martes, 5 de abril de 2011


NARRADORES DE HOXE: AMANCIO LIÑARES

Pode, de certo, que Amancio Liñares non sexa, polo menos coma narrador, un escritor dos máis coñecidos. A súa dedicación ó ensino, como Profesor Numerario de Instituto de Bacharelato, e a súa mesma atención ó estudio de temas como O Val de Barcala, 1.900-1.936. Agrarismo, vida política, emigración e cultura, traballo publicado en 1.986, Xulián Magariños Negreira, un home da "Epoca NOS" (1.904-1.934), en co-autoría con Blanca-Ana Roig, publicado en 1.988, ou Conversas con Avelino Pousa Antelo. memorias dun galego inconformista, publicado en 1.991, non foron, endebén, atranco suficiente para arredalo do seu interese pola creación literaria. Ademáis do relato "Nun cuarto para agardar", distinguido co premio "Modesto R. Figueiredo", Amancio Liñares non abandonou nunca de todo o cultivo, amoroso e case secreto, do relato curto. Actividade da que é o mellor exemplo ¡Ouh Galicia Maná!.
Amancio Liñares Giraut pertence a ese grupo de narradores mozos empeñados nunha narrativa galega que dende a súa propia identidade, é dicir, sen renunciar nunca a ser galega, se inscriba, dignamente, no contexto da literatura universal. Primeiro, a través do relato curto, como ata agora Amancio Liñares, para, logo, nun salto máis cuantitativo ca cualitativo, enfronta-lo camiño da novela. Dúas formas diferentes da narración para as que non se pode busca-la razón da súa calidade no feito mesmo de que o autor opte por unha ou por outra e, aínda, en que se sinta máis cómodo nunha ca noutra.
Non resulta moi doado encadrar a Liñares Giraut, como, se cadra, a maioría dos narradores da súa xeración, nunha corrente concreta das moi diferentes experimentadas por estes autores. Quizais o máis seguro, a decisión que polo menos pode representar un risco menor, sería situalos a todos eles, en xeral, mesmo nese ámbito da experimentación, de busca de camiños para unha nova narrativa e de busca, incluso, do seu propio camiño como narradores. Opción que, en calquera caso, xustificaría abondo a falta dunha obra, ata agora, insuficiente na maioría deles, e, en calquera caso, a evidente falta de perspectiva temporal para xulgar a uns autores aínda moi mozos.
Coido, endebén, que merece a pena calquera esforzo de aproximación que nos permita, polo menos, alumear un tanto o conxunto para, dalgún xeito, poder adiviña-la posibilidade dalgunha individualidade que forma parte do mesmo. Non é, neste senso, unha teima pouco relevante, neste grupo de escritores, a súa pretensión de seren claramente diferentes, autores con persoalidade propia.
Amancio Liñares Giraut, que, dende a miña persoal perspectiva, participa destas dúas características comúns ó grupo -curiosidade pola experimentación e ansias de individualidade-, amosa un especial interese por unha realidade circunstancial, aparentemente insignificante e cotián, a penas posta de relevo en acontecementos que para a xente normal non signican case nada. A espera nunha sala de visitas, un recuncho de luz ó pé dunha pequena bombilla, o interese dun señorito madrileño por unha coroza de xuncos... Son as ideas, o pensamento, un intre de reflexión, unha simple emoción dos propios personaxes -"cabezas pensantes", "suxeitos pensantes"...- os únicos elementos capaces de rompe-la monotonía e indiferencia dese universo.
O ritmo do relato é necesariamente lento, repetitivo, monótono... Carácter acentuado na preferencia do autor pola técnica do monólogo e que non logra rompe-la abondasa presencia do diálogo. Esta forma de expresión, o diálogo, en Amancio Liñares compre ademáis unha función moi diferente da que, en xeral, desempeña no relato clásico. En Amancio, contribúe, sen dúbida, a un certo achegamento, en presente, da realidade ó lector, é dicir, actualiza esa realidade contada na oportunidade de que o lector poida escoitar directamente, sen intermediarios que o alonxen no tempo e no espacio, ós propios personaxes que falan. Pero, sobre todo, e aquí radica a característica máis peculiar do diálogo de Liñares Giraut, este procedemento funciona simplemente como un reconstructor, un recreador de realidades "pensadas". Ou dito doutra maneira: o lector, máis ca escoitar a uns personaxes que falan, sinte a uns personaxes que dialogan os seus propios pensamentos.
A pregunta clave sería esta: ¿É o mundo unha realidade anónima e temeramente monótona? O mundo que nos narra Amancio Liñares, sen dúbida, sí. Un mundo de fondas e silenciosas intimidades que a penas logra manifestarse a través de actitudes e situacións, das que, ás veces, non son conscientes nin os seus propios protagonistas. Sempre, efectivamente, nun claro de luz que é "símbolo dun mencer agardado", e dende a ollada irónica, que nunca chega á mordacidade nin tan siquera á crítica aceda, dun autor abertamente identificado coa realidade que, garimosa e minuciosamente, recrea en cada un dos seus relatos.
O lector vai ter, ademáis, a oportunidade de disfrutar un galego con fondas raigañas populares, que Amancio recupera amorosamente en terras do Val de Barcala e doutros currunchos de Galicia, que o autor coñece a través de observadoras e atentas estadías como veciño ou como profesional do ensino. Unha lingua viva, con arrecendos do pasado, que o autor logra, na súa artística utilización, convertir nun procedemento máis de achegamento do lector ó mundo que nos comunica. Ese mundo, insistirei, que, se cadra, so é posible recuperar na súa verdadeira identidade e autenticidade a través, mesmo, dos segredos que garda o silencio nas "cabezas pensantes" dos seus poboadores. Este é, coido eu, o convite deste narrador que descubre "símbolos de menceres agardados" nos claros das bombillas que alumean na noite a esperanza dunha próxima alborada.

M. Quintáns S.

No hay comentarios:

Publicar un comentario