viernes, 22 de enero de 2010

O DERRADEIRO PLAN EDUCATIVO DO FRANQUISMO: A LEI GENERAL DE EDUCACIÓN (LGE) OU "LEI VILLAR PALASÍ"

O debate sobre a Reválida ou "Exame de Estado" da Lei de 1938 acabaría, endebén, producindo o resultado apetecido: a supresión desta proba e a elaboración dun novo plan ou sistema educativo. Logro que, segundo algúns dos analistas máis agudos, foi posible porque, en realidade, a Ditadura nunca tivo entre as súas prioridades o sistema educativo.
Corresponderíalle ao Ministro Joaquín Ruiz Jiménez o honor de protagonizar este feito histórico coa aprobación e posta en marcha da "Lei de 26 de febreiro de 1953". Evidentemente dentro do máis profundo respecto á liña ideolóxica do plan anterior, xa que tal como se recoñece na propia Lei "Desde la iniciación del Movimiento Nacional ha sido preocupación constante del Estado la promulgación de normas jurídicas que garanticen la formación intelectual y moral de la juventud española en el servicio de los altos ideales de la Fe católica y de la Patria". Enténdese, pois, que fronte a modificacións tan importantes –lémbrense, sobre todo, as propostas do profesor pontevedrés Filgueira Valverde– como "el establecimiento de una prueba intermedia al final del cuarto año", "la descongestión de los programas e a oportunidade de "brindar en los últimos cursos una leve opción vocacional de Letras o de Ciencias", se siga insistindo, agora dun xeito explícito, en cousas como estas:
–"La Enseñanza Media se ajustará a las normas del Dogma y de la Moral católicas y a los principios fundamentales del Movimiento Nacional."
–Los profesores de Religión "gozarán de la misma consideración académica de los catedráticos numerarios del Centro respectivo".
–En la Enseñanza Media se aplicará el principio de una educación separada para los alumnos de uno y otro sexo."
–"El Bachillerato cursado en los Centros docentes femeninos podrán regirse por un plan propio, en el que figurarán obligatoriamente las enseñanzas ordenadas a la vida del hogar y aquellas que especialmente preparan para profesiones femeninas."
Neste plan aparece por primeira vez a posibilidade de que as organizacións de pais dos alumnos poidan ter voz e voto nos Centros e, incluso, diante dos Reutorados das Universidades.
O "Plan de Bachillerato de 1957", promovido por Jesús Rubio y García Mina, regula definitivamente o Curso Preuniversitario, no que "se llevarán a cabo conferencias o clases, según las materias". "Las Bibliotecas de los Centros pondrán a disposición de los alumnos para su consulta los libros más indispensables, con objeto de suplir los de texto, cuya utilización no se permite en el Curso Preuniversitario." As correspondentes probas de madurez terán lugar na Universidade.
Outras modificacións importantes foron, sen dúbida:
A redución do número de materias teóricas, a liberación dos sábados para facilitar entre os alumnos a celebración de reunións, actividades deportivas e outros actos. Establecendo: "Queda prohibido encomendar a los alumnos trabajos para ejecutar fuera del Centro", debendo organizar este estudos dirixidos.
Con todo, a verdadeira e más importante reforma do sistema educativo na Ditadura constituina, sen ningunha dúbida, a implantación da "Ley General de Educación y Financiamento de la Reforma Educativa", máis coñecida como "Lei Villar Palasí", de 1970. Representou, evidentemente, o asentamento dunha ensinanza de marcado carácter relixioso e político-patriótico ("Se garantiza la enseñanza religiosa y la acción espiritual y moral de la Iglesia Católica"); pero significou tamén o achegamento a innovadores postulados europeos. Especial relevo ofrece, neste sentido, o establecemento dunha educación obrigatoria dende os seis anos até os catorce, o intento de construír unha Formación Profesional máis adecuada ás demandas reais do mercado laboral e facer partícipe da educación a toda a poboación española. O acceso ao novo Bacharelato, B,U.P. (Bacharelato, Unificado e Polivalente), con tres anos de duración, "evitando su carácter excesivamente teórico y academicista", tería lugar a partir da E.G.B. (Ensinanza, Xeral, Básica), permitindo a súa superación o paso ao C.O.U. (Curso de Orientación Universitaria), e, dende este, á Universidade ou á Formación Profesional de Segundo Grao.
A Lei Villar Palasí recolle como obrigación da condición de estudante, ademais de reunir os requisitos de aptitude e idoneidade, o acatamento da disciplina académica, "pudiendo implicar su incumplimiento la suspensión temporal o pérdida definitiva de su condición de estudiante".

No hay comentarios:

Publicar un comentario