jueves, 24 de diciembre de 2009

O DEBATE SOBRE A LEI DE 1938

Mellor, se pretendemos ser minimamente correctos, deberiamos dicir debate sobre o "Examen de Estado" ou a "Reválida" do plan de estudos de 1938. Sen dúbida, a mesma cousa, pero cós matices necesarios para entender unha revolta que tivo lugar nun momento no que o poder establecido estaba moi lonxe de consentir algaradas que puxeran en sospeita as virtudes de todo o seu quefacer.
Non obstante, como dixemos nunha entrega anterior, a propia sociedade parece empeñarse en disimular as súas verdadeiras intencións incapaz de renunciar intereses que necesariamente van enfrontar os diferentes grupos da mesma. De certo, non fai falta insistir en que a homoxeneidade social nunca é tan absoluta que poida disimular a existencia no seu interior de forzas e grupos que se consideran merecedores de recompensas que, dificilmente, poden alcanzarse sen poñer en evidencia a súa curtidade de miras. A sociedade é dalgún xeito unha repetición da imaxe do individuo.
Non debe sorprendernos, pois, que deseguida, antes de que aquela experiencia de 1938 cumprira unha década, xurdira un acedo debate entre os seus defensores e os seus numerosos inimigos. Non, de certo, con os principios que inspiraron aquela Lei como obxectivo e causa do seu enfrontamento, centrando, pola contra, o seu debate no rechazo dos defectos que facían da proba que poñía fin ao Bacharelato, coñecida como "Examen de Estado" ou "Reválida", un absoluto desatino ou, segundo o bando dos combatentes, un dos maiores acertos pedagóxicos do Réxime.
Paréceme importante lembrar esta contenda social nun momento histórico no que, esquecidas as circunstancias dunha dictadura militar, o clima dun contexto democrático non parece en absoluto capaz de superar o enfrontamento partidista fronte a un proxecto de lei que ten necesariamente de servir de orientación e camiño do noso futuro. ¿Serán, se cadra, os partidos políticos os herdeiros daqueles vellos grupos sociais empeñados en defenderen contra vento e marea os seus intereses máis bastardos? En calquera caso, ¿quen representa hoxe as verdadeiras inquedanzas da sociedade?
Os participantes no debate a que estamos a referirnos foron entón os catedráticos de Universidade e de Ensinanzas Medias, a Igrexa e os estudantes (o SEU, Sindicato Español Universitario). En principio, os tres estamentos con máis evidentes intereses na contenda.
Non é, de certo, pouco relevante o medio no que desenvolveron entón a súa loita estes grupos sociais. Evidentemente, resulta impensable observalos pronunciando mítines ou organizando manifestacións polas rúas. O forno non estaba entón para bolos! Pero souberon aproveitar adecuadamente as posibilidades que ofrecía o Réxime saíndo abertamente aos medios de comunicación –prensa e radio–, participando nas xuntanzas promovidas polo propio Réxime –Congreso de Estudantes– e deixando oír a súa voz dende os púlpitos. Sempre, naturalmente, uns máis ca outros, dende as limitacións que impoñían as circunstancias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario