domingo, 1 de noviembre de 2009

O CAMIÑO DE CADAQUÉN

Discúlpome dende agora mesmo pola miña teima en insistir na importancia do camiño que cadaquén ten de escoller e continuar durante a súa vida. Esta, ao fin e ao cabo, non é máis ca iso, un camiño.
Pois ben, nesta escolleita tan trascendente para todos nós, os libros, ou, se se prefire, as nosas lecturas, teñen moito que ver. Algo que entenderon moi ben as institucións relixiosas e, en xeral, todas as sociedades cultas con vocación de continuidade. O ensino, que moitos prefiren nomear claramente, sen andrómenas, como "educación" -educare: conducir, llevar a--, foi dende sempre o instrumento máis utilizado para controlar esta elección, censurando todo aquilo que puidera desviar ao futuro acólito ou cidadán do camiño previamente sinalado. Outro día volverei sobre esta cuestión da censura, moitas veces perfectamente disimulada baixo etiquetas aparentemente tan inocentes como "libros para nenos", "libros xuvenís", "lecturas relixiosas", etc. De momento conformareime con falarvos dalgúns libros que eu tiven a fortuna de poder ler.
O certo é que todos, dunha ou doutra maneira, dependemos dos outros para decidir, libremente, o libro que queremos ler. Os consellos dos pais, dos profesores, das persoas maiores... non pasan neste contexto de seren puntos de vista interesados. O atractivo dun rótulo suxerente, o texto anunciador dunha lapela ou contraportada non són, ao fin e ao cabo, máis ca propaganda, é dicir, recursos comerciais para seducir ao posible lector. Felizmente, non obstante o poder inmenso da publicidade, tal escolleita só se fai dende o suposto do que desexamos atopar. É o que queremos saber o que nos estimula para enfrontarnos á lectura dun libro determinado. A mesma publiciade só alcanza toda a súa eficacia cando, previamente, sospeita o que de verdade desexaría atopar un lector concreto, dunha idade e nivel culturais concretos.
A miña condición de profesor de Literatura, e de educador, tenme feito reflexionar moito sobre a clase de libros que debía aconsellarlles aos meus alumnos e alumnas. Primeiro, para espertarlles a curiosidade pola lectura e, despois, para que puideran ver nesta actividade algo máis ca un momento de lecer. Neste sentido sempre me desacougaron as orientacións educativas que lle reservan, en exclusiva, esta función orientadora, aos profesores de Lingua e Literatura. Se cadra, mesmo, porque a deformación profesional destes non lles consinte saírse dos lindes que impón o coñecemento dos diferentes xéneros literarios. Con moitas posibilidades, sen dúbida, pero con moitas menos das que pode proporcionar unha visión non necesariamente literaria.
Como quen non quere a cousa e, sempre, abusando da miña coñecida heterodoxia como profesor, sempre incluín nas miñas listas de lecturas aconsellables libros como Dioses, tumbas y sabios, obra de divulgación histórica, do escritor alemán C.W.Ceram, ou Cuerpos y almas, do escritor francés M. Van der Meersch.
Independentemente doutros valores, o lector vai atopar na lectura da primeira destas dúas obras o alento e a forza para enfrontar un futuro dedicado á investigación arqueolóxica e, en xeral, histórica. Unha lectura que pode agradar a moitos lectores, pero que, sen dúbida, acenderá entusiasmos naquel e naquela que logre vivir con verdadeira emoción a viaxe á que nos convidan os cinco libros nos que se divide esta obra, ao encontro, respectivamente, co mundo grego, co Antigo Exipto, con Mesopotamia, coas civilizacións precolombinas e con nós mesmos e os nosos soños en "Sobre los libros de historia de la arqueología que todavía no pueden escribirse". Un percorrido no que, a través dunha serie de notas biográficas, se fai posible a compaña de personalidades tan curiosas no mundo da Arqueoloxía como Heinrich Schliemann, Jean-François Champollion, Paul-Émile Botta, e Howard Carter.
Na lectura de Cuerpos y almas o amante da Medicina vai poder vivir o drama dun médico mozo, Michael, capaz de renunciar a todo por salvagardar e defender a súa idea dunha auténtica medicina, para el máis próxima á natureza que a unha concepción mercurial, máis interesada na saúde do próximo ca no negocio que poida representar o seu exercicio. A actual superación dalgunhas teorías médicas defendidas por M. Van der Meersch, non devalúan, en absoluto,o mérito enorme desta obra, capaz aínda hoxe de orientar verdadeiras vocacións médicas.
Cada libro, en fin, é un camiño do lector cara a si mesmo.

1 comentario: