viernes, 6 de enero de 2012
NARRATIVA RECUPERADA: LUGRÍS FREIRE
NARRATIVA RECUPERADA: MANUEL LUGRÍS FREIRE
Manuel Lugrís Freire, o ilustre fillo de Galicia que nace en Sada o día 12 de febreiro de 1863 e falece na Coruña o 15 de febreiro de 1940, é o autor que agora nos ofrece o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dentro do proxecto Narrativa recuperada que, no Departamento de Literatura do qué é o seu Director Técnico o Profesor Anxo Tarrío Varela, dirixe Modesto Hermida García, baixo o rótulo A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire. A edición, especialmente coidada, estivo ó cargo de Xabier Campos Villar, responsable do interesante estudo introductorio –“Apuntamento biobliográfico”, “Comentario literario” e “Bibliografía”- e das numerosas notas a pé de páxina con que se enriquece esta edición. Baixo o rótulo “Textos” recóllense, en orde cronolóxica, un total de 56 relatos do sadense.
O retrato que nos ofrece Xabier Campos Villar de Manuel Lugrís Freire déixanos adiviñar ó home que a R.A.G., con motivo do seu recibimento coma Presidente, ano 1934, lembraba como “el hombre honesto, laborioso, encendido en pura emoción, que desde los años jóvenes de emigrado aprendió a ponderar el valor inmanente de nuestro suelo y nuestra raza”. Con só os estudos primarios, entra coma escribán, no Concello de Oleiros, emigrando a Cuba no ano 1883, onde traballa, con longos horarios, coma contable. De volta a Galicia, o ano 1896, instálase na Coruña, cidade na que, despois “dun efémero paso –como nos conta Xabier Campos- pola Litografía ‘La Artística’”, ingresa “na compañía ‘Sociedad Anónima Aguas de La Coruña’”, traballo no que, “ademais de levar a contabilidade da empresa, tiña que percorrer a cidade casa por casa para buscar abonados que quixesen levar ós seus domicilios a auga potable”. A fonda depresión que –en palabras de Xabier Campos- “o situaría ó borde do suicidio”, ocasionada pola morte da súa muller, a cubana Conchita Orta, da que tivo unha única filla que foi mestra en Sobrado ata o seu pasamento en 1957, só se cura de todo ó lado da coruñesa Pura González Varela, nai dos seus cinco fillos, Manuel, Secundino, Mª do Pilar, Urbano e Pura.
O seu labor literario, cultural, social e político resulta, neste contexto humán, un verdadeiro prodixio de dedicación e amor infinito a Terra. En Cuba -Nociones Generales de Mitología sería unha obra anterior- colabora en El Eco de Galicia, publica a novela curta, O penedo do crime, as obras teatrais A Costureira da Aldea e De Galicia a Lavapiés, en 1885 crea a primeira publicación ultramariña redactada integramente en lingua galega, A gaita gallega, publica Soidades (versos gallegos) (1894). Xa de volta en Galicia, colabora coa Revista Gallega de Galo Salinas e de 1907 a 1908 con A Nosa Terra. Publica os poemarios Noitebras (1901), Ardencias (1927) e As Mariñas de Sada (1928); estrea as obras teatrais A ponte (1903), Minia (1904), Mareiras (1904), Esclavitú (1906) , O pazo (1917) e Estadeíña (1919); en 1908 publica a primeira colección de Contos de Asieumedre e en 1923 a súa Gramática do Idioma Galego. Participa na redacción do Regramento da Sociedade Liga Gallega na Coruña (1897, na inauguración do monumento ós Mártires de Carral (1904), funda Solidaridad Gallega”, é un dos primeiros membros da Irmandade da Fala (1916) fundada por Antón Villar Ponte, ingresa no Seminario de Estudos Galegos (1923), elabora o programa do Partido Autonomista Republicano Agrario para a campaña de 1930 e ingresa no Partido Galeguista en 1931.
Non parece, de certo, necesario insistir na importancia da oportunidade que nos ofrece esta publicación, A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, para achegarnos, directamente, ó máis fondo e persoal deste ilustre galego, á súa propia obra. Un grande acerto, sen dúbida, do proxecto que dirixe o Profesor Modesto Hermida.
M. QUINTÁNS S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario