martes, 16 de febrero de 2010

LIBROS PARA VOLVER A LER: TRES OBRAS MESTRAS




Quero lembrar aquí o resultado máis inmediato de tres lecturas inesquecibles ben que correspondentes a distintas etapas da miña vida. Cada unha delas dalgún xeito responsables de parte deses camiños que ao longo dos anos me correspondeu andar.
Cuerpos y almas , do escritor francés M. Van der Meersch, caeu nas miñas mans cando eu estudaba primeiro de Filosofía e Letras. O encontro con esta obra estivo a punto de proporcionarlle ao meu pai unha profunda alegría, obrigándome a abandonar os estudos dunha carreira que non lle dicía nada, que non alcanzaba a entender para que podía servir, habendo como había a posibilidade de poderme facer avogado ou médico. Esta última foi, precisamente, a alternativa que me ofrecía aquel apaixoado escritor, o mozo M. Van der Meersch, coa súa novela Cuerpos y almas. Nada podía ser máis suxerente nin encadeador que a historia daquel médico novo, Michael, fillo dunha familia ilustre, capaz de renunciar a todo por salvagardar e defender os seus principios, particularmente a súa idea dunha autèntica medicina, màis unida á natureza e menos mercurial. De certo, algunhas das teorías mèdicas defendidas por Van der Meersch pode que estean hoxe superadas, pero en absoluto o poder irresistible da súa prosa para atraer ao seu campo ao lector máis despreocupado, para lle facer ver e entender ao estudante dubidoso a verdadeira forza e sentido da súa vocación como médico.
Outras razóns, que non son do caso, impediron, endebén, que tal opción se fixera realidade en min. Postos a elixir, tiña de ser, mesmo, outra obra literaria, Dioses, tumbas y sabios, do escritor alemán C. W. Ceram, publicada por primeira vez en 1949, a que definitivamente, en contra das dúbidas do meu proxentitor, me convencera do acerto da miña primeira elección. Que marabilla o mundo misterioso da Arqueoloxía! Dividida en catro libros, dedicados ao mundo grego, ao Antiguo Egipto, e ás civilizacións precolombinas, a obra Dioses, tumbas y sabios péchase cun quinto libro titulado Sobre los libros de historia de la arqueología que todavía no pueden escribirse. Unha invitación apaixoante para os amantes da aventura arqueolóxica e, en xeral, para todo aquel que soñe co descubrimento dos grandes segredos da Historia.
Os meus alumnos serían convidados en diferentes ocasións a realizaren este mesmo encontro con estas dúas obras. Os libros ben escollidos poden ser, entre outras cousas, un espléndido curso de orientación profesional!
O terceiro libro do que quero lembrame hoxe, aínda que moito máis moderno, está dalgún xeito na liña deste último. Refírome ao magnífico traballo do erudito Dick Teresi titulado Los grandes descubrimientos perdidos (Ed. Crítica). Se aos dous anteriores lles debo en boa parte a seguridade de non me ter equivocado de todo na elección dos meus estudos e, incluso, da miña profesión, a este terceiro débolle, sobre todo, a xustificación erudita dunha idea que foi sempre parte esencial da miña vida: a idea de que só, para non ser moi duros, a máis profunda ignorancia puido consentir e xustificar, aínda hoxe, a destrución e aniquilamento de fontes de futuro tan importantes para a humanidade como o eran sen dúbida algunhas das cultura primitivas actualmente de todo esquecidas. Como nos lembra o autor de Los grandes descubrimientos perdidos, os cementos matemáticos da ciencia occidental, por exemplo, proceden dos indios, dos chinos, dos árabes, dos babilonios e dos maias; a astronomía comezou na antiga India e floreceu no mundo árabe; os chinos observaron, dataron e interpretaron os eclipses arredor do 1400 a.C; fai cinco mil anos, os sumerios defenderon que a Terra era redonda; sabios chinos e árabes utilizaron fósiles para estudar cientificamente a historia do noso planeta; a química china é hoxe un tesouro olvidado por case todos; os indios quechuas do Perú foron os primeros en vulcanizar o caucho; e así centos e centos de exemplos que nos levan moi lonxe do tópico mundo grego como orixe de todo o coñecemento occidental. Alguén pregúntase hoxe qué tería acontecido se, en vez de masacralas, se tiveran potenciado aquelas posibilidades científicas? Podemos, de certo, estar seguros de que ese progreso do que tan orgullosos nos sentimos logrou superar as posibilidades que, na realidade, ofrecían aquelas antigas culturas? O caso dos chinos pode, se cadra, ser ilustrativo. Con todo, nunca deixarei de pensar no que puido ser o mundo actual se aquelas fontes do saber humano puideran avanzar no desenvolvemento das súas indiscutibles posibilidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario