jueves, 10 de diciembre de 2009

OUTRA LEI DE EDUCACIÓN

Efectivamente estamos a vivir unha etapa histórica especialmente convulsa, sobre todo, no ámbito da educación. Cada Goberno, cada partido político, cada centro de poder, pretende un modelo educativo diferente. Incluso cada sindicato e cada colectivo, educativo ou simplemente cultural, ten a pretensión de influír no modelo que se teña de deseñar e impoñer.
O pobo ou, se se prefire, a sociedade é consciente dos intereses de todo tipo que se moven arredor dun proxecto lexislativo desta clase. Non en balde do carácter deste van depender, entre outras moitas cousas, a mellora, sempre aprazada, do status do profesorado, unha maior ou menor estabilidade da empresa editorial e o seu complexo universo (autores, tradutores, ilustradores...), o futuro económico dos centros educativos dependentes da iniciativa privada, as posibilidades dunha maior ou menor presenza de determinados grupos ideolóxicos ou relixiosos, etc., etc. Con frecuencia, esquécese que o motivo principal dos desencontros entre os distintos actores destes cambios –diferentes leis– está mesmo na distinta concepción do modelo de sociedade de cada un dos grupos de poder. E, non obstante, abondaría lembrar o carácter exclusivamente relixioso ou político, do primeiro ensino organizado para entender que foi sempre esta condición e non outra a razón fundamental dos desencontros entre os defensores dun ensino público, universal.
Todos, naturalmente, coincidimos en recoñecer a importancia desta conquista, pero non todos, nin moito menos, no recoñecemento do sistema elexido. A evidencia da súa imposición, en cada momento histórico, polas maiorías dominantes descobre deseguida que algo escuro, non desexado, se disimula debaixo da súa bondade. ¿Como poderiamos doutro xeito explicar a oposición crítica de grupos escollidos a un ensino universal que lograra superar a súa condición de instrumento ao servicio exclusivo dos poderes relixiosos e políticos para perpetuaren nos seus herdeiros, respectivamente, clérigos e fillos da nobreza, os valores nos que se xustificaban os privilexios que os facían amos e señores de vidas e de facendas?
A sociedade, como a mesma familia, sinte a necesidade natural da súa continuidade na repetición permanente do modelo que, dende o seu propio punto de vista, xustifica a súa propia existencia. É o que é, segundo a súa propia análise, porque, ao longo do tempo, logrou manter incólume o modelo con que a conformaron os seus antepasados. E sinte que só poderá continuar sendo perpetuando nos seus sucesores –a mocidade, a nenez– ese mesmo e indiscutible modelo. Isto é, e non outra cosa, o ensino, o sistema educativo: un proceso de asimilación dos coñecementos e dos saberes dos maiores en orde a facer posible a continuación e permanencia no tempo do seu modelo de convivencia, de desenvolvemento e de progreso.
Cada grupo social, comunidade humana, organización ou Estado, con poderes suficientes e vontade de futuro, vai intentar, pois, organizar o seu propio sistema educativo, non só como un agasallo para todos os seus compoñentes, senón tamén como unha obriga e un deber. Un don, en calquera caso, que vai favorecer tanto o desenvolvemento persoal do individuo, coma a prosperidade da propia comunidade. E isto, incluso, naquelas situacións nas que os intereses bastardos das clases dominantes impoñen orientacións pouco respectuosas coa liberdade e dignidade dos individuos.
Enténdese, pois, que a complexidade do sistema educativo esixa continuas revisións, non só as impostas polos cambios de ideoloxía no poder, senón as que impón a urxencia de adapatacións do propio sistema aos cambios permanentes do mundo actual. O ensino é unha escola na que o alumno ten de aprender, non só a vivir, a convivir e a traballar, senón tamén a pensar, a sentir, a ser el mesmo.
Intentar despolitizar, desideoloxizar o sistema educativo, constitúe, sen dúbida, un dos máis nobres obxectivos de calquera lexislador. ¡Lástima, en calquera caso, que non pase de ser unha utopía inalcanzable para quen o pretenda de verdade! Sería, incluso, un absurdo pensar que o lexislador puidera lexislar, con vontade de xustiza e preocupación polo ben común, en contra das súas propias crenzas. Só, de certo, podemos confiar na súa capacidade de respecto ao pensamento do outro e, en consecuencia, na súa vontade de alcanzar términos medios que, coas obrigadas renuncias, alcance os termos dun consenso xusto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario