martes, 5 de abril de 2011
O "TIC-TAC" DE SUSO DE TORO
O gran novelista que hai, sen dúbida, no escritor Suso de Toro continúa resistíndose a deixar que o seu reloxo, nova imaxe da súa nova novela, dea definitivamente a hora. Non me parecen, de certo, esaxeradas as palabras no frontispicio de Tic-Tac sinadas polo prestixioso crítico Basilio Losada: Tic-Tac é "a novela máis revolucionaria, máis ambiciosa, máis intelixente de cantas en Galicia se levan feito nestas últimas décadas, e poida que a máis impresionante escrita nunca na nosa lingua". Penso, endebén, que o mesmo se pode dicir doutras obras anteriores de Suso de Toro, xa que son, mesmo, esas características salientadas agora polo mestre Basilio Losada as que mellor definen o modo de traballar deste autor, inimigo irreconciliable dos tópicos, buscador incansable de novas formas, descubridor dos sentidos máis escuros da realidade, ousado, ata a provocación, no momento de confesa-la verdade, a súa verdade. Por outra parte, tampouco me parece ningunha novidade o recoñecemento de que, neste novo rexurdimento da literatura galega, Suso de Toro, foi e está a ser aínda o máis notable dos seus vangardistas.
Pero alumar camiños non significa necesariamente facelos. E, se Landrover significou, como penso, unha proba do que o seu autor era capaz como narrador, Tic-Tac representa neste sentido, primeiro, unha renuncia a aquel modo de facer e, segundo, unha volta ás súas primeiras e máis fondas inquedanzas de creador, tomando esta palabra no seu significado máis literal.
Tic-Tac representa, sen dúbida, unha clara superación de experiencias literarias anteriores do seu autor. "Eu son -confesa o protagonista da novela-, como se dixéramos por poñer un exemplo, un traballador do pensamento. Un filósofo. A min fáltanme os estudios, pero aínda así poderíamos dicir que traballo cientificamente." É, por dicilo doutro modo, o artista que Valle-Inclán propuña coma creador-elaborador do seu esperpento, un escritor capaz de suxeita-la realidade, unha deformación grotesca dos nosos soños, a unha matemática perfecta. Tic
O universo literario de Suso de Toro é de novo en Tic-Tac un mundo desacougante, labiríntico, absurdo. Un mundo vítima das súas profundas frustracións, dos seus témeros traumas e, colectivamente, do seu estado de inconsciencia e renuncia das súas responsabilidades como grupo, no que o neno e, se cadra, a muller, esta particularmente simbolizada na figura da nai, actúan coma únicos estímulos dunha sensibilidade adormecida. Un mundo, en fin, con deuses inimigos do progreso do home, asasinos... Pero "así son as cousas, que nunca, ou case nunca, son como deberan".
O autor enfronta esta realidade, "cientificamente", cunha "matemática perfecta", a través dun realismo entre expresionista e cinematográfico, sperpéntico, coa teima única de ofrece-la verdade, "todo como é a vida", "a vida tal como é". Tamén, claro, con nenos que choran, que necesitan de nós, porque "aos nenos hai que quererlle"; pero, sobre todo, porque os nenos son a esperanza, os únicos que poden arrincarnos da nosa indiferencia. E Suso de Toro é un autor que loita sempre con estas dúas ideas opostas, esperanza e desencanto, soños e realidade. Nesta ocasión triunfou Tic-Tac, "o pasar do tempo", fronte a Chora, neno, chora, "pola cousa dos nenos", que era unha das alternativas, xustificadas, para o título desta novela.
Revolucionaria, ambiciosa, intelixente e impresionante, Tic-Tac non é, con todo, a novela que os lectores devotos de Suso de Toro agardamos. Pode que a historia da literatura non poida prescindir nunca dunha referencia a esta novela e a este momento creativo do autor; pode, incluso, que signifique un novo camiño no ámbito da narrativa do futuro. Pero con dificultade vai acada-la gloria, polo menos inmediata, da popularidade e do éxito que todos agardamos para este autor. !Hai, para iso, en Tic-Tac exceso de ousadía?
M. Quintáns S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario