(Tal como lles prometín, voulles contar un conto colorado que lle escoitei ao meu pai cando eu non contaba máis de nove anos. É moi atrevido, pero ten, como todos os contos o seu interese didáctico.
Unha das virtudes máis estimadas no contexto cultural deste conto é, sen dúbida, a agudeza. De ninguén se pode dicir nada mellor que que “é listo como un allo”. En consecuencia, o defecto que máis nos doe en alguén a quen estimamos é, sen dúbida, a estulticia. Todo o mundo sinte pena daquel do que se di que ten pouco siso. Pois ben, este conto o que quere é poñer de relevo as consecuencias de disfrutar ou ser vítima, respectivamente, desta virtude e defecto, situación que neste caso se agrava coa presencia do terrible vicio da curiosidade. Como dí o refraneiro, "ao que moito quere saber dáselle o cu a lamber".
O castelán empregado no desenlace polo home rico non fai máis que, coma en todos os contos, criticar a fachenda do pobre babiolo, vítima da súa propia estulticia.)
Unha vez había un home rico que tiña unha muller moi fermosa e dúas fillas tan fermosas ou máis que a mesma nai. O home non cabía en si de satisfacción. Soubera escoller ben cando se casou e as fillas, como non podía ser doutro xeito, saíron á nai e ao pai.
Pero chegou o tempo de casalas e o home rico non dubidou en gastar nos vestidos e nos zapatos das dúas mozas todo o que fixera falta, organizando mil festas e xuntanzas para que os convidados puideran coñecelas e desexalas. Un chufón de moita sona na comarca recibiu o encargo do home rico de viaxar a outras terras para dar a coñecer a súa casa e incitar a mozos de valer a que viñeran pretender tales rapazas. Os dotes que agardaban aos afortunados eran tan prometedores que, necesariamente, en canto foran coñecidos, tiñan de espertar a cobiza dos mozos máis ricos de preto e de lonxe.
Un día, cando o home rico folgaba feliz na súa casa, na compaña da súa fermosa muller e das súas fermosas fillas, chamou á porta unha fermosa dona, moi ben vestida, que dixo viaxar en peregrinación a Nosa Señora da Barca para agradecerlle á Virxe o favor de ter salvado dun naufraxio ao seu marido cando volvía de América nun dos seus barcos. A señora, que era moi faladora, contoulles que levaba xa máis de dous meses de peregrinación e que, ao darse conta que se ía facer noite, acordara confiarse á xenerosidade daquela casa e pedir pousada por unha noite.
Os peregrinos, sobre todo cando viñan de moi lonxe, eran sempre moi ben recibidos nas casas podentes, aproveitando, incluso, a familia que os acollía para que os veciños puideran escoitar as moitas historias que oíran ao longo do camiño. Entre estas non eran as menos interesantes as que referían modos de curar determinadas doenzas e os milagres que tiñan lugar en máis dun santuario do camiño.
E logo vostede ¿cómo se chama? preguntoulle o home rico.
Pois, verá vostede, a min chámanme Mariangulo contestoulle a peregrina.
Entenderá, boa señora quixo insistir o home rico, que me chame a atención que unha dona da súa calidade se atreva a unha viaxe tan longa e perigosa sen outra compaña que ese bordón no que se apoia. E voste disimule a miña curiosidade.
Non ten por que se disculpar. Verá vostede. Cando me trouxeron a noticia de que o barco no que navegaba o meu marido fora tragado polo mar tiven por moi certo que daquela non se podía salvar. ¡O mar élle tan grande!
¡Enténdoa! compadeceuse o home rico.
Como, sen dúbida, entenderá que nunha situación así non tivera ningún inconvinte en ser tan xenerosa con Nosa Señora da Barca, aínda tendo escoitado moitas veces que milagres máis grandes tiña feitos noutras ocasións. Prometer, pois, facer esta peregrinación soa e a pé pareceume o menos que podía facer se a Milagrosa de Muxía podía devolverme o meu marido san e salvo. E xa ve vostede, aquí estou intentando dar cumprimento á miña promesa.
Non sabe, señora exclamou conmovido o home rico, canto me admira a súa profunda relixiosidade e a súa devoción a Nosa Señora. Deixe que lle diga que toda a miña familia, a miña muller e as dúas miñas fillas e eu mesmo, nos sentimos moi honrados podendo ofrecerlle a nosa casa. Tome posesión dela como se fora súa e quédese aquí os días que queira.
A muller e as fillas, que estiveran presentes naquela conversa, achegáronse á fermosa dona e, despois de bicala nas dúas meixelas, acompañárona até dentro da casa cedéndolle o mellor sitio na lareira ao lado do lume enriba do que fervía barulleiro un pote de papas de millo. A dona deixouse atender e acomodouse o mellor que puido no lugar que lle sinalaron. A muller e as fillas do home rico non sacaban os ollos dela. ¡De verdade era tan fermosa! O home rico, atentamente vixiado polas súas mulleres, non tivo máis remedio que disimular a súa admiración.
Eran preto das doce da noite cando a peregrina, despois de contar mil e unha historias e a súa propia, suxeriu a conveniencia de deitarse. Ao outro día pensaba reemprender a súa viaxe cara a vila de Muxía.
Mariangulo pode dormir esta noite na miña cama –dixo a filla máis nova. As noites neste tempo son moi frías e xuntas podemos quentarnos unha a outra.
A verdade dixo moi rápida a peregrina é que iso mesmo o ía suxerir eu. De certo son tan frioleira que as noites son para min o maior castigo desta peregrinaxe.
Pois ¡non se diga máis ! estivo de acordo a muller do home rico e vamos todos á cama.
Deitáronse todos. Mariangulo que era un mozo disfrazado de muller fíxolle pasar á filla máis nova do home rico a noite máis leda e feliz da súa vida. A moza, desexosa de repetir tan fermosa experiencia, pediulle ao seu pai que obrigaraa Mariangulo a descansar un día máis, xa que o santuario de Nosa Señora da Barca quedaba xa moi preto e non facía falta que reemprendera a súa peregrinación con tanta présa. ¡Despois de todo que ían dicir os que a escoitaran de volta para a súa casa da atención que lle dispensara unha familia tan ben acomodada!
A irmá máis vella e a súa nai estiveron de acordo coa moza e insistíronlle ao amo da casa en que intentara que a peregrina descansara algún tempo máis antes de volver a poñerse en camiño.
Xa ves, Mariangulo díxolle o home rico moi compracido que todos queren que nos honres algúns días coa túa compaña. Unha vez que teñas descansado o necesario poderás continuar a túa peregrinación tranquilamente.
Mariangulo, que era o que estaba desexando, agradeceulles tantas atencións e prometeulles quedar dous días máis. A rapaza coa que pasara a noite e que, polo que acababa de escoitar, quería pasar algunha máis estaba louca de contento.
Pero a irmá maior quixo saber porque a súa irmá máis nova amosara tanto interese en que Mariangulo non volvese xa ao seu camiño.
Oe díxolle a súa irmá ¿tan ben o pasaches coa invitada que queres que se quede uns días máis na casa?
¡Si che contara! confesoulle a irmá ¡Foi algo marabilloso! ¡Eu nunca sospeitei que alguén che puidera facer tan feliz!
E contou e contou e non parou de contar. Tanto que a irmá maior empeñouse en que Mariangulo se deitase aquela noite con ela. Despois de todo, con súa irmá xa o fixera a noite anterior. A irmá máis nova non tivo máis remedio que consentilo e a Mariangulo pareceulle moi ben. A irmá máis vella tampouco estaba nada mal!
¿Cómo che foi? preguntoulle ao outro día pola mañá a irmá máis nova.
Tiñas toda a razón. contoulle a afortunada Se o ceo é así de marabilloso ben vale a pena o que hai que sufrir para ganalo.
O problema era que as dúas irmás querían dormir a nova noite con Mariangulo e tanto insistían e até tanto se acendeu a súa liorta que a nai, sorprendida daquel interese das súas fillas por dormir con Mariangulo, acabou con tal enfrontamento tomando a decisión de deitar a peregrina con ela. A verdade é que non lle cabía na cabeza aquela teima das fillas. ¿De verdade, pensou, valería tanto a pena unha noite con aquela muller?
E Mariangulo tamén soubo facer feliz á muller do home rico.
¿Qué dis, mamá? –dixeron as dúas irmás. ¿Estás convencida agora da razón que tiñamos para querer deitarnos con Mariangulo?
Sí, nenas disimulou súa nai, agora xa sei porque insistíades tanto en deitarvos con ela. Verdadeiramente é algo marabilloso.
O home rico, sorprendido con tal comportamento da súa muller e das súas fillas, pensou para si: Se esta muller pode facer tan felices na cama a outras mulleres ¿qué non será capaz de facer con un home? E sen darlle máis voltas ordenou arranxar unha excursión coas tres mulleres e Mariangulo facendo que a muller e as fillas saíran diante e quedándose atrás coa peregrina para recoller algunhas cousas que logo usarían cando estiveran no campo. As mulleres estiveron de acordo e Mariangulo tamén.
Maraiangulo díxolle o home rico cando estiveron sós na casa, ¿Por qué non me contas como fixeches tan felices á miña muller e ás miñas fillas? ¡Estaríache tan agradecido! ¿Queres facelo?
¡Dende logo! contestoulle Mariangulo. Mete a cabeza dentro desta artesa e baixa os pantalóns.
O home rico non as tiña todas consigo. ¿A que viña todo aquilo? Pero a curiosidade puido máis que o medo e levantou a tapa da artesa e, como lle pedira Mariangulo, meteu a cabeza debaixo dela. Mariangulo apretou a porta da artesa contra a cabeza do home rico e, baixándose os pantalóns, disfrutou canto puido do cu do pobre mamalón curioso.
O home rico chegou ao campo onde o agradaban inquedas a súa muller e as súas dúas fillas. As tres correron desacougadas cara ao home rico, berrando:
Pero ¿onde queda Mariangulo?
O home rico, limpándose a suor que corría abondosa pola súa fronte, exclamou:
¡Mariangulo, Mariangulo! ¡Que a vosotras tres fornicó y a mi me ha dado por el...!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario