PALABRAS DE PRESENTACION DA PRIMEIRA EDICIÓN DO “QUIXOTE” EN GALEGO, PRONUNCIADAS
NO SOLEMNE ACTO
PRESIDIDO POLO EXCMO SEÑOR PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, DON MANUEL FRAGA IRIBARNE, CELEBRADO NO CLUB FINANCIERO ATLÁNTICO DE A CORUÑA
Exclmo.
Sr. Presidente, exclmo. Sr. Delegado do Goberno, Exclmos.
e Ilsmos. señores
e señoras; señoras e señores:
É para min
unha grande honra poder nunha circunstancia tan excepcional, diante de tan
ilustre auditorio e no marco tan marabilloso deste salón do Club Financiero Atlántico
de A Coruña, poder pronunciar, en representación de Xuntanza Editorial, estas
primeiras palabras de presentación dunha das realización máis importantes nunca
levada a cabo ata hoxe pola empresa editorial galega.
Cervantes,
Miguel de Cervantes Saavedra, adianta, como é ben sabido, a presentación da
"Parte II" da súa inmortal novela O
Enxeñoso Fidalgo Don Quixote da Mancha presionado pola aparición doutra
"segunda parte" sinada por un tal Alonso Fernández de Avellaneda.
Unha circunstancia que, na opinión de estudosos coma Díez-Echarri e Roca
Franquesa, puido contribuir dalgún xeito á posibilidade e fortuna de que nós, hoxe,
poidamos disfrutar desta obra completa.
É
necesario, non obstante, recordar que o éxito da "Primeira Parte" non
fora, nin moito menos, despreciable. Quince mil exemplares da mesma vendidos,
segundo estimación de García Soriano e García Morales, antes da publicación da
segunda, resulta, sen dúbida, un dato suficientemente significativo naquela época. Nada de
particular, pois, que no capítulo III desta derradeira entrega lle faga dicir ó
bacharel Sansón Carrasco: "é tan verdade, señor", que hai historia de
D. Quixote, "que teño para min que no día de hoxe están impresos máis de
doce mil libros da tal historia; se non, dígao Portugal, Barcelona e Valencia,
onde se imprimiron; e aínda hai sona que
se está imprimindo en Amberes, e a min traslúceseme que non ha de haber nación
nin lingua onde non se traduza".
Por moi
convencido que estivera Cervantes do mérito e futuro da súa obra -explicitamente
mostrara a súa preferencia polo “Persiles”- non parece, ende bén, probable que
el fora máis crédulo ca o mesmo Don Quixote para tomar ó pé da letra as profecías
que o bacharel Sansón Carrasco coidaba descubrir nos ecos da fama acadada pola “Parte
I” da súa novela. De certo, non estaba a falar só o entendido bacharel para o
atento e curioso Don Quixote e o boca aberta do seu escudeiro Sancho Panza,
cando intentaba poñer de relevo a inutilidade do groseiro intento daquel tal
Avellaneda para facer olvidar a obra do propio Cervantes. Quince mil exemplares
vendidos da primeira parte, ou doce mil, como parece crelo o propio Cervantes,
dicían moi claramente que equivocadas foran as previsións do presuntuoso "descoñecido".
Pensar
ende ben que Cervantes, home tan escarmentado pola vida, puidera crer nos soños
de Sansón Carrasco cando descubría no futuro esta “historia” traducida a tódalas
linguas do mundo, parece, cando menos, abondo arriscado. Simplemente, xa sesaxanario,
o Príncipe das Letras atrevíase cun farol que o falso Avellaneda, fora quen
fose, non ía ter ningunha posibilidade de lle apagar.
Os mesmos
García Soriano e García Morales, no estudo introdutorio a súa propia edición na
colección "Joya" de Aguilar, ofrecen un interesante cadro sinóptico
de 1.055 edicións das máis de 1.200 que da famosa novela se teñen feito ata
hoxe en todo o mundo. Lémbrense, por exemplo, as 234 de Francia, as 179 de
Inglaterra, 77 de Alemaña, 42 de Rusia, 24 de Holanda, etc., etc. En España,
segundo os últimos datos do Instituto do Libro, están nestes momentos á venda arredor de 600
edicións. Só a Biblia logra supera-lo
número de edicións do Quixote de
Cervantes.
Fai falta
recordar aquí a importancia da bibliografía sobre o Quixote, con milleiros de estudos en todo o mundo? Novela e teatro,
españois e estranxeiros, atoparon no Quixote
de Cervantes a súa inspiración, coma La
historia de Cardenio de Fletcher e Shakespeare, Las bodas de Camacho de Meléndez Valdés, La aventura de los galeotes de los Hermanos Quintero, ou o Don Quichotte de Sardou, El
regreso de Don Quijote de Chesterton, entre outras. Ou obras musicais, coma La historia cómica de don Quijote,
triloxía de Thomas d'Urfey -século XVII-, as oberturas Don Quixote
en Serra Morena, de Bartolomeo
Conti, e Don Qichotte, de Georgs
Philipp Telemann, as óperas de Giovanni Paisiello, de Nicola Piccini ou de
Antonio Salieri. En 1.898, Richard Strauss compón o poema sinfónico Don Quixote, mentras compositores e
autores coma Reginald de Koven, Charles Tournemire,
Paul Pierné, e outros moitos, atopaban nesta obra mestra da literatura
universal o motivo e o estímulo para algunha das súas famosas creacións. Presencia
que resulta igualmente importante no ámbito das artes plásticas coma, por citar
só algún exemplo, se pode disfrutar na tea de Rodríguez de Miranda, actualmente
no Museo do Prado, nas ilustracións de Gustave Doré, Pablo Picasso, Urrabieta
Vierge, Dalí, Teodoro Miciano, ou nos cadros e debuxos de Honoré Daumier, nas
xilografías de Ricart, etc., etc. A mesma cinematografía, como non podía ser
doutro xeito, intentaría en multitude de oportunidades contar en imaxes a
historia que Miguel de Cervantes contara en palabras. Entre a primeira versión,
dirixida por Ferdinand Zecca e Lucien Nonguet no ano 1.902, e a máis moderna,
sen dúbida a versión para a TVE protagonizada por Fernando Rey e Alfredo Landa,
a punto de se
estrear, o cine ruso, o inglés, o francés...foron
protagonistas nese intento permanente de superación no celuloide con imaxes do
que, dun xeito cheo de sinxeleza, lograra o xenio de Cervantes na literatura.
Ende ben, o Enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha, que fala xa en tódalas
linguas de cultura do universo, que canta e baila ós acordes dos ritmos
musicais dos máis grandes mestres, que actúa nos mais celebrados teatros do
mundo, que inspirou e inspira ós máis grandes artistas plásticos, que se deixou
oír dende as pantallas cinematográficas dos máis alonxados recunchos do noso
planeta... permanecía até agora mudo nunha das linguas máis fermosas de
Occidente: a Lingua Galega.
Existiran
proxectos de tradución e ata, nalgún caso, foron realidade no esforzo e cariño dalgún
galego ilustre que non acadou a ve-lo seu traballo en letra impresa. Pero os grandes proxectos necesitan, ben o sabemos todos, dun
momento e dunhas circunstancias axeitadas. Era necesario, pois, chegar ata hoxe
mesmo, a este ano de 1.991, cunha Galicia que adiviña futuros de esperanza, que
vive presentes de prometedores futuros, para que este soño cultural se poidese
facer realidade: O enxeñoso fidalgo don
Quixote da Mancha, -o desfacedor de agravios, endereitador de entortos,
emendador de senrazóns, correxedor de abusos e reparador de tantas débedas sen
satisfacer- podía por fin, mesmo na lingua dos nosos xoglares e trovadores, na
lingua de Curros, Pondal e Rosalía, na lingua mesma dos nosos campesiños e
mariñeiros, adiantarse ufano cara ó chan do Fisterra que olla o Atlántico, cara
a Terra dos celtas que escoitan no silencio do Pindo o anuncio dun novo
renacemento.
Unha
empresa que, en calquera caso, non podería nunca terse feito realidade sen o
protagonismo dun home posuidor dunha firme vontade e dunha enorme capacidade
para enfrontar soños fantásticos, esas dúas características que tan ben
identifican ó empresario galego. Tiña que ser, mesmo, un editor, case
descoñecido, quen asumira o enorme reto de levar a cabo este proxecto. Casas y Blasones de Galicia, Historia de Galicia de Murguía e de
Vicetto, Historia de la Santa A. M.
Iglesia de Santiago de Compostela de López Ferreiro, a edición facsimilar
da revista A Nosa Terra, a
prestixiosa colección Grandes Autores
Galegos, a monumental Historia da
Arte Galega, en varios tomos, o primeiro Diccionario conceptual galego, actualmente no prelo... son algunhas
das publicacións que testemuñan e acreditan un modo de facer, unha maneira de
saber facer camiños andando, e, sobre todo, a profunda vocación galega dun
home, X. Raúl Seoane Prieto, fundador, alento e vida de “Xuntanza Editorial”,
un empresario galego, que descubriu na publicación e difusión do libro un modo
fermoso de facer realidade os seus propios soños e os soños de tantos
convencidos do poder liberador da cultura. Un crente convencido do futuro
feliz do seu pobo, dun mañán fermoso para a súa Terra. Pero só
un home así, soñador de soños imposibles, podía ser capaz de asumi-lo risco de
tan arriscada coma laboriosa empresa.
Efectivamente,
presentar, por primeira vez, en lingua galega a obra máis universal de tódolos
tempos e de tódalas literaturas, o Quixote
de Cervantes, facía necesaria unha planificación moi seria e profunda. Independentemente
dos custos, era necesario contar cun equipo de colaboradores, totalmente identificados
co proxecto e capaces de realizar unha edición, non só á altura da obra, senón
e, sobre todo, ó nivel que esixía a
dignidade da lingua galega e da mesma Galicia.
Se os
froitos son a mellor proba da calidade da árbore, de certo, non sería necesario
engadir unha palabra máis. O resultado, que hoxe presenta orgullosa Xuntanza
Editorial, compensaba tódolos esforzos e desazóns, tódalas
inquedanzas e desasosegos sufridos ó longo de máis de
cinco anos de traballo e dedicación de cantos participaron nesta realización. Un
equipo, seleccionado con especial atención por Xuntanza Editorial, levaba a
cabo a difícil e trascendente tarefa da tradución ó galego. Valentín Arias López,
Xavier Senín, X. Antón Palacios Sánchez, María Xosefa S. Fernández, Xela Arias
Castaño e Marín Fernández serían os responsables deste labor. Algunhas das
solucións adoptadas por eles neste traballo van constituir dende agora un camiño
para outras traducións que no futuro se realicen na nosa Terra.
A edición,
unha edición ilustrada. Xuntanza Editorial ía lograr neste campo poder amosar,
mesmo por primeira vez, un elenco incomparable de artistas, galegos,
colaborando xuntos nunha mesma obra, nun mesmo proxecto. Dende a sensibilidade
e persoalidade de cada un deles, pero, identificados colectivamente, no
obxectivo de traducir á linguaxe das liñas e das cores unha mesma obra, o Quixote. Os nomes de Laxeiro, Alfonso Abelenda,
Lodeiro, Conde Corbal, Torres, Sucasas, Alfonso Costa, Moldes, Correa
Corredoira, Costa Beiro, Lamazares, Virxilio, Alberto Datas, Leopoldo Novoa,
Aramburu -citados aquí na orde que aparecen os seus traballos- fan de todo
innecesario insistir no valor que a súa presencia aporta a esta primeira edición
en lingua galega do Quixote de
Cervantes. Unha fermosa carpeta en pel recolle a reprodución de 14 serigrafías
a toda cor con ilustracións da obra seleccionadas polos propios autores. García
Iglesias é o autor dunha interesante lectura da obra de ilustración destes
artistas, “Visións galaicas dunha obra literaria".
Abren e
pechan o texto cervantino dous traballos, un prólogo e un apéndice, de dous
ilustres e doutos galegos, respectivamente, o doutor García Sabell e o mestre
de tantos mestres, Torrente Ballester. A edición, en papel verxurado,
envellecido, vai encadernada en pel repuxada, con títulos en ouro, e cravos nas
cantoeiras. Nun baúl de madeira de castiñeiro, con ferraxes de bronce e
reprodución na tapa do escudo que ilustrou a primeira edición do Quixote, van os dous volumes de que
consta esta edición, xunto coa carpeta antes citada de 14 serigrafías.
Xuntanza
Editorial, é profundamente consciente da débeda contraída con tradutores,
ilustradores, autores de prólogo, apéndice,
estudo de ilustracións, responsables de deseño e maquetación,
carpintería e ferrería, e con cantos dalgunha maneira colaboraron na
posibilidade de facer realidade este proxecto.
Hónrase a
editorial coa presencia de cantos acudiron ó seu convite de presentación desta
primeira edición en galego do Quixote
de Cervantes, e quere agradecer, dun xeito especial, as atencións e facilidades recibidas, para a celebración deste acto, ó Sr. Presidente e Xunta Rectora do Club
Financiero Atlántico de A Coruña, que tan xenerosamente lle ofreceron a súa
inestimable colaboración, e ó Exclmo. Sr. Delegado do Goberno en Galicia,
Presidente da Real Academia Galega, Doutor D. Domingo García Sabell, que prestixia esta primeira edición do Quixote
en galego cun fermoso prólogo.
Xuntanza
Editorial quere expresar publicamente a profunda emoción que embarga o seu ánimo ó dirixirse ó Exclmo. Señor Presidente
da Xunta de Galicia para agradecerlle a súa presencia nunha celebración que só,
nesa presencia, acada o pleno significado do seu fondo simbolismo galego.
A continuación van tomar a palabra o coordenador
do equipo de tradución, D. Valentín Arias López, D. Manuel García Iglesias,
Catedrático de Historia da Arte Moderna e Contemporánea da Universidade de
Santiago, en nome dos ilustradores, D. Domingo García Sabell, Presidente da
Academia Galega, clausurando este acto, de fondo sentido galeguista, o Exclmo. Sr.
Presidente da Xunta de Galicia.
A todos
eles e a todos vós, que nos honrades coa vosa presencia, a expresión da máis
sentida consideración de Xuntanza Editorial e de cantos, dalgún xeito, colaboran
no seu labor cultural de facer Galicia.
Moitas grazas!
M.
Quintáns Suárez
A
Coruña, 19 de Decembro de 1.991.
No hay comentarios:
Publicar un comentario