domingo, 29 de enero de 2012
ARMANDO REQUEIXO: ESCRITORES MINDONIENSES
ESCRITORES MINDONIENSES
É certo que non sempre coinciden, nos nomes e, moito menos, nos méritos, os que contan a Historia cós que a fan e a sofren. Un tópico, sen dúbida, que o Premio Nobel de Literatura, o admirado escritor portugués Saramago, logrou actualizar coma unha reflexión transcendente para o home de hoxe coa súa sinxela e marabillosa confesión de sentirse máis próximo destes ca dos primeiros, dos humildes que sofren ca dos grandes que triunfan.
Pero a historia non é só acontecer, é tamén relato, memoria de feitos e acontecemenmtos. E lembra-lo pasado é un xeito de vivi-la historia, é un modo de recupera-la razón do noso presente, é unha actualización esperanzada dun futuro soñado. E en canto somos fillos dela, da historia, dun xeito semellante a como somos fillos duns pais determinados e membros dunha familia concreta, contala ou escribila é, á vez, un modo de afirmación de nós mesmos. A súa memoria racha os témeros silencios do esquecemento.
¡Canta nobreza nos que saben estar ó lado dos que a sofren! Pero ¡canta tristeza produce o silenzo dos que a descoñecen!
O xove profesor e investigador Armando Requeixo, con ese rigor que caracteriza tódolos seus traballos de inquedo intelectual, ergueu a súa voz e berrou os nomes e a obra daqueles escritores mindonienses, "de berce ou de corazón", que fixeron e fan posible escoitar con orgullo o nome de Mondoñedo. A el, pola súa mesma especialidade de lingüísta e literato, importábanlle sobre todo aqueles que, facendo da palabra un instrumento de progreso, colaboraron ó engrandecemento e orgullo dun pobo perdido no fondal dun dos máis fermosos vales de Galicia. Non nos importa roubarlle ó propio autor unha das súas atinadas citas: "cando un pobo -escribe Luis Álvarez Pousa- ten ese destino, o de ser berce para creadores e personaxes que realimentan a fantasía popular desde a xenerosidade coas xentes do traballo, na taberna ou nos velorios, polas estreitas rúas dunha cidade enmeigada polos ventos familiares que van desde a Corda á Serra de Meira, non ten volta de folla: é un pobo predestinado."
Armando Requeixo é, neste seu novo traballo Escritores mindonienses -colección Ensaio da Sociedade de Cultura Valle-Inclán de Ferrol- a voz de todos eles. Unha voz que, como con acerto adianta o ilustre prologuista deste libro, Francisco Fernández del Riego, "plasma unha concepción do mundo galego desde a vella cidade episcopal". Son, de certo, creadores coma Cunqueiro, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro ou Marina Mayoral, ensaístas e estudosos coma o Licenciado Molina, Villaamil y Castro, González-Seco Seoane ou Xosé María Díaz Fernández, os que elevan a un pobo como Mondoñedo á categoría de cidade privilexiada. Pero é o seu conxunto, unha nómina dun longo centenar de ilustres figuras das letras e das ciencias, o que fai de Mondoñedo unha fermosísima metáfora da Galicia eterna.
Coma pórtico, un fermoso prólogo de Francisco Fernández del Riego. Introduce o estudo dos autores, organizados en dous apartados diferentes -"Creadores literarios" e "Ensaístas e estudiosos non creadores literarios"- e da súa obra, algunhas reflexións do autor sobre "xeoliteratura e mindonicidade". Unha ampla táboa bibliográfica, dous apéndices -"Prensa mindoniense" e "Antoloxía de textos"- e un índice onomástico pechan o libro.
Todo un agasallo para os cobizosos dos segredos que agocha o pasado da vila de Mondoñedo!!
M. QUINTÁNS S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario