viernes, 29 de enero de 2010

REALMENTE, DEBATEUSE ALGUNHA VEZ ALGUNHA DAS REFORMAS EDUCATIVAS ESPAÑOLAS?




Parece evidente que para que haxa un debate fan falta, cando menos, dous contendentes, cousa que non aconteceu, nin no caso da Lei de 1938, nin no das posteriores. Sen dúbida, entre os que, no primeiro caso, escribiron na prensa de entón sobre o polémico Exame de Estado, había uns que defendían a súa continuidade e outros que esixían unha urxente reforma do mesmo ou a súa supresión. Pero o verdadeiro responsable da existencia daquelas probas universitarias, o lexislador, e polo mesmo o único con capacidade para poder modificar tal realidade, nunca dixo nada, ou, polo menos, até que outros decidiron modificalas. Algo semellante ao que ía acontecer coas reformas da democracia, sen dúbida, con un amplo abano de opositores na súa fronte e un non memor número de defensores. Pero tampouco neste caso o promotor das súas promulgacións tivo nunca necesidade de debater o contido ou forma das mesmas, preocupado só por negociar o número de votos necesarios para a súa aprobación. Debate, pois? Dende logo aos políticos gústalles esta palabra, pero na realidade só ofrecen exemplos de acedas críticas aos contrarios sen ningunha vontade de modificar un ápice o seu punto de vista. E con ampla aprobación dos seus seguidores, tanto, que unha vez abandonada a política son proclamados pola multitude "gurús", é dicir, mestres espirtituais do futuro do universo.
De certo, cada unha das reformas, ou leis orgánicas para a educación, ofreceu sempre motivos suficientes para que, con excepción da igualmente fracasada LOECE, a falta dun acordo nacional puxera en evidencia a insatisfacción daqueles que non viron cumpridas as súas aspiracións. Os intereses dos diferentes grupos sociais, agora representados polos diferentes partidos políticos, abrollaron con forza en cada caso, sen que, por outra parte, o profesorado e o mundo intelectual lograra superar a súa propia incapacidade para afrontar, dende perspectivas técnicas, libres dos prexuízos propios do seu contexto político-relixioso, unha exposición pública dos obxectivos que unha ensinanza tiña de procurar para a formación daqueles que eran chamados a protagonizar un mundo mellor, máis libre, máis xusto e máis solidario.
O primeiro intento dunha reforma educativa preocupada por consolidar o modelo dunha sociedade democrática, de acordo co felizmente recuperado coa desaparición da Dictadura, sería mesmo a LOECE (Lei Orgánica do Estatuto de Centros Escolares, de 1980), promulgada polo Goberno da U.C.D. como froito dos acordos dos Pactos da Moncloa, de 1977. Unha política educativa que se orientaría conforme aos seguintes principios e criterios: Democratización do sistema educativo, coa participación dos pais de alumnos e do profesorado no control do funcionamento dos centros; gratuidade progresiva da ensinanza, procedéndose a unha profunda revisión do sistema de financiación dos centros subvencionados; incorporación a todos os niveis educativos obrigatorios do estudo das distintas linguas e contidos culturais nos seus respectivos ámbitos territoriais; e o establecemento progresivo da pertinente colaboración entre o Goberno e as novas institucións autonómicas.
Lei que, en todo caso, sería inmediatamente declarada inconstitucional nalgúns dos seus preceptos –arts. 18.1; 34.2; 34.3.b.; 34.3.d; e a "disposición adicional número tres"– pola Sentenza 5/1981 do Tribunal Constitucional, e totalmente derrogada pola LODE (Lei Orgánica do Dereito á Educación), de 1985.
Convén, con todo, non esquecer que cada unha das propostas seguintes, reformadoras sempre da anterior, respectaron en boa medida as conquistas logradas pr estas. Así, por exemplo, a LODE recoñecería: o dereito á igualdade no acceso á educación e á cultura; a participación na xestión dos centros e na programación xeral da ensinanza; o dereito das familias á elección de centro; o control social dos centros sostidos con fondos públicos; a liberdade de cátedra do profesorado; a representación do profesorado no Consello Escolar de centro e do Estado; o recoñecemento dos dereitos e deberes dos alumnos; a participación dos alumnos no funcionamento e vida do centro; a representación do alumnado nos Consellos Escolares de centro e do Estado; a representación municipal nos Consellos Escolares; a creación de Consellos Escolares nas Comunidades Autónomas.
Sería endebén a LOXSE (Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo), do 3 de Outubro de 1990, a que, non sen abondosas e, en moitos casos, fundadas críticas, acabase instaurando un sistema educativo baseadao nos principios constitucionais, verdadeiro iniciador dunha xestión democrática dos centros, e o primeiro que non só permitiu senón que favoreceu que as Comunidades Autónomas xestionasen os centros educativos da súa área xeográfica, podendo incluso redactar unha alta porcentaxe dos contidos curriculares. A necesidade de incorporarse a postulados europeos e de asumir un modelo que tivera en conta os novos cambios tecnolóxicos operados no mundo da educación, condicionou a imposición dunha ensinanza constructivista que en palabras de José Gimeno, un dos principais ideólogos da reforma en tempos do Ministro Maravall, "era un planteamiento tecnocrático que ya había sido planteado por otras corrientes. Tyler ya había propuesto un esquema de organización del currículum. César Coll rescató las teorías de redacción de objetivos y el constructivismo pasado por su turmix particular" (Varela, 2007:38). Isto incluso antes de que Marchesi e o mesmo Coll lograran para a psicoloxía e a pedagoxía o máximo protagonismo nesta reforma.
Características relevantes da LOXSE foron, entre outras: a importancia concedida aos Consellos Escolares; a promoción automática, en determinadas circunstancias; a recuperación de alumnos con dificultades académicas; a educación de adultos; a formación permanente do profesorado; a definición da función de inspección e acción tutorial/orientadora; a reducción do número de alumnos por aula; a especial atención aos centros privados e concertados; a defensa da liberdade de ensinanza e do dereito dos pais a que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.
A LOPEGCE (Lei Orgánica 9/1995, de 20 de Novembro, "de la participación, la evaluación y el gobierno de los centros docentes"), máis coñecida como "Lei Pertierra", é unha lei coa que o Ministerio de Educación intenta introducir medidas de calidade na ensinanza, incrementando a autonomía na xestión dos centros e a participación dos diferentes sectores da comunidade educativa. Sen dúbida, o máis relevante e tamén o motivo de maior conflictividade desta Lei constituino a importancia que, en detrimento dos Claustros de Profesores, se lle concedeu aos Consellos Escolares, sobre todo, co nomeamento de Directores.
A Lei Orgánica 5/2002, de 19 de Xuño, regula as Cualificacións e a Formación Profesional nun contexto no que, como se lembra na "exposición de motivos" En el actual panorama de globalización de los mercados y de continuo avance de la sociedad de la información, las estrategias coordinadas para el empleo que postula la Unión Europea se orientan con especial énfasis hacia la obtención de una población activa cualificada y apta para la movilidad y libre circulación, cuya importancia se resalta expresamente en el Tratado de la Unión Europea.
En este contexto, es necesaria la renovación permanente de las instituciones y, consiguientemente, del marco normativo de la formación profesional, de tal modo que se garantice en todo momento la deseable correspondencia entre las cualificaciones profesionales y las necesidades del mercado de trabajo.
A Lei Orgánica 10/2002, de 23 de Decembro, de Calidad da Educación, só estivo vixente até o 24 de maio de 2006, cuxa "exposición de motivos" adiantaba: "Las medidas encaminadas a promover la mejora de la calidad del sistema educativo que contempla la presente Ley se organizan en torno a cinco ejes fundamentales, que reflejan los principios de concepción de la Ley y, a la vez, orientan, en términos normativos, las políticas que en ella se formulan, desde el respeto a los correspondientes ámbitos competenciales": os valores do esforzo e da esixencia pesoal, a orientación do sistema educativo cara aos resultados, o reforzamento significativo dun sistema de oportunidades de calidade para todos, a consideración da relación profesor-alumno como núcleo da educación e o desenvolvemento da autonomía dos centros educativos.
E a LOE, Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, que xunto coa LODE e a Lei Orgánica 5/2002, son as únicas actualmente vixentes.
Para un mellor coñecemento destes e outros aspectos relacionados coa historia das diferentes reformas da educación dende a LOXSE até á LOE pódese consultar o Manual de lexislación educativa, cuxa portada ilustra este artigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario