jueves, 6 de septiembre de 2012

LIBROS PARA PARA VOLVER A LER: SANTA COMBA



"HISTORIA DE SANTA COMBNA DE XALLAS": PRESENTACIÓN (CASA DA CULTURA DE SANTA COMBA)

            Ilmas autoridades, miñas donas, meus señores:
            Pode que o meu papel neste acto, non só coma autor, senón coma coordinador da mesma, non debería ser outra cousa que unha apaixonada e sentida manifestación, en nome da propia Corporación municipal e do seu Alcalde, de tódolos santacombeses de onte e de hoxe, e no meu propio, do máis profundo recoñecemento a cantos, directa ou indirectamente, colaboraron na súa realización.
            Ende ben, aínda que sempre procurei facer constar en tódolos casos que me foi posible o nome de cada un dos que xenerosamente nos agasallaron coas súas fotos, documentos, informacións..., quero neste momento facer presentes os numerosos silencios que evidentemente nos impuxeron as propias condicións dun traballo que tiña de ser, e é, unha historia xeral, moi diferente do que, por exemplo, podería ser un libro de memorias e lembranzas. A todos eles, non obstante, ós citados expresamente nestas páxinas e a tódolos colaboradores anónimos, o noso máis profundo agradecemento.
              Non sei, coma fillo desta terra, se os meus veciños saberán recoñecer adecuadamente o mérito e a honra que para todos nós representa a importancia da nómina de autores desta Historia de Santa Comba á que quixemos diferenciar doutras Santa Combas co expresivo determinativo de Xallas. Consíntanme, neste sentido, que lles lembre brevemente que a súa selección foi realizada atendendo a dous criterios fundamentais: Primeiro, atendendo ó seu prestixio profesional, e, segundo, a súa especialidade coma investigadores en ámbitos próximos á materia deste traballo. Salientar aquí a personalidade e categoría de catedráticos universitarios coma D. Baudilio Barreiro Mallón, unha verdadeira autoridade académica sobre as Terras de Xallas, ou D. Baldomero Cores Trasmonte, ó que acabades de escoitar, un dos maiores expertos galegos en Socioloxía e Dereito Administrativo, sería, simplemente, unha redundancia imperdoable. A xeración máis nova, Doutores e Licenciados, disfrutan hoxe nos ámbitos universitarios dun recoñecido prestixio coma investigadores e, nalgúns casos, coma ben coñecidos profesores. Os lectores terán, neste sentido, a oportunidade de disfrutar, non só a coidada arte da súa exposición, senón algúns deses moitos saberes que lle consinten descubrirnos algúns dos segredos do acontecer histórico da nosa terra. Consíntanme, aínda que a nómina de colaboradores é bastante numerosa, que chame a vosa atención sobre algúns dos seus nomes, citados, como se soe advertir nalgunhas representacións, non na orde dos seu méritos, que sería un traballo imposible, senón no da súa aparición nesta obra:
María Cores Lamas, autora do traballo "A delimitación territorial de Santa Comba"; Marta R. Bande Buján e Margarita García Santalla, que sinan, entre outros, os traballos "A paisaxe física e humana das terras de Santa Comba de Xallas" e "O Concello de Santa Comba dende 0 1845 ata a Restauración"; Ana Framiñán Santas e Xavier Rey Souto, que estudian "As terras de Santa Comba na Idade Media"; Baudilio Barreiro Mallón, que debuxa coa súa especial mestría e profundo coñecemento "O Concello de Santa Comba e a Xurisdicción de Xallas" nos Tempos modernos; Antonio Presedo Garazo, que nos fala en distintos capítulos, "dos fidalgos e señores seculares na comarca de Xallas", tema que lle mereceu o recente Premio de Investigación do Consorcio Empresa-Universidade; Baldomero Cores Trasmonte, responsable da autoría e coordinación doutros colaboradores da parte desta Historia que se ocupa dos "Tempos Contemporáneos"; Gustavo Hervella García, autor e coautor, respectivamente, de "A poboación do Concello de Santa Comba no século XIX" e "Santa Comba no século XX"; Margarita Barral Martínez, autora e coautora, respectivamente, de "A restauración borbónica (1874-1923)" e "Santa Comba no século XX"; e X. Amancio Liñares Giraut, fillo culturalmente adoptivo desta Comarca, autor de "Personaxes na Historia da Terra de Xallas". 
A uns e a outros, o meu persoal agradecemento e o de tódolos santacombeses por teren aceptado e levado a cabo con tanta devoción e rigor científico o cometido desta fermosísima empresa.
Poucas veces, de certo, un proxecto desta clase contou cun equipo de investigadores, historiadores e ilustres catedráticos de tanto creto e experiencia. A súa probada competencia, dedicación e entusiasmo, con que enfrontaron este traballo, correspóndenlle tódolos méritos desta obra. Cada un, dende o ámbito concreto da súa especialidade e un fondo coñecemento da comarca da Terra de Xallas, fixo posible o nacemento desta Historia de Santa Comba,  coma memoria dunha comunidade histórica que afonda as súas raíces nun pasado milenario.   
Sentímonos, neste sentido, especialmente orgullosos de poder ofrecer aquí, por primeira vez nunha obra desta clase, o resultado dunha ampla investigación que, mesturando, harmonicamente, o traballo de campo e o documental e bibliográfico, fixera posible a recopilación e publicación das obras existentes no Concello de Santa Comba, que forman parte do seu rico patrimonio arqueolóxico, artístico e etnográfico, contribuíndo deste xeito a espertar un maior interese dos seus afortunados posuidores na súa conservación e coñecemento, coma parte fundamental da súa historia e identidade. Un proxecto que a  Corporación Municipal do Concello de Santa Comba, entendendo moi ben o sentido e importancia da nosa proposta, ía facer posible coa contratación das Licenciadas Margarita García Santalla, Marta R. Bande Buján e, durante os primeiros meses, Teresa Jácome Feijóo, que, ó longo de algo máis de ano e medio, con apaixonada, intensidade e rigorosa dedicación, puidesen facer realidade os sete capítulos sobre o noso "Patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico" que, coas súas sinaturas, forman parte desta Historia de Santa Comba de Xallas.
Coma estas investigadoras, evidentemente, dende presupostos e preocupacións diferentes, tódolos autores intentámo-lo percorrido dos mesmos camiños que, dende os tempos máis arredados, andiveron os nosos devanceiros ó longo e ó ancho das terras que rega o río Xallas e os seus afluíntes. Buscamos, teimudos, o encontro con aqueles que ó longo de máis de 5.000 anos fixeron deste espacio xeográfico, non só un lugar habitable e a fonte da súa existencia, senón tamén esta rica herdanza con que nos agasallaron a nós todos.
Marabillámonos, impotentes, diante do misterio que seguen a agochárno-las súas mámoas, admiramos, sorprendidos, a grandeza dos seus castros, descubrímos, abraiados, mostras da súa arte, testemuños pétreos das súas crenzas, pegadas no chan do seu andar cobizoso de futuros..., lemos, atentos e reflexivos, os documentos nos que se reflicten as súas inquedanzas e desacougos, estudiámo-las novas sobre eles doutros viaxeiros anteriores, e escoitamos, na súa fala, nos nomes dos lugares, nos costumes que se resisten a esquece-las súas orixes, na memoria dalgúns dos seus máis ilustres herdeiros..., a lembranza e a mensaxe dos seus soños e esperanzas. E nos montes e vales que conforman esta meseta de Xallas, sentimos, por un intre, sermos compañeiros de viaxe dunhas xentes que hai miles de anos, nunhas datas que se perden na memoria do tempo, chegaron ata aquí, non se sabe moi ben dende onde, na procura dun solar e dun espacio para elas e os seus descendentes.
Sentimos ter asistido ás súas cacerías na procura de carne para o alimento e de peles para se defenderen do frío, e ter vivido a emoción dos seu descubrimento da agricultura e da domesticación de animais, da minería e do traballo dos metais. Témola seguranza de ter atopado os sinais das súas relacións con outras xentes, unhas, simples comerciantes ou, coma noutro tempo eles, buscadoras dun lugar de asentamento, e outras cobizosas dos produtos do seu esforzo ou das riquezas do seu chan.
Coa maior atención intentamos desvela-lo segredo da súa capacidade de sacrificio e vontade de continuidade no seu esforzo por facer desta terra un lugar de doce conviencia e prometedora prosperidade, observando como, co ritmo que en cada momento consentiron as circunstancias, os antigos castros deixaron paso a novas formas urbás de asentamento, e, á súa beira, foron nacendo aldeas e vilas, organizándose as parroquias e  arciprestados, o partido xudicial e o concello, unidades administrativas que ían contribuír definitivamente, no contexto dunha organización moito máis complexa, a regular dun xeito eficaz as relacións entre comunidades diferentes.
Esta  Historia de Santa Comba de Xallas quere mesmo se-la lembranza, rigorosa e documentada, desta gran epopea das xentes da Terra de Xallas e, máis concretamente, das do Concello de Santa Comba, representadas, non, de certo, por figuras de excepcional presencia, senón por aquelas que, dende os tempos máis arredados, coma verdadeiros símbolos do valor e esforzo con que chegaron ata nós, fan medrar aínda hoxe o creto do noso Concello. Coa humildade que as caracteriza a elas mesmas, pero de todo conscientes da súa importancia, quixemos, nesta obra, rendirlle unha merecida homenaxe con tres fermosas láminas encargadas especialmente para este caso ó xove e prestixioso artista Baldomero Cores Lamas. Son a representación sentida dos grandes heroes desta fazaña humá: a muller, verdadeira protagonista do quefacer cotián e, aínda hoxe, do arranxo e dirección da casa; o mineiro, que sabe alterna-la súa actividade de experto artesán e agudo comerciante, cos labores do campo e o coidado do gando; e o arrieiro, herdeiro directo do antigo comerciante prehistórico, que lle rematou dando ó noso Concello ese carácter emprendedor e dinámico que revela o seu moderno comercio e a súa condición de cruce de camiños que unen Santiago de Compostela coa Costa da Morte e A Coruña con Muros e Noia.
O director da Historia de Santa Comba de Xallas só pode dar testemuño público do recoñecemento que significou para el o agasallo desta responsabilidade, tanto pola oportunidade, que esta representou para el, de poder devolverlle a súa terra algo do moito que ten recibido dela, coma pola posibilidade de poder colaborar co seu propio Concello nun  proxecto desta clase. Non ten, de certo, ningunha dúbida, de que esta Historia de Santa Comba de Xallas honra, diante de nada, a esta Institución, para a que ha ser motivo de principal orgullo, non tanto polo que é en si mesma, coma polo que significa como símbolo das súas preocupacións culturais. Se a cultura ten de constituí-la máis nobre das preocupacións dos elixidos para dirixi-los destinos dunha comunidade humá, coma fonte principal e vía máis segura do seu camiño cara ó futuro, a Historia, coma mestra da vida e memoria de nós mesmos, ten de se-lo principal alicerce no que aquela se basee. 
Síntome, de certo, feliz ó presentar este fermoso libro, a Historia de Santa Comba de Xallas, resumo e síntese do esforzo colectivo dun equipo de profesores, historiadores e investigadores, dunha Corporación Municipal, a do Concello de Santa Comba, que nos ofreceu toda a colaboración que se lle solicitou, e, tamén, de tódolos santacombeses, os verdadeiros protagonistas destas páxinas. Unha obra que nace coa vontade de ser un convite, para tódolos xalleiros e tódolos pobos esquecidos polas Historias oficiais, ó encontro con esa memoria que alenta, calada e disimulada no noso presente, coma lembranza do noso pasado e razón principal dos nosos soños de futuro.
É vosa! Continuade vivíndoa e agrandándoa!

MANUEL QUINTÁNS SUÁREZ

No hay comentarios:

Publicar un comentario