–I–
Nesta volta atrás, que, dalgún xeito, é o que é este meu blog, penso que pode ter certo interese ver, aproximadamente, vinte anos despois, o que entón pensaba un profesor de Literatura sobre este aspecto da cultura e, máis concretamente, da literatura infantil nos medios de comunicación escritos. Convidado pola Dirección Xeral de Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia a participar nos "Encontros de literatura Infantil" organizados entón por esta institución, no serán do día 17 de Xuño de 1993, tiven a oportunidade de presentar unha comunicación que rotulei "A literatura para nenos e mozos nos medios de comunicación escritos". Facíao, naturalmente, na miña dobre condición de profesor de Lingua e Literatura e de cofundador e colaborador do suplemento cultural de El Correo Gallego de Santiago, El Correo Cultural. Artes y Letras, que na actualidade non é máis ca unha sección literaria no suplemento Edición siete deste xornal compostelán. Só con aquelas variantes mínimas que esixe o cambio de medio e, en certo modo, o paso do tempo –sempre separadas con paréntese–, agardo ter a opotunidade de reproducir aquí, en capítulos sucesivos, dita comunicación.
A miña cominicación, despois do obrigado saúdo a todos asistentes, comenzaba cunha breve introdución sobre o contexto no que pretendía situar a miña reflexión sobre a literatura infantil e os medios de comunicación escritos. O xornal –comezaba a miña intervención– é, en moitos casos, o único libro familiar ao neno e á nena, ao rapaz e á rapaza, que no noso contexto sociocultural –predominantemente, rural, mariñeiro, artesán, pero tamén, urbano e industrial–, fóra dos seus libros escolares de matemáticas, física, historia... os achega ao mundo da letra impresa. O xornal é, sen dúbida, unha fiestra aberta, non só ao mundo do acontecer cotián, senón tamén ao mundo dos grandes acontecementos mundiais. O xornal é, ou quere ser, unha escola aberta á curiosidade dos grandes e dos pequenos, polo menos destes cando teñen a oportunidade de poder follealos unha vez que seus pais os abandonan enriba da mesa da cociña ou do mostrador de traballo.
Estes eran, máis ou menos, os supostos básicos daquel grupo de profesores que no mes de Outubro de 1984, unha vez convencida a dirección de El Correo Gallego, nos dispuxemos a poñer en marcha o proxecto daquel suplemento semanal que acabaría vendo a luz baixo o rótulo de El Correo Cultural. Artes y Letras. Persoas membros dun mesmo colectivo, o mundo da educación, pero, evidentemente, con preocupacións sociais, políticas e relixiosas moi diferentes. O pequeno manifesto publicado no primeiro número do novo suplemento, o domingo, día 7, de 1984, é suficientemente expresivo desta pluralidade do grupo, composto polos profesores Luis Alonso Girgado, Xavier Castro Rodríguez (incorporado ao grupo algo máis tarde), Guillermo Domínguez Santos, Joaquín Lens Tuero, Xesús Rábade Paredes, José Sanchez Reboredo e eu mesmo. O texto dicía literalmente: "Un grupo de colaboradores –escritores, profesores y críticos de distintos ámbitos– tratará de dar actualidad a todo lo que sea noticia en campos como literatura, cine, artes plásticas, novedades científicas, etc. Todo ello con especial atención a lo que se produzca en Galicia y con absoluta independencia en su vehículo expresivo, sea gallego o castellano."
Quero adiantar que El Correo Gallego e, máis concretamente, o seu irmán La Noche, sempre tivera amosada unha especial preocupación polo mundo da cultura, ocupando, por dereito propio, un lugar de privilexio no ámbito do xornalismo galego, con suplementos como os xa citados Plumas y Letras e, sobre todos, o Suplemento del sábado.Máis tarde algúns dos compoñentes deste grupo teríamos a oportunidade de explicar en publicacións como Plumas e Letras en "La Noche" (1946.1949) e La Noche. Suplemento del Sábado (1949-1950), realizados, ámbolos dous traballos pola sección de Literatura do Centro Ramón Piñeiro e publicados por esta mesma institución (1996). Contexto xornalístico no que pretendía situarse o novo suplemento El Correo Cultural. Artes y Letras.
viernes, 27 de noviembre de 2009
A LITERATURA INFANTIL NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
Etiquetas:
correocultural,
lanoche,
literaturainfantil
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario