martes, 5 de abril de 2011
CÉSAR CUNQUEIRO: "BEATUM CORPUS"
Non quixera que o rótulo, "A literatura como xogo" con que se reseñou en El Correo Gallego a aparición da novela Beatum corpus de César Cunqueiro, na colección Narrativa da Editorial Ir-Indo, se tomase cun senso peiorativo. Penso, evidentemente, que o relato que nos ofrece este autor de apelido tan ilustre nas letras galegas, Beatum corpus, resulta de pouco doada clasificación, aínda que tal condición non sexa ningunha razón de demérito. Así, poderíamos ver nesta obra un relato de carácter autobiográfico no que, por unha banda, o narrador é, nalgúns momentos, o mesmo César Cunqueiro, e, por outra, a anécdota, entre o fantástico-imaxinario e o realismo-expresionista, mestura de aventuras dun mundo soñado con acontecementos da realiade máis cotián. Un xogo literario, á fin, no que a lingua, capaz de tódalas modulacións esixidas por unha recreación deste tipo, é a principal protagonista do relato.
Quero, neste senso, lembrar que o escritor, en canto creador, inventou, dende os tempos máis remotos, mil e un procedementos para facer cribles -verosímiles- os seus universos literarios, as súas simbolizacións da realidade. O recurso da propia testemuña do autor, coma no caso de César Cunqueiro, tivo e segue a te-lo problema de romper, coa forza da súa presencia, ese valor simbólico que caracteriza a toda obra literaria, convertindo a esta, de creación, en documento. E, naturalmente, Beatum corpus no é unha autobiografía de César Cunqueiro.
O relato de César Cunqueiro desenvólvese esencialmente en dous planos, o plano da evocación, recreado a través dunha viaxe mistérica na que a realiadade acada un alto valor simbólico, e o plano da realidade da experiencia, no encontro do protagonista co máis familiar ó autor. Dous universos que se entrecruzan sen chegaren a constituír unha unidade, producindo no lector a sensación de se atopar disfrutando á vez unha novela erótica e un libro de memorias.
Na desorde, endebén, que non logra evita-la evidente linealidade do acontecer, xorde a busca obsesiva do protagonista. Non, de certo, de algo que se derive dos propios acontecementos, esceas de descubrimento de belezas que amosan presencias dun mundo clásico que se fai presente nas descripcións de dionisíacos momentos e de apaixonadas figuras femininas. O protagonista, persoaxe renacentista construído coa memoria dun pasado de harmonías clásicas e delirantes fantasías orientais, busca, simplemente, ó home que hai aínda nel mesmo. E, no desacougo lúdico da súa busca, admira os recordos dese pasado que brillan aínda nas faíscas dun presente feito só de lembranzas, adora a beleza e tributa desenfreado culto ó pracer do disfrute dos corpos cobizosos de encontros e experiencias sensoriais.
Mondoñedo, en canto símblo da síntese entre aquel mundo e o mundo galego, constitúe o persoal grial perseguido por César Cunqueiro e conquistado, á fin, polo protagonista de Beatum corpus. O mar, última etapa daquel labiríntico percorrido, abrazo dos dous mundos vivos na realiade de Mondoñedo, volta a ser camiño dun galego-ateniense que se sinte fondamente romano.
Beatum corpus é, na miña lectura, se cadra máis lúdica do que lle está permitido a quen se atreve a facer comentarios sobre o seu propio camiño de aventureiro das letras, a reivindicación dunha Galicia greco-latino-árabe fronte á Galicia céltica da Xeración NÓS. Unha Galicia que César Cunqueiro cre descubrir na memoria e na mesma realidade actual do seu Mondoñedo de sempre.
Beatum corpus é, con todo e diante de ningunha outra cousa, unha recreación na que, sen dúbida, a lingua galega, instrumento doado na pluma de César Cunqueiro, é a principal protagonista e o maior logro do seu autor.
M. Quintáns S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario