miércoles, 1 de febrero de 2012
POLÍTICA E LITERATURA
"SOBRE O NACIONALISMO"
Non se trata, de certo, dun estudo determinado nin tampouco dunha colección concreta. Estou, evidentemente, a referirme a unha serie de libros, na súa maior parte abondo coñecidos noutras linguas, sobre o nacionalismo, que, evidentemente, deberían estar á disposición dun lector galego interesado nestas cuestións. E, naturalmente, a editorial nacionalista Edicións Laiovento, responsable da súa publicación, pensou, acertadamente, na contradicción que podería representar calquera marca que intentara diferenciar esta literatura dentro do conxunto da súa produción.
Aínda que a lista non está rematada, teñen como tema central o nacionalismo os seguintes títulos xa publicados por esta editorial: Nacionalismo e imperialismo de James Connolly,tradución e notas de Abel López, que recibiu unha axuda á edición da Consellería de Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia; Libro vermello de Escocia de Cordon Brown,tradución de María X. Casal, tamén subvencionada pola Consellería de Cultura e Xuventude; O Estado da Nación de Xosé Manuel Beiras; O nacionalismo español de Josep Sort iJané, en tradución de Antón G. Garazo; Nacionalismo no mundo de Francisco Letamendía, en tradución de Mercedes Queixas Zas; De castelao a Mao. O novo nacionalismo radical galego (1959 1974: orixes, configuración e desenvolvemento inicial da U.P.G. de Fermín Rubiralta Casas; Patria ou Terra Nai? Ensaios sobre a Cuestión Nacional de Michael Löwy, en tradución de Xosé Manuel Beiras, Antonia e Estrella Tato Fontaíña.
Nembargante entendelo deste xeito, penso que o lector, non necesariamente identificado cós obxectivos da editorial, pode perfectamente descubrir nestes sete títulos un abano de posibilidades, abondo diversificado, para un achegamento, cando menos interesante, a unha cuestión, evidentemente polémica, aínda que non máis do que o ten sido noutros momentos históricos non demasiado arredados de nós. Polémica que, por outra banda, só se vai poder reconvertir no debate intelectual, que a evidente proximidade dunha realidade especialmente sensible a esta cuestión lle consentiu sustituír, a través do coñecemento das grandes liñas de pensamento nas que o nacionalismo se basea ou afirma basearse.
Sempre queda, naturalmente, o recurso da avestruz, ou, aínda máis perigoso, o de confia-la defensa das nosas ideas propias no parecer e opinión dos outros. Tamén, naturalmente, na dos autores destes libros.
Faise necesario superar, aínda que sexa pouco a pouco, os vicios dunha cultura que pon o argumento de autoridade por enriba de calquera outro. A opinión dos máis vellos, das persoas de prestixio, dos mesmos pais... merecen todo o noso respecto mentres non se opón ás leis da razón, ás demostracións científicas, ós coñecementos da propia experiencia.Pero ninguén pode, ou mellor, debe renunciar o seu propio camiño cara ao coñecemento da verdade.
O mundo das crenzas en boa parte, a relixión e a mesma política, pertence, evidentemente, a outro ámbito, o do sentimento. Sen dúbida, ilustrado por unha forma de coñecemento diferente, pero ó que só a comodidade ou a petulancia do ignorante se atreve a xulgar coma dominio da incultura. Só o inculto se cre en posesión do segredo do que descoñece.
M. QUINTÁNS S.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario