O FACO E O LOBO
Contar contos pola noite á beira da lareira é para moita xente un modo de entretemento, unha maneira de recuperarse dos duros traballos do día. Unha función do conto de non menos valor que os contidos das súas ensinanzas. Pero tamén ten esta actividade un escuro sentido ritual e máxico. Poderse rir, por exemplo, como tan frecuentemente o fai o conto popular, das poucas luces do lobo, sen dúbida un dos animais máis temidos pola comunidade, non deixa de ser un modo de espantar e alonxar o medo que produce a súa presencia. Este conto que escoitei en Bazar de Santa Comba (A Coruña) e que reproduzo aquí literalmente pode ser unha boa proba disto que estou a suxerirvos.
Había unha vez unha familia que tiña un faco moi bo. Tódolos días lle arranxaban ben a corte para dormir e lle daban unha boa manchea de toxos ben picados, mesturados con herba. Pero, cando se foi facendo vello e o seu servicio diminuíu, os coidados da familia tamén foron a menos. Tanto é así que moitas veces, non só se conformaban con soltalo na chouza para que pacera o que poidera, senón que, incluso, o deixaban dormir fóra esquecéndose de ir buscalo.
Un día, cando estaba pacendo no monte, atopouse co lobo, que o saudou moi antentamente:
-¡Bos días, Pedro!
-¡Bos días, Xan! -respondeu o faco.
-Eu queríate comer -seguiu o lobo.
-Querías, ho, querías, pero estou moi fraco. Espera uns días máis para que engorde algo.
-¡Tes razón, que moi gordo non estás! –recoñeceulle o lobo-. Déixote logo até mañán; pero para mañán virei a por ti.
O lobo marchou e o faco pensou que malo sería que os amos non viñeran por el antes do outro día. Pero non foi así e o tontiño do lobo volveu máis ou menos á mesma hora atopando ao faco pacendo moi tranquilo.
-¡Bos días, Pedro! –saudouno de novo o lobo.
-¡Bos días, Xan! –contestoulle moi cortesmente o faco.
-Hoxe veño para comerte –díxolle o lobo.
-Virás, ho, virás; pero aínda non estou moi gordo. Espera polo menos un día máis.
E o lobo, como era tan parvo, marchou outra vez. Pero os amos do faco tampouco viñeron recollelo aquel día.
O lobo volveu ao outro día e díxolle ao faco:
-¡Bos días, Pedro!
-¡Bos días, Xan! –contestoulle este.
-Hoxe voute comer –díxolle o lobo-. Estás listo?
-Estou, ho, estou –estivo de acordo o pobre do faco-. Hoxe xa estou un pouco máis gordo.
-Por onde queres logo que empece? –preguntoulle o lobo.
-Empeza polo pernil de atrás –díxolle o faco.
O tonto do lobo púxose detrás do faco e, cando lle ía botar os dentes ao pernil, o faco arreoulle unha patada que tirou con el moi lonxe.
CONSELLO: Non esquezas o refrán que di: "Non deixes pra mañán, o que poidas facer hoxe." (Buxantes, Camariñas, Corcubión).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario