martes, 1 de diciembre de 2009

UN ESCAPARATE LITERARIO

–III–

Non parece, señoras e señores, que sexa necesario insistir moito na importancia da Literatura Infantil e Xuvenil nos medios de comunicación escrita. Dalgún xeito iso é tanto como voltar sobre a importancia dos propios medios de comunicación escrita, sobre a importancia da literatura e dun modo particular sobre a importancia da propia literatura infantil e xuvenil. Non quixera, endebén, deixar pasar a oportunidade de dicir que, dende o meu persoal punto de vista, un periódico se honra no seu interese polo mundo do libro e, dun modo especial, na súa atención ao mundo do libro infantil e xuvenil, como se honra calquera sociedade, que se estime culta, na súa preferencia por estes temas.
O acontecer humano, de cada día –obxecto fundamental de todo periódico–, resulta mutilado no máis significativo do que constitúe a esencia do ser humano cando se prescinde nese relato do seu quefacer cultural e espiritual, do seu vivir cotián coma home, e das súas inquedanzas coma pai e coma mestre, coma interesado no mundo dos nenos e das nenas, e, en definitiva, no futuro dun mundo máis humano. Endebén, non debemos esquecer, que, en xeral, e, no meu caso moi en concreto, cando se fala das páxinas culturais dun xornal se está a facer referencia a un Suplemento especial, a un Caderno ou mesmo Revista, de periodicidade semanal, quincenal ou mensual, en calquera caso diferente da do "diario". Unha condición que, sen dúbida, determina en boa medida o carácter do seu contido, consentindo, cando menos, que este se aproxime máis ao modo e significado dunha coidada matinación que a un simple relato descriptivo dun momento ou dunha situación.
Quero, neste sentido, salientar que, se dende a perspectiva do colaborador –autor-periodista– esixe unha especial atención no seu modo de traballar e facer, na perspectiva do lector, o Suplemento semanal, representa, diante de nada, un convite ao recreo, un momento de maior placidez, un remanso de reflexión e disfrute. O Suplemento especial do seu periódico é para o lector, antes se cadra ca ningunha outra cousa, un modo, consciente ou inconsciente, de reencontro consigo mesmo, de descubrimento das súas inquedanzas máis descoñecidas: o momento de abrir a fiestra das súas curiosidades a mundos difererentes do seu de cada día.
O mundo infantil e xuvenil, que, evidentemente, non podía deixar de ocupar un posto de especial relevo nunha publicación coordinada e realizada, segundo adiantaba pouco antes, por profesores, tiña, tamén, as súas propias esixencias. Nada de particular, pois, que neste escaparate cultural, artístico e literario, que pretendeu ser sempre, nas súas diferentes variantes, El Correo Cultural. Artes y Letras, mereceran unha atención especial aquelas curiosidades e propostas que, dende o ámbito do Estado e, sobre todo, dende Galicia, estivo a facer nestes últimos dez anos a empresa editorial, neste caso concreto orientadas ao mundo infantil e xuvenil. Ámbito no que tanto autores, coma publicacións, novas coleccións, ilustracións, técnicas de distribución, axudas institucionais, etc., ían, efectivamente, desempeñar un rol moi importante.
Con maior ou menor énfase estiveron, pois, presentes no noso traballo como divulgadores dun labor cultural tan trascendente para o futuro do noso país como a literatura infantil e xuvenil, aspectos, aparentemente, tan secundarios, como o papel dos ilustradores, o significado e protagonismo das cores, a clase de papel empregado e os formatos elixidos en cada caso. Aínda que foron outras as preocupacións máis importantes para o equipo de colaboradores de El Correo Cultural. Artes y Letras, nunca estiveron ausentes ningún dos aspectos menores que desempeñaran algún papel na relación entre o lector e o libro infantil e xuvenil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario