martes, 22 de mayo de 2012

LIBROS PARA VOLVER A LER: “EL DEFENSOR” DE MANUEL ROMERO MENGO
TTI (INÉDITO) Esta comunicación rompe a liña xeral do meu blog: trátase dun libro inédito e en castelán. Agardo ende ben que os meus lectores saiban disimular estas licencias. O libro motivo deste comentario é El defensor, novela documental, do profesor Manuel Romero Mengotti. O seu estilo narrativo é verdadeiramente suxestivo. Arrástrate suavente, poeticamente, coma un río de augas turbulentas que, cando parece estar a punto de levarte sen remedio, se remansa para arrolarte nun misterioso mundo de reflexión e sosego. Todo isto resultado, sen dúbida, do esforzo do autor por encarrilar unha realidade desbordada, que ameaza dende o primeiro momento con afogar calquera intento de sereno achegamento ao desatino da súa loucura. O lector, conducido así, habelenciosamente, pola sosegada calma dun narrador que, oportunamente, sabe refrear os naturais impulsos do arroubo que, inevitablemente, provocan os feitos e acontecementos narrados, déixase levar, confiado, cara a un final que, non por anticipado nos múltiples desenlaces tráxicos en que se resolve, deixa de resultar menos cobizado. É, sen dúbida, interesante a elección polo autor da técnica narrativa propia da novela para darlle forma literaria a unha materia que, non por demasiado próxima ao universo da nosa propia experiencia cotiá, parece menos imposible ao sometemento dunha ordenación capaz de humanizala. Dicía Unamuno que cada contido, coma unha masa informe que procura unha forma concreta para facerse realidade intelixible, é portadora en si mesma da esixencia dunha determinada forma obrigada. O acerto do escritor, do creador literario, estaría, diante de nada, en saber descubrir , en cada caso, cal debe ser esa forma concreta. Así, mentres a poesía elixiría, predominantemente, o verso, o teatro, o diálogo e o relato, a prosa, os sentimentos e emocións alcanzan vida no poema, o conflicto na traxedia, drama ou comedia, e o acontecer humano, na novela. El defensor de Romero Mengotti pódese situar, sen moitos reparos, no ámbito do xénero épico e, máis concretamente, no da novela. Entre, se cadra, o que, nuns casos, se entende por novela histórica e, noutros, por historia novelada. Persoalmente prefiro pensar que se trata dun subxénero narrativo lixeiramente diferente destes dous. Novela documental. Pode que tal denominación non sexa de todo a máis axeitada, pero, en calquera caso, sirve para anunciar uns límites entre aquelas, a novela histórica e a historia novelada, e esta última, a novela documental. A historia novelada, recrea pasados históricos ─feitos, acontecementos, vidas humanas...─ nun intento por facelos máis suxestivos e interesantes para un lector curioso de tempos máis ou menos arredados da súa experiencia. Mentres, pola súa parte, a novela histórica aproveita elementos fundamentais dun contexto histórico determinado para, partindo dunha anécdota, máis ou menos orixinal, recrear pasados nos que o autor cre adiviñar significados trascendentes para o lector actual. A novela documental participa das características propias destes dous subxéneros, novelando, por unha banda, feitos, acontecementos e vidas humanas, plenamente históricos, e, por outra, intentando presentalos mensaxe de significado trascendente. A diferenza esencial entre estes tres subxéneros estaría mesmo no tipo de verdade que cada un deles comunica. A verdade histórica, propia da historia novelada, nace directamente dos feitos e acontecementos que este xénero novela, constituíndose para o lector nunha memoria de erros e acertos que, respectivamente, facilitaron, nun pasado máis ou menos alonxado, o retraso ou desenvolvemento do ser humano. Mentres a verdade literaria, propia da novela histórica e, naturalmente, de toda creación artística, nace da feliz conxunción entre o seu contido, esencialmente ficcional, e a súa forma, revelándose coma unha mensaxe trascendente que nace mesmo desa conxunción na que os datos históricos non son máis ca un recurso, en certo modo tamén literario, para facer máis próximos e familiares ao lector os feitos e acontecementos narrados. Mentres a historia novelada é só unha actualización do antigo xénero Historia ─pénsese en exemplos coma Los nueve libros de la Historia, de Herodoto, ou a Historia de la guerra del Peloponeso, de Tucídides─, a novela histórica é un recurso artístico mediante o cal o creador intenta simplemente facer verosímil o que é só unha ficción. Cal é, pois, averdade da novela documental? A verdade da novela documental nace, tanto do tratamento artístico dunha realidade, histórica, coma da mesma historicidade desa realidade novelada. Se El defensor fora, por exemplo, historia novelada ─a forza histórica da súa anécdota fai imposible a novela histórica─ non pasaría de ser unha lembranza, ben contada, duns feitos históricos que tiveron lugar en Galicia con motivo do levantamento militar de 1936. Mais coma novela documental, constitúe unha fonda e terrible alegación contra a vesania produto do dogmatismo daqueles que, nunha posición de poder, non admiten nin consinten outras crenzas e ideoloxías que as súas propias. Non fai falta advertir que o significado da novela documental, coma o da novela histórica ou de calquera creación artística ─naturalmente, a verdade da historia novelada─ non se xustifica, en xeral, nas pretensións do propio creador, frecuentemente alleo ao significado trascendente da súa creación, senón no logro da feliz conxunción entre materia e forma. Así, por exemplo, se nunha primeira aproximación se pode sospeitar no labor do autor de El defensor unha mal disimulada preocupación por diminuír os efectos da crueldade que caracteriza aos feitos narrados, rebaixando estes á categoría de literarios, nunha lectura máis sosegada queda deseguida á vista que, cando menos o logrado, é algo moi diferente: facernos partícipes aos lectore da insania con que, nunhas determinadas circunstancias, pode chegar a comportarse o ser humano. Unha cousa é, como xa se dixo, o significado da anécdota que conforma a materia á que o creador ten de dar forma literaria, e, outra, o significado acadado pola obra de arte. A anécdota, que sirve de soporte ao relato de El defensor, pode resumirse así: As circunstancias e urxencias dun momento tráxico da nosa Historia sitúan o empregado do Banco de La coruña en Santiago, Gonzalo Romero Osende, pola súa dobre condición de Licenciado en Dereito e Tenente do Exército, de complemento, coma avogado defensor diante do Tribunal Militar instaurado en Santiago de Compostela nos primeiros días do levantamento militar de Xullo de 1936 para represaliar os que intentaron defender o lexítimo goberno da Repúlica. Labor no que vería con total desasosego como, este tribunal, dominado só polo poder dunha determinada ideoloxía, sen prestar a máis mínima atención ás súas aportacións en favor dos seus defendidos, dos cales ─5 veciños de Padrón, 17 de Porto do Son, 7 de Santiago, 31 de Negreira, 19 de Ordes, 5 de Curtis, 2 de Arzúa, 5 de Muros, 1 de Frades e 1 da Pobra do Caramiñal─, só seis foron absoltos, acabou condenando á pena de morte nada menos ca 33. Perspectiva que, en calquera caso, non diminúe en absoluto a trascendencia do coñecemento dos feitos que conforman a anécdota histórica. Non se debe esquecer que a ignorancia da Historia é, segundo reza o vello principio, o mellor camiño cara a repetición dos mesmos erros nos que xa se caeu polo menos unha vez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario