hoxe pola empresa editorial galega.
         Cervantes, Miguel de Cervantes Saavedra, adianta, como é ben sabido, a presentación da "Parte II" da súa inmortal novela O Enxeñoso Fidalgo Don Quixote da Mancha presionado pola aparición doutra "segunda parte" sinada por un tal Alonso Fernández de Avellaneda. Unha circunstancia que, na opinión de estudosos coma Díez-Echarri e Roca Franquesa, puido contribuir dalgún xeito á  posibilidade e fortuna de que nós, hoxe, poidamos disfrutar desta obra completa.
         É necesario, non obstante, recordar que o éxito da "Primeira Parte" non fora, nin moito menos, despreciable. Quince mil exemplares da mesma vendidos, segundo estimación de García Soriano e García Morales, antes da publicación da segunda, resulta, sen dúbida, un dato suficientemente significativo naquela época. Nada de particular, pois, que no capítulo III desta derradeira entrega lle faga dicir ó bacharel Sansón Carrasco: "é tan verdade, señor", que hai historia de D. Quixote, "que teño para min que no día de hoxe están impresos máis de doce mil libros da tal historia; se non, dígao Portugal, Barcelona e Valencia, onde se imprimiron; e aínda hai sona  que se está imprimindo en Amberes, e a min traslúceseme que non ha de haber nación nin lingua onde non se traduza".
         Por moi convencido que estivera Cervantes do mérito e futuro da súa obra -explicitamente mostrara a súa preferencia polo “Persiles”- non parece, ende bén, probable que el fora máis crédulo ca o mesmo Don Quixote para tomar ó pé da letra as profecías que o bacharel Sansón Carrasco coidaba descubrir nos ecos da fama acadada pola “Parte I” da súa novela. De certo, non estaba a falar só o entendido bacharel para o atento e curioso Don Quixote e o boca aberta do seu escudeiro Sancho Panza, cando intentaba poñer de relevo a inutilidade do groseiro intento daquel tal Avellaneda para facer olvidar a obra do propio Cervantes. Quince mil exemplares vendidos da primeira parte, ou doce mil, como parece crelo o propio Cervantes, dicían moi claramente que equivocadas foran as previsións do presuntuoso "descoñecido".
         Pensar ende ben que Cervantes, home tan escarmentado pola vida, puidera crer nos soños de Sansón Carrasco cando descubría no futuro esta “historia” traducida a tódalas linguas do mundo, parece, cando menos, abondo arriscado. Simplemente, xa sesaxanario, o Príncipe das Letras atrevíase cun farol que o falso Avellaneda, fora quen fose, non ía ter ningunha posibilidade de lle apagar.
         Os mesmos García Soriano e García Morales, no estudo introdutorio a súa propia edición na colección "Joya" de Aguilar, ofrecen un interesante cadro sinóptico de 1.055 edicións das máis de 1.200 que da famosa novela se teñen feito ata hoxe en todo o mundo. Lémbrense, por exemplo, as 234 de Francia, as 179 de Inglaterra, 77 de Alemaña, 42 de Rusia, 24 de Holanda, etc., etc. En España, segundo os últimos datos do Instituto do Libro, están nestes momentos á venda arredor de 600 edicións. Só a Biblia logra supera-lo número de edicións do Quixote de Cervantes.
         Fai falta recordar aquí a importancia da bibliografía sobre o Quixote, con milleiros de estudos en todo o mundo? Novela e teatro, españois e estranxeiros, atoparon no Quixote de Cervantes a súa inspiración, coma La historia de Cardenio de Fletcher e Shakespeare, Las bodas de Camacho de Meléndez Valdés, La aventura de los galeotes de los Hermanos Quintero, ou o Don Quichotte  de Sardou, El regreso de Don Quijote de Chesterton, entre outras. Ou obras musicais, coma La historia cómica de don Quijote, triloxía de Thomas d'Urfey -século XVII-, as oberturas  Don Quixote en Serra Morena,  de Bartolomeo Conti, e Don Qichotte, de Georgs Philipp Telemann, as óperas de Giovanni Paisiello, de Nicola Piccini ou de Antonio Salieri. En 1.898, Richard Strauss compón o poema sinfónico Don Quixote, mentras compositores e autores coma  Reginald de Koven, Charles Tournemire, Paul Pierné, e outros moitos, atopaban nesta obra mestra da literatura universal o motivo e o estímulo para algunha das súas famosas creacións. Presencia que resulta igualmente importante no ámbito das artes plásticas coma, por citar só algún exemplo, se pode disfrutar na tea de Rodríguez de Miranda, actualmente no Museo do Prado, nas ilustracións de Gustave Doré, Pablo Picasso, Urrabieta Vierge, Dalí, Teodoro Miciano, ou nos cadros e debuxos de Honoré Daumier, nas xilografías de Ricart, etc., etc. A mesma cinematografía, como non podía ser doutro xeito, intentaría en multitude de oportunidades contar en imaxes a historia que Miguel de Cervantes contara en palabras. Entre a primeira versión, dirixida por Ferdinand Zecca e Lucien Nonguet no ano 1.902, e a máis moderna, sen dúbida a versión para a TVE protagonizada por Fernando Rey e Alfredo Landa, a punto de se
estrear, o cine ruso, o inglés, o francés...foron protagonistas nese intento permanente de superación no celuloide con imaxes do que, dun xeito cheo de sinxeleza, lograra o xenio de Cervantes na literatura.
         Ende ben, o Enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha, que fala xa en tódalas linguas de cultura do universo, que canta e baila ós acordes dos ritmos musicais dos máis grandes mestres, que actúa nos mais celebrados teatros do mundo, que inspirou e inspira ós máis grandes artistas plásticos, que se deixou oír dende as pantallas cinematográficas dos máis alonxados recunchos do noso planeta... permanecía até agora mudo nunha das linguas máis fermosas de Occidente: a Lingua Galega.
         Existiran proxectos de tradución e ata, nalgún caso, foron realidade no esforzo e cariño dalgún galego ilustre que non acadou a ve-lo seu traballo en letra impresa. Pero os grandes proxectos necesitan, ben o sabemos todos, dun momento e dunhas circunstancias axeitadas. Era necesario, pois, chegar ata hoxe mesmo, a este ano de 1.991, cunha Galicia que adiviña futuros de esperanza, que vive presentes de prometedores futuros, para que este soño cultural se poidese facer realidade: O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, -o desfacedor de agravios, endereitador de entortos, emendador de senrazóns, correxedor de abusos e reparador de tantas débedas sen satisfacer- podía por fin, mesmo na lingua dos nosos xoglares e trovadores, na lingua de Curros, Pondal e Rosalía, na lingua mesma dos nosos campesiños e mariñeiros, adiantarse ufano cara ó chan do Fisterra que olla o Atlántico, cara a Terra dos celtas que escoitan no silencio do Pindo o anuncio dun novo renacemento.
         Unha empresa que, en calquera caso, non podería nunca terse feito realidade sen o protagonismo dun home posuidor dunha firme vontade e dunha enorme capacidade para enfrontar soños fantásticos, esas dúas características que tan ben identifican ó empresario galego. Tiña que ser, mesmo, un editor, case descoñecido, quen asumira o enorme reto de levar a cabo este proxecto. Casas y Blasones de Galicia, Historia de Galicia de Murguía e de Vicetto, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela de López Ferreiro, a edición facsimilar da revista A Nosa Terra, a prestixiosa colección Grandes Autores Galegos, a monumental Historia da Arte Galega, en varios tomos, o primeiro Diccionario conceptual galego, actualmente no prelo... son algunhas das publicacións que testemuñan e acreditan un modo de facer, unha maneira de saber facer camiños andando, e, sobre todo, a profunda vocación galega dun home, X. Raúl Seoane Prieto, fundador, alento e vida de “Xuntanza Editorial”, un empresario galego, que descubriu na publicación e difusión do libro un modo fermoso de facer realidade os seus propios soños e os soños de tantos convencidos do poder liberador da cultura. Un crente convencido do futuro
feliz do seu pobo, dun mañán fermoso para a súa Terra. Pero só un home así, soñador de soños imposibles, podía ser capaz de asumi-lo risco de tan arriscada coma laboriosa empresa.
         Efectivamente, presentar, por primeira vez, en lingua galega a obra máis universal de tódolos tempos e de tódalas literaturas, o Quixote de Cervantes, facía necesaria unha planificación moi seria e profunda. Independentemente dos custos, era necesario contar cun equipo de colaboradores, totalmente identificados co proxecto e capaces de realizar unha edición, non só á altura da obra, senón e, sobre todo,  ó nivel que esixía a dignidade da lingua galega e da mesma Galicia.
         Se os froitos son a mellor proba da calidade da árbore, de certo, non sería necesario engadir unha palabra máis. O resultado, que hoxe presenta orgullosa Xuntanza Editorial, compensaba tódolos esforzos e desazóns, tódalas inquedanzas e desasosegos sufridos ó longo de máis de cinco anos de traballo e dedicación de cantos participaron nesta realización. Un equipo, seleccionado con especial atención por Xuntanza Editorial, levaba a cabo a difícil e trascendente tarefa da tradución ó galego. Valentín Arias López, Xavier Senín, X. Antón Palacios Sánchez, María Xosefa S. Fernández, Xela Arias Castaño e Marín Fernández serían os responsables deste labor. Algunhas das solucións adoptadas por eles neste traballo van constituir dende agora un camiño para outras traducións que no futuro se realicen na nosa Terra.
         A edición, unha edición ilustrada. Xuntanza Editorial ía lograr neste campo poder amosar, mesmo por primeira vez, un elenco incomparable de artistas, galegos, colaborando xuntos nunha mesma obra, nun mesmo proxecto. Dende a sensibilidade e persoalidade de cada un deles, pero, identificados colectivamente, no obxectivo de traducir á linguaxe das liñas e das cores unha mesma obra, o Quixote.  Os nomes de Laxeiro, Alfonso Abelenda, Lodeiro, Conde Corbal, Torres, Sucasas, Alfonso Costa, Moldes, Correa Corredoira, Costa Beiro, Lamazares, Virxilio, Alberto Datas, Leopoldo Novoa, Aramburu -citados aquí na orde que aparecen os seus traballos- fan de todo innecesario insistir no valor que a súa presencia aporta a esta primeira edición en lingua galega do Quixote de Cervantes. Unha fermosa carpeta en pel recolle a reprodución de 14 serigrafías a toda cor con ilustracións da obra seleccionadas polos propios autores. García Iglesias é o autor dunha interesante lectura da obra de ilustración destes artistas, “Visións galaicas dunha obra literaria".
         Abren e pechan o texto cervantino dous traballos, un prólogo e un apéndice, de dous ilustres e doutos galegos, respectivamente, o doutor García Sabell e o mestre de tantos mestres, Torrente Ballester. A edición, en papel verxurado, envellecido, vai encadernada en pel repuxada, con títulos en ouro, e cravos nas cantoeiras. Nun baúl de madeira de castiñeiro, con ferraxes de bronce e reprodución na tapa do escudo que ilustrou a primeira edición do Quixote, van os dous volumes de que consta esta edición, xunto coa carpeta antes citada de 14 serigrafías.
         Xuntanza Editorial, é profundamente consciente da débeda contraída con tradutores, ilustradores, autores de prólogo, apéndice,  estudo de ilustracións, responsables de deseño e maquetación, carpintería e ferrería, e con cantos dalgunha maneira colaboraron na posibilidade de facer realidade este proxecto.
         Hónrase a editorial coa presencia de cantos acudiron ó seu convite de presentación desta primeira edición en galego do Quixote de Cervantes, e quere agradecer, dun xeito especial, as atencións e facilidades recibidas,  para a celebración deste acto, ó  Sr. Presidente e Xunta Rectora do Club Financiero Atlántico de A Coruña, que tan xenerosamente lle ofreceron a súa inestimable colaboración, e ó Exclmo. Sr. Delegado do Goberno en Galicia, Presidente da Real Academia Galega, Doutor D. Domingo García Sabell, que prestixia esta primeira edición do Quixote en galego cun fermoso prólogo.
         Xuntanza Editorial quere expresar publicamente a profunda emoción que embarga o seu  ánimo ó dirixirse ó Exclmo. Señor Presidente da Xunta de Galicia para agradecerlle a súa presencia nunha celebración que só, nesa presencia, acada o pleno significado do seu fondo simbolismo galego.
          A continuación van tomar a palabra o coordenador do equipo de tradución, D. Valentín Arias López, D. Manuel García Iglesias, Catedrático de Historia da Arte Moderna e Contemporánea da Universidade de Santiago, en nome dos ilustradores, D. Domingo García Sabell, Presidente da Academia Galega, clausurando este acto, de fondo sentido galeguista, o Exclmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia.
         A todos eles e a todos vós, que nos honrades coa vosa presencia, a expresión da máis sentida consideración de Xuntanza Editorial e de cantos, dalgún xeito, colaboran no seu labor cultural de facer Galicia.
         Moitas grazas!

                                               M. Quintáns Suárez
                                               A Coruña, 19 de Decembro de 1.991.