“HISTORIA DE CEE”, DE BALDOMERO CORES TRASMONTE: PRESENTACIÓN NA CASA DA CULTURA DO CONCELLO DE CEE
Miñas
donas, meus señores:
Só a xenerosa
decisión do Ilustre Cronista Oficial deste Concello, o grande amigo Baldomero
Cores Trasmonte, empeñado en disimular e diluír, se tal cousa fora posible, o
relevante papel que coma estimulador, Director e autor lle corresponde na
realización desta “HISTORIA DE CEE”,
xustifica a miña presencia aquí coma presentador da mesma. Consíntanme, pois, que
aproveitando este convite de Baldomero, celebre, non só a edición desta obra,
senón tamén o orgullo dun pobo que sabe honrarse a si mesmo agasallándolle aos
seus fillos e herdeiros a memoria mesma da súa propia historia.
A
importancia dun pobo non está, de certo, só na grandeza e número dos seus monumentos,
na fermosura da súa paisaxe natural e urbanística, na súa riqueza agropecuaria,
pesqueira ou mineira, con seren todas estas cousas manifestacións importantes da
sensibilidade, capacidade creativa e vontade dunhas xentes que cren no seu
futuro, que soñan tempos mellores. Un pobo hónrase, por enriba de calquera
outra cousa, no recoñecemento con que sabe distinguir os seus fillos ilustres e
no empeño con que se esforza en amosalos coma modelos do seu futuro. Porque
isto último é mesmo a razón primeira e máis importante que xustifica lembrar a
propia historia.
Porque
esta “HISTORIA DE CEE” é esencialmente iso: a memoria duns tempos e dunhas
xentes que un escolleito equipo de traballo, dende o particular ámbito das súas
especialidades, e baixo a dirección de Baldomero Cores, acometiu a empresa da
súa recuperación. Un proxecto que folgaba dende hai moitos anos no maxín de
Baldomero, e que hoxe, grazas ao saber e o esforzo dese equipo, no que xunto a
profesores e investigadores coma Fernando Alonso Romero, Antonio Bernárdez
Sobreira, Ana Framiñán Santas, Francisco Lestón Villar, María Xosefa Piñón
López, Antonio Presedo Garazo, Manuel Quintáns Suárez e Xoán Carlos Rodríguez Pérez, figuran ilustres
fillos de Cee coma o mesmo Baldomero Cores Trasmonte, Baldomero Cores Lamas,
Francisco Mayán Fernández, Xosé Ramón Rei Senra e Xabier Rei Souto, citados
todos na orde alfabética que aforra calquera discusión sobre os seus
indiscutibles méritos.
Obra
que, en calquera caso, nunca tería sido posible sen a entusiasta acollida que,
dende o primeiro momento, lle dispensou a Excelentísima Corporación Municipal
de Cee, tan dignamente presidida polo seu Alcalde, Manuel Lamela Lestón. Feito
que pon claramente de relevo as verdadeiras prioridades do seu labor de
goberno, manifestando con toda claridade o seu compromiso coa obriga de ser
diante de nada a conciencia, a voz e o poder executivo da vontade do seu propio
pobo. Amosando á vez o seu profundo respecto e recoñecemento diante daqueles
que, nalgún momento ou agora mesmo, fixeron ou están a facer por eleva-lo nivel
de autoestima do seu Concello e o prestixio do seu nome dentro e fóra das súas propias
fronteiras. Comportamento que o propio pobo recoñece e aplaude no orgullo con
que amosan e coidan a presencia dos seus nomes en prazas, rúas, institucións
culturais e monumentos que embelecen os xardíns desta vila, acreditación
pública da clara actitude de
correspondencia do mesmo pobo con aqueles fillos que, con máis xenerosa
entrega, souberon e saben agasallarlle o mellor de si mesmos.
O que
define, de certo, a un pobo é mesmo esta
comunidade de vontades ó servicio dun obxectivo colectivo, o compromiso dunhas
xentes que confiando no poder da intelixencia e no valor do seu esforzo, son,
consciente e valerosamente, camiñantes dese camiño do que, como dixo o poeta, só
é posible facelo andando.
Baldomero
Cores ten sinalado que Cee é un pobo caracterizado pola súa teimosa cobiza de
modernidade, aberto con especial empeño á conquista dun mundo de progreso e
prosperidade. Superando os témeros atrancos do secular aillamento ó que foi condenado
no Fisterra galego polo abandono dun centralismo estatal incapaz de comprende-lo
verdadeiro senso da súa vocación de xentes abertas á comunicación solidaria e
participativa con tódolos pobos veciños, peninsulares, europeos, americanos...,
Cee, sen renunciar nunca os seus esforzos na loita polo progreso material, soubo
atopar, sobre todo, no cultivo dos valores culturais, o seu verdadeiro e
persoal camiño de presentes con soños esperanzados de futuro.
Un
mundo no que o predominio do rural e mariñeiro, non foi nunca impedimento para
que, dende o seu sentido respecto ao pasado e ao mundo máxico que alenta no seu
folclore e na súa literatura oral, coma reflexión sosegada sobre os valores da
vida, da morte, do destino e de si mesmo, descubrir e andar o camiño do
progreso que facilitan no tempo as máis
modernas conquistas científicas e tecnolóxicas.
A
Historia, miñas donas, meis señores, é, diante de nada, testemuño do noso acontecer,
representa o ben máis preciado dunha comunidade, e do ser humán. Ela é a guía e
o camiño da colectividade, a definición última da súa identidade, a forza conformadora
do seu ser, da súa singuñlaridade e personalidade. Só os que non teñen
historia, ou, por ignorancia, coidan non tela, son uns ninguéns que non saben
de onde veñen nin a onde van. O noso refraneiro rise mesmo destes tales con agudos
dialoxismos coma este: -"A onde vas, ninguén? -A casa de ninguén. -Non hai
ninguén na casa!"
Todos,
sde certo, somos fillos dunha cultura determinada: procedemos dela como
procedemos dunha familia. A renuncia á calquera delas non fai menos certo o
noso refraneiro cando nos lembra:
"Sexa nas mans, sexa nos pés, has tirar a quen es". Ou tamén:
"Ou nas uñas ou nos pés, has parecerte a quen es."
Esta
HISTORIA DE CEE que, con grande e xustificado orgullo -non só polo feito de
termos colaborado na súa realización, senón polo que esta obra significa coma
expresión da vosa vontade de pregoa-lo que sodes e queredes ser-, non é outra
cousa que a lembranza do acontecer e aínda do quefacer cotián daqueles que a
través dunha loita de milenios na procura dun futuro que é o presente actual se
esforzaron en conquerir para todos vós e para todos nós este fermoso presente
de esperanzados soños dun novo futuro.
Na súa xeografía,
nos restos do seu pasado máis lonxano, nas súas mesmas representacións simbólicas,
na memoria das súas tradicións e relatos, nos documentos escritos e iconográficos,
intentaron descubri-los autores desta HISTORIA DE CEE algúns dos seus segredos:
a razón e o senso das súas inquedanzas e desacougos, das súas alegrías e dos
seus éxitos. Dende a memoria dos tempos máis arredados ata hoxe mesmo.
Unha
Historia que, por obra e gracia do seu Director, último responsable da selección
e organización dos diferentes traballos que a compoñen, semella máis, na súa
estructura e composición, unha representación teatral ca un relato tradicional.
Diante dela un cre, de certo, percibir, máis que a suxerencia dunha sosegada
lectura, o apaixoante convite a contemplación dun espectáculo no que o pasado intenta
facerse realidade actual diante de nós mesmos.
Sobre
un fondo de redobres de tambores e o bater de remos nas augas do noso fermoso
Golfo Píndico, poden sentirse aínda os latexos que anuncian o nacemento dun
pobo: alí, no fondo das súas augas, a terra treme con dolores de parto. Está a
escenificarse o noso propio nacemento.
Adiántase,
súpeto, nun primeiro termo, un impresionante escenario -"contorno físico e
humano de Cee"-, no que, coma fantasmagóricos decorados, o Concello, a súa
representación política, e a lingua propia desta comunidade, definen a súa
situación xeográfica e ambientación social". Enriba del, ós pouqiños,
vaise erguendo o telón do tempo, un trapo grande cheo de buratos, primeiro, e logo
de todo transparente, que nos deixa, non só ver, senón, incluso, participar nunha
sorprendente e, á vez, familiar representación na que, como nesas veladas de
colexio, o espectador coida recoñecer, detrás de cada personaxe, a un veciño, a
un amigo e, aínda, nalgúns deles, a si mesmo.
Entre
mestas néboas, adivíñase entón a presencia dos antigos Nerios, marabillados,
primeiro, diante da fermosura das terras que acaban de facer súas, asistindo,
logo, estarrecidos, á chegada dos soldados do Imperio Román, intentando,
despois, incrédulos, entende-los esforzos dun Cristianismo empeñado, na súa
loita de descrédito contra as súas vellas crenzas, en facerlles crer na boa
nova dun mundo novo no que tódolos seres humans son iguais. E, no hourizonte,
albíscanse "a ruta xacobea e os límites simbólicos da terra
ceense".
A
claridade non logra racha-las tebras que envolven os tempos medievais. O ruído
dos cascos dos cabalos dos señores de Trastámara apaga esperanzas de igualdade
e liberdade nas Terras de Nemancos. A cultura do dominio parece impoñerse sobre
calquera pretensión de autonomía individual ou colectiva. Os donos, que presumen
de sangue azul, parecen xentes doutra raza.
Endce
ben, os tempos modernos vanse abrindo paso, pouco apouco. A sociedade
estamental faise realidade, e os pulos do Concello de Cee resultan evidentes no
seu esforzo de desenvolvemento. Figuras excepcionais, coma Domingo Antonio de
Andrade, dan testemuña da vocación dun pobo aberto ós outros pobos, da súa
vontade de romperen calquera intento alleo de aillamento.
Os séculos
XIX e XX testemuñan o logro desa identidade que define e singulariza,
solidariamente, o Concello de Cee no contexto dos 315 nos que se organiza
administrativamente a nosa Comunidade Autónoma. Unha identidade que se amosa
consolidada na súa loita heroica contra o invasor francés -a francesada-; na aplicación
dos modelos globais no ámbito da economía; no relevo outorgado ó complexo
agrogandeiro; no crecemento continuado da súa poboación; no desenvolvemento das
políticas públicas, os poderes locais e a vida social.
E o
espectador, ó tempo que se enfronta, xa nas páxinas finais, coa oferta doutras
fontes documentais que se atopan a súa disposición na Biblioteca e Concello de
Cee, sabe entón que non fora un mal soñ a sospeita de que esta HISTORIA DE CEE é
ao fin e ao cabo, unha viaxe a través do tempo cara a nós mesmos, cara ó coñecemento
de quen fomos, de quen somos e de quen queremos ser. Viaxe, insisto, tan
obrigada coma a pelerinaxe que, polo menos unha vez na vida, temos, segundo a
tradición de realizar todos ao santuario de Santo Andrés de Teixido, a
"onde -como lembra o dito popular- irá de morto o que non vaia de
vivo".
É, ademais,
esta “HISTORIA DE CEE” un roteiro para turistas curiosos de mundos descoñecidos,
guía que aconsella atallos e sinala a cada paso a dirección máis oportuna para
non trabuca-lo camiño dos máis fermosos soños. Os seus propios autores serán -carga
da que en nome de todos quero disculparme publicamente- compañeiros
inseparables de cantos decidan con entusiasmo esta viaxe, que, baixo a atenta
labor de vixía de Baldomero Cores Trasmonte, se fará camiño no follear curiosos
das súas páxinas.
"Nin que dicir ten -como adianta
no prólogo o propio Director desta HISTORIA-que os autores tiveron –tivemos- a
liberdade necesaria, absoluta máis ben, para desenvolve-las nosas ideas, aplica-los
nos métodos e ofrece-los nosos puntos de vista." Liberdade que os nosos
futuros compañeiros de viaxe -os lectores- poderán comprobar por si mesmos na
preferencia, nalgúns títulos, por penetra-lo misterio da lenda ou descifra-los sensos
escuros do universo do simbólico, polo relato histórico tradicional, noutros,
ou, mesmo, polo rigor da máis moderna historiografía ou dos estudos filolóxicos
máis modernos. Diversidade que, sen dúbida, enriquece a aberta perspectiva de
enfoques desta HISTORIA DE CEE.
Evidentemente,
nas súas páxinas, non se conta todo. O lector
avisado sabe que isto é, simplemente así, só porque non pode ser doutro xeito. Limitación
que nin tan siquera os interesantes recheos con que o Director desta obra -aínda
que pudorosamente aparezan sinados coa anónima expresión A REDACCIÓN- logra
disimular. Os autores coincidimos, de todo, con Baldomero en que aínda que
"o sacrificio de páxinas, cando o espacio se fixo cativo, foi doroso para
todos, -"o medio, como nos lembra el mesmo, segue a se-la mensaxe"-,
o resultado final coidamos que mereceu a pena."
Así,
polo menos, o pensamos todos nós, na esperanza de sermos dalgunha utilidade
para todos vós.
Moitas
grazas.
Manuel Quintáns Suárez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario