jueves, 24 de diciembre de 2009

A LEI REGULADORA DOS ESTUDOS DE BACHARELATO DE 1938

Insistamos na nosa teima sobre as posibilidades dunha nova lei de educación. ¿Non cre o lector que a cuestión dunha lei de educación merece a pena un momento de reflexión?
Teño a sospeita de que aqueles que se poidan achegar a estes comentarios dificilmente se van interesar nun problema se cadra tan "virtual" como a necesidade da sociedade de elaborar sistemas educativos que poidan garantir a permanencia do seu modelo de organización social, económica, política, relxiosa... O primeiro que salta á vista, diante de calquera das propostas que coñecemos –diferentes leis e plans educativos–, son, efectivamente, os intereses particulares dos diferentes grupos responsables da súa programación e execución. Naturalmente! Pero, se lle prestamos algunha atención, descubriremos deseguida que por debaixo deses intereses groseiros, superficiais, alentan outras ideas moito máis perigosas e, en calquera caso, moito máis transcendentes. É como se a propia sociedade intentara enganarse a si mesma para alcanzar aquilo que de verdade lle importa. Vexamos un exemplo moi concreto: a Lei de 23 de Setembro de 1938, "reguladora de los estudios del Bachillerato".
Con toda claridade, manifestaba na súa introdución os ideais nos que tal reforma se xustificaba. Literalmente, adiantaba: "La España que renace a su auténtico Ser cultural, a su vocación de misión y de ejemplaridad, a su tensión militante y heroica, podrá contar para su juventud con este sistema activo y eficaz de cultura docente que ha de templar las almas de los españoles con aquellas virtudes de nuestros grandes capitanes y políticos del Siglo de Oro, formados en la Teología Católica de Trento, en las Humanidades Renacentistas y en los triunfos guerreros por tierra y por mar en defensa y expansión de la Hispanidad."
Independentemente do ton propio do momento bélico no que se redacta –Cataluña seguían aínda a resistir a violencia dos militares sublevados contra a República–, quedaba suficientemente explícito o entendemento entre os poderes político e relixioso, así como a vontade de ambos os dous de aproveitaren tan poderoso instrumento de dominio en beneficio dos seus respectivos idearios. A Relixión e a Formación do Espírito Nacional ían ocupar un papel importante no novo Bacharelato.
O contexto social non podía ser máis axeitado ás pretensións dos autores da nova Lei. Nas corredoiras, nas beirarrúas das estradas, en mil fosas comúns... gardaba o silencio da morte calquera clase de oposición crítica. Parecía, efectivamente, que todo coincidía para facer posible a súa permanencia nun longo periodo de tempo, algo, de certo, que non ía acontecer.

No hay comentarios:

Publicar un comentario