martes, 5 de abril de 2011
JOSÉ Mª. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ: A NARRATIVA GALEGA EN GALEGO
Lembrar que a literatura galega deixou, fai tempo, de ser un gueto, unha illa esquecida no noroeste da Península Ibérica, parecería, se cadra, un tópico. Obras e autores mereceron e seguen a merece-lo interese doutras linguas, doutras culturas e doutros pobos. Con maior entusiasmo, sen dúbida, nos últimos tempos, ben que non sempre dende a necesaria comprensión de todos e menos aínda co apoio intelixente que sería obrigado agardar das institucións galegas responsables da política cultural do noso país.
Debe ser, penso, un obxectivo prioritario desa política favorece-lo diálogo entre culturas diferentes, entre a cultura galega e outras. Pero dende un deseño claro dos intereses da nosa propia comuidade. Subvencionar, por exemplo, empresas editoriais, non galegas, pola súa publicación en galego, pode estar xustificado en casos moi concretos, pero, con dificultade, resulta comprensible esta axuda cando esas publicacións constitúen parte do programa editorial das nosas propias empresas. ¿Non resultaría máis doado de entender que foran mesmo as publicacións e difusión de traducións de obras galegas, as que mereceran esta atención?
Nembargante, hai outro aspecto da literatura galega actual, que non fala menos nin con menos énfase a prol dese senso de doada e leda convivencia con outras literaturas. Refírome en concreto ó feito da tradución ó galego de obras de autores galegos, que, polas razóns que fora, apareceron no seu día en castelán ou noutras linguas. Unha decisión, sen dúbida, normal, pero de fonda significación na solución adecuada do vello e pouco xustificado contencioso que enfronta a literatura galega en galego á literatura galega noutras linguas. Só, de certo, cando nos poidamos sentir visitantes convidados noutras terras, cando poidamos concorrer cos demáis, solidariamente, ó foro dos intercambios e da convivencia, poderemos recoñecer, con orgullo, o que outros compatriotas teñan alcanzado fóra, a través mesmo dunha lingua diferente da súa propia.
Se sempre é unha boa noticia que un autor galego que escribe en castelán ou noutra lingua adopte nun momento dado a decisión de escribir en galego, non a é menos que a súa obra, consagrada polo éxito, volte a súa terra de orixe na lingua na que, se cadra, se pensou, e na que, en calquera caso, sempre atopará a verdadeira razón da súa identidade. Un feito que, dalgunha maneira, evoca, no propio contexto literario no que nos atopamos, esa teima ancestral do galego polo reencontro derradeiro coa súa tradición e consigo mesmo.
Son, neste sentido, dous exemplos espléndidos a tradución de M. Riveiro Loureiro de O bosque de Ancines de Carlos Martínez-Barbeito, en Edicións Laiovento, e, recentemente, a de Álfonso Álvarez Cáccamo de Na vila hai caras novas de José Mª Álvarez Blázquez. Dúas novelas que mereceron a distinción do Premio Nadal, a primeira, e a condición de finalista, a segunda. De O bosque de Ancines tiven xa a oportunidade de poñer de relevo o seu fondo valor antropolóxico e literario. Hoxe síntome ledo de poder anunciarlle ó lector curioso de disfruta-la mellor narrativa galega a aparición en galego de Na vila hai caras novas de Xosé María Álvarez Blázquez.
Pertence, sen dúbida, esta fermosa novela do tudense Álvarez Blázquez, a ese grupo de obras que unhas circunstancias políticas malfadadas fixeron imposible nacer na nosa lingua. O autor, mestre de profesión, membro das Mocedades Galeguistas e do Partido Galeguista, fundador de editoriais coma Monterrei e Castrelos, logra á fin, na tradución espléndida que para Ir-Indo realiza o seu propio fillo,o escritor Alfonso Álñvarez Cáccamo, ofrecernos un dos seus relatos mellor construídos e, se cadra, tamén mellor escritos.
Na vila hai caras novas é, efectivamente, unha desas novelas, entretidas e amenas, destinadas, sobre todo, a facer lectores. Debedora, sen dúbida, dun modo de contar decimonónico -forma que está a recupera-la narrativa máis actual-, Na vila hai caras novas logra, dende os primeiros capítulos esa complicidade, tan importante para o goce da lectura, entre o narrador e o lector. Unha fórmula que lle permite ó autor, protagonista principal na investigación dos feitos que deben proporciona-lo desenlace definitivo da historia, amosar tódalas súas brillantes calidades de agudo observador e, sobre todo, de retranqueiro comunicador.
Un acerto máis, sen dúbida, de Ir-Indo Edicións que, con esta nova publicación vai poder contribuír, eficazmente, a que ese número de lectores de novela galega se vexa claramente aumentado.
M. Quintáns S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario