martes, 2 de febrero de 2010

LIBROS PARA VOLVER A LER: UN TRATADO DE AGRICULTURA

Penso que van sendo horas de volver ao tema principal deste meu blog. Sen dúbida, a reforma educativa que se nos anuncia vai merecer máis dun comentario nestas páxinas, pero non fai falta –penso– insistir máis na introdución.
Os libros foron sempre a miña debilidade, dende moi pequeno. Logo, co paso dos anos convertíronse no meu modo de vida, como lector, e nun dos meus grandes entretementos, como autor. Gustaríame dicir que foron e son unha das grandes paixóns da miña vida, pero mentiría; coido que tampouco foron nunca tanto. E agora, con tantos anos encima, síntoo, sinto que non lles tivera dedicado máis tempo.
Un antigo profesor, don Manuel Fernández, preguntoume en certa ocasión: "Señor Quintáns, vostede de quen se considera discípulo?" Cunha enorme sorpresa para o meu admirado mestre, resposteille: "Penso, don Manuel, que, intelectualmente, son fillo biolóxico das miñas lecturas e fillo adoptivo de todos os meus profesores e profesoras. Mentiría –expliqueille– se lle dixera que me sinto especialmente debedor dun determinado mestre. No meu modo de ser, de pensar e até de sentir hai un pouquiño de cada unha das persoas e dos libros que me acompañaron e me acompañan aínda hoxe." E non puiden evitar contarlle unha experiencia que teño repetido moitas veces:
"A miña primeira mestra, dona Pastora González y González, prestoume un libro, con moitas ilustracións, sobre o mundo da agricultura. Eu lino con moita curiosidade e, cando o acabei, devolvínllo de seguida. "¿Gustouche?" –preguntoume dona Pastora. Avergonzado e temeroso de que a miña resposta me privara de novos préstamos, baixando a cabeza, contesteille: "Non moito, señora mestra." Dende aquel día, dona Pastora soubo que aquel neno non nacera para labrador e non parou un momento até que logrou que alcazara unha beca que lle permitira deixar aldea e puidera iniciar os seus estudos na cidade.
"E de min aprendeu algo, señor Quintáns?" ––insistiu o meu profesor de Historia, don Manuel Fernández. "Tamén, don Manuel, tamén. De vostede aprendín, entre outras moitas cousas, que a Historia nos proporciona os máis suxerentes modelos para loitar por un mundo mellor, máis libre, máis xusto e máis solidadrio. Eu lémbrome sempre de vostede e das súas clases cando se fala, sen dúbida con razón, de suprimir da ensinaza as denostadas listas dos reis visigodos. Pero non podo evitar a perigosa sospeita do que pode representar no ensino o baleiro do coñecemento dos grandes homes e mulleres que, coa súa entrega, xenerosidade e valentía, lograron agasallarnos este mundo no que vivimos. Parécelle pouco, profesor?" E don Manuel sorriu e convidoume a un café na súa casa.
Un bo libro na man dun bo mestre é o mellor instrumento, non só para axudar aos alumnos a penetrar con proveito no mundo da lectura e de mil coñecementos, senón tamén e sobre todo, para facer que estes descubran os diferentes camiños que a vida lle ofrece de cara a ese futuro co que, nesas fermosas idades, todos e todas soñan. Aínda que sexa un tratado de agricultura. Un libro sempre é un libro! Pero cando é un bo libro é, por enriba de todo, unha porta de entrada a eses mundos marabillosos cos que todos soñamos algunha vez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario