viernes, 6 de enero de 2012
ANTON REIXA EN EDICIONS POSITIVAS
Cada época ten, como é ben sabido, os seus mitos e os seus símbolos. Esa témera desgraza que, en tantas ocasións, termina privándonos, a través, mesmo, deste procedemento, da operatividade de certas realidades que alentan e viven á nosa beira.
Antón Reixa, para ben ou para mal, é xa un deses mitos da cultura ou, se se prefire da anticultura, galega actual. E esa mesma condición, que evidentemente o alonxa no tempo e no espacio da nosa experiencia cotián, fai inocua, se cadra, incluso, divertida a acción destructiva do seu poder creativo.
Moi coñecido coma cantautor ó fronte do famoso grupo "Os resentidos", resulta endebén unha sorpresa coma narrador. Un efecto máis do mito cando os mitificadores logran eleva-la categoría pública dese mito ó nivel de simple espectáculo. O apaixonamento do público, embebido na cor flamexante do sorprendente, é vítima entón desa enfermidade terrible da selección esquecendo ou simplemente ignorando canto non nace da fonte única que provoca e aviva as súas máis escuras, e tamén superficiais, emocións. Deste xeito, o curioso satisfai a súa curiosidade no descoñecemento mesmo do que de verdade se lle intenta dicir. Con razón, de certo, xa que a mensaxe, no caso concreto de Antón Reixa, é sempre unha advertencia demoledora para o lector que intenta ir máis aló do chisco irónico, da acaída maliciosa, da graza do absurdo dunha realidade absurda.
Galicia mesma, un dos amores máis sentidos e profundos deste creador, é, no relato "O feminino dos paises", un bo motivo para un deses seus xogos nos que as posibilidades multisignificativas da obra artística poñen a proba a capacidade crítica do lector máis avisado. Galicia pode ser, nese contexto, "muller", "metáfora do mundo", ou, se cadra, só unha referencia, inútil, unha cuestión, sen importancia..., pode que, un insulto á intelixencia coma centro dun tema intrascendente. Existen outros exemplos, na historia da literatura, de relatos caracterizados pola súa brevidade, pero non coñezo ningún tan curto e á vez tan completo coma este de Antón Reixa, capaz de dicir e contar as cousas máis inytelixentes e profundas. É un diálogo ou unha conversa, con só tres frases de moi poucas palabras:
"-Galicia, muller.
-Galicia, metáfora do mundo.
-Galicia, vou chamar por teléfono."
¿Non é, certamente, a crítica máis despiadada contra tantos, que segurando ser máis galeguistas ca ninguén, non fan outra cousa que falar da importancia da cultura galega, da súa literatura, da súa..., sen se pararen nunca a pensar o que Galicia é de verdade?
Transporte de superficie (Relatos verídicos), publicado por Edicións Positivas, non é, endebén, unha saída rara de Antón Reixa ó mundo da literatura, digamos, culta. Con anterioridade, ademais das numwerosas letras das súas cancións publicara Silabario da Turbina (1.978), Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio (1.979), A Dama que Fala (1.983), As ladalliñas do Travesti (1.980), Historia do Rock and Roll (1.984), Días contra Fotocopias (1.987), etc. Ben que este seu novo libro, Transporte de superficie, signifique a súa primeira incursión no mundo da narrativa, digamos, da narrativa literaria. Un libro curto, que non chega ás 60 páxinas, e no que as palabras son só unha materia necesaria.
¿Con que lle gustaría de verdade a Antón Reixa escribi-las súas visións do noso mundo? Con palabras, dende logo, non. Transporte de superficie significa, neste senso, un esforzo especial do autor, que, evidentemente, non logra diminuir no aforro que fai dun medio que pensa, penso, inútil. ¿Non lle pasaba o mesmo a súa cidade de Vigo, que "se esgota en si mesma sen darse explicado", que "non lle chegan as palabras"? A mudez e o silencio son os grandes protagonistas destes relatos de cine mudo no que se fala. As palabras, coma os ruídos, só interrompen o significado das cousas.
M. Quintáns S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario