martes, 28 de febrero de 2012
SOBRE LITERATURA FEMININA
ELVIRA SOUTO: "VIAGENS NA LITERATURA"
Non anda, de certo, moi sobrada a bibliografía en lingua galega de traballos que acometan a empresa de abrir camiños de comunicación entre o lector e a obra literaria. É posible que non lles falte razón ós que defenden toda intromisión allea á curiosidade do primeiro e á multisignificación da segunda. Sen dúbida, cada lector debe buscar en cada obra a resposta persoal á pregunta persoal que dende si mesmo, dende a súa singular urxencia lle formula a súa propia curiosidade. E, naturalmente, sen axudas de luminarias que, con frecuencia, máis contribúen a súa propia desorientación que a descubri-lo sentido secreto que se lle oculta. Pero na lectura, coma en todo camiñar polos vieiros marabillosos da arte, hai, coma na vida mesma, un esforzo necesario de aprendizaxe que só un exceso, perigoso, de inxenuidade, pode descoñecer e menos aínda menospreciar.
Quero dicir con todo isto que o libro de ensaio, sobre todo o de carácter didáctico, parece inevitablemente destinado só a un lector estudante, moi especializado e con determinados intereses moi concretos. Unha situación que está a influír máis da conta -sen dúbida existen outras razóns menos santas- na falta do estímulo necesario para que autores e editoriais asuman o risco de poñeren ó servizo do público libros desta natureza, ensaios e estudos que sirvan de guías e de instrumentos de penetración nos segredos de saberes e praceres artísticos que poidan enriquece-la nosa capacidade de lograrmos ser máis nós mesmos. ¿Por que, por exemplo,só se aconsellan coma lectura para os mozos e mozas de Bacharelato obras de creación? ¿Por que se renuncia, sen máis, a espertar nas rapazas e rapaces a curiosidade por un xénero tan importante coma o ensaio?
A lectura -teño que confesalo- de Viagens na Literatura de Elvira Souto, en Edicións Laiovento, é a culpable destas miñas demoradas reflexións que, evidentemente, non son novas nos meus comentarios nestas follas de EL CORREO GALLEGO. Unha sorpresa tanto pola calidade do traballo que nos ofrece a autora coma pola escasa frecuencia con que en lingua galega se enfrontan tarefas desta clase. A un, que leva moitos anos dedicados ó ensino desta disciplina, gustaríalle ter moitos menos anos para poder ser alumno dunha profesora que ten a xenorosidade de agasallárno-lo seu esforzo coma investigadora nun libriño tan doado e pracenteiro de ler coma eatas Viagens na literatura. ¿Que outra cousa é, se non, un ensaio? E non podo deixar de pensar, nin case de me perdoar, que un traballo así poida parecer reservado só para algún profesor curioso de atopar novas maneiras de espertar nos seus alumnos as inquedanzas que un día foron as súas propias inquedanzas.
Elvira Souto, que é Profesora Titular na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Ensino Básico de A Coruña, reúne neste libro seis ensaios de crítica literaria que, a través de seis obras diferentes -De catro a catro de Manuel Antonio, Scórpio de Ricardo Carvalho Calero, Amor de Artur de Xosé Luis Méndez Ferrín, Si o vello Sinbad volvera ás illas de Alvaro Cunqueiro, O mosteiro de Agustina Bessa Luís, e O ano da morte de Ricardo Reis de José Saramago- intenta descubri-lo sentido profundo, e sempre novo, dun tema tan universal coma a viaxe no universo literario. Como ela mesma adianta na introdución, co obxectivo prioritario de "indagar -explorando a superficie, os meandros e os interstícios dos textos- os procesos polos quais diferentes autores contemporáneos representarom, no modo estético e na perspectiva ideológica que a cada um som próprios, a alma, a terra, o tempo e a aventura de algúns velhos heróis andarilhos e de outros mais modernos aspirantes às honras literárias a quem os seus autores destinarom tambén às surpresas do caminho". Os textos en canto unidades autónomas, pero tamén a vontade e intención dos propios autores. É dicir, ¿por que, mesmo, este tema en situacións e autores, evidentemente, tan diferentes? ¿cal é o sentido singular, e común, de cada obra estudada? ¿cal a pretensión significativa de cada autor?...
Importa pouco, penso, a dificultade ou antipatía que nalgún lector poida esperta-la preferencia da autora por unha opción distinta da normativa oficial no galego por ela enpregado. As razóns estéticas poden xustificar posicionamentos concretos no ámbito da creación -sen dúbida, no estilo de Elvira Souto non falta esta preocupación-; pero cando se trata dunha obra esencialmente informativa, dun ensaio, a precisión, a exactitude, a claridade,o rigor...deben xustificar, cando estas condicións se cumpren suficientemente coma neste caso, calquera elección que o autor realice na determinación da lingua da súa comunicación. Pode, claro, cada profesor propoñer ó seu alumno o modelo lingúístico que, dende unha posición de honradez científica, coide a máis adecuada en cada caso, sempre, naturalmente, cando outras condicións, se cadra menos xustificables pero ás veces máis poderosas, non esixan outra cousa. Limitación que non se xustifica en ningún caso no ámbito concreto da creación. ¿Imos renunciar, por exemplo, coñecer algo simplemente porque non se nos transmita a través da nosa propia lingua? ¿Podemos, por outra parte, impoñerlle ó creador a lingua con que el mesmo desexa elaborala súa obra?
Desexaría, non obstante, precisar que, dende o meu particular punto de vista, sería bo, para a autora de Viagens na Literatura e, en xeral, para tódolos investigadores que desexan transmitírno-los resultados dos seus descubrimentos e das súas conquistas, que, nunha perspectiva didáctica, é moi importante acertar a renunciar opcións que, se no plano inmediato da propia investigación se xustifican pola necesidade dun rigor sempre desexable, no plano da comunicación, é dicir, no momento de intentar facelos asequibles a un público non especializado nas técnicas empregadas no laboratorio da investigación ou creación, poidan representar máis ben un atranco para a comprensión da mensaxe que se desexa transmitir ca unha axuda para o encontro e o goce daquilo que se agasalla. Trátase, sen dúbida, de planos diferentes que se o investigador se resiste a separar, no caso do creador resulta pouco menos que un imposible. O esforzo, ende ben, sobre todo do investigador por lograr unha forma de comunicación que esixa o menor número posible de condicións previas por parte do receptor non só é unha calidade especialmente estimable do seu traballo, senón un modo xeneroso de contribuír ao intercambio de saberes e experiencias.e aplaudir. ¿Ou será, se cadra, unha pretensión absurda, intentar que o libro de ensaio volte á escola?
Persoalmente, o que diminúe sen dúbida o veradeiro valor que poida ter esta pretensión, non teño ningunha dúbida de que moitos alumnos e alumnas de Bacharelato disfrutarían con lecturas de traballos coma estas Viagens con que nos convida a profesora Elvira Souto. Pode que a opción lingüística elixida non represente ningún dos atrancos que eu poida sospeitar, pero a renuncia, se cadra, de achegar unha opción lingüística determinada ós futuros lectores pode reducir as posibilidades de achegamento á aventura literaria que se nos ofrece con este libro.
M. Quintáns Suárez
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario