Nesta miña teima por recuperar para este novo medio textos anteriores, actualizados, merece a pena lembrar esta introdución que pretendía, nunha valoración global dun ano determinado, ser xustificativa, xa entón, dalgunhas das miñas manías como comentarista literario. Nesta ocasión non me pareceu necesaria ningunha modificación do mesmo. Dicía así:
"Insistir hoxe na vitalidade e importancia da narrativa galega actual, tanto no campo da novela coma do relato curto, parece, evidentemente, de todo innecesario. Abonde, se non, comproba-la atención que o noso mundo editorial -as editoriais galegas- están a prestar a este xénero literario en detrimento, incluso, de xéneros, tan consagrados coma a lírica, do ensaio, tan necesitado aínda dos coidados dunha preocupación normalizadora da cultura galega, e, non digamos, do teatro, incapaz, ó parecer, de atopar un espazo estable entre as diferentes coleccións con que cada editorial nos oferta o resultado da súa preocupación polo universo literario galego. O mesmo paso cada día de autores recoñecidos no cultivo doutros xéneros ó ámbito da narrativa -experiencia, sen dúbida, enriquecedora para a literatura en xeral- acentúa, en calquera caso, o risco dun protagonismo excesivo deste xénero fronte a autros moi importantes, aínda que se cadra, con moito menos atractivo comercial.
Pero tal situación está, ademáis, a producir un efecto particularmente perigoso para o futuro das nosas letras. Os criterios que rexen o mundo da publicación -algo que nin nos pode sorprender nin podemos tan siquera criticar- están lonxe de se interesar por aspectos que non teñan relación directa co futuro éxito da obra que se decide dar ó prelo. E, evidentemente, o nome coñecido -aínda que só sexa como resultado da súa frecuencia de aparición na portada dos libros-, polo menos nun primeiro momento, vai vender máis ca outro que ó lector non lle soa ou lle soa menos. O resultado final podería, deste xeito, terminar sendo un empobrecemento xeral dun campo literario que hoxe parece disfrutar de tan boa saúde.
Non vou nesta ocasión lembrar nomes que, nun momento dado, figuraron nos titulares dos periódicos coma gañadores dun premio literario importante e que hoxe, dende fai, sen dúbida, máis tempo do necesario, parecen esquecidos do público e, o que resulta moito máis grave, das editoriais que, con tanto entusiasmo, se facían onte portavoces do seu descubrimento.
Non teño ningún reparo en confesa-la miña coincidencia cun grande amigo que soe dicir que os grandes creadores olvidados, con abonda frecuencia, disfrutan de mellor consideración nese estado que cando, por calquera rara circunstancia, tomámo-la decisión de resucitalos. Efectivamente, é necesario, de vez en vez, sofrir esa témera decisión da escolleita, pero sen esquecer que tal decisión lle corresponde ó lector e nunca ó centro de poder que pode ser, neste caso, unha empresa editorial ou unha subvención institucional, ou, o que é moito peor, o acordo de renuncia-la súa lectura na escola en favor simplemente doutros nomes máis ou menos suxeridos pola publicidade ou outros medios menos recomendados.
A cuestión é, claro, moito máis complexa do que aquí é posible explicar. Pero non dubido que o lector avisado entende de sobra o que estou pretendendo dicir. Coido, simplemente, que o público lector, interesado na nosa literatura, debe saber que o feito de que determinados autores parezan empeñados en lograr un currículo de premios que acrediten a súa verdadeira valía como escritores non depende só da súa cobiza por gañar un diñeiro que doutro xeito, non pagan as editoriais -disto sería necesario falar tamén con máis vagar-, ou que, simplemente, estes autores que permanecen calados, teñan renunciado continuar escribindo. Na maioría dos casos -é necesario salientalo unha vez máis- aquel que pretenda publicar unha novela ou unha colección de relatos, en galego, -insisto na preferencia que disfruta hoxe este xénero-, está apañado se o seu proxecto de edición non vai acompañado dun premio ou distinción literaria nalgún dos concursos que se convocan cada ano no noso país. -¡Que foi premio "Blanco Amor", "Xerais" ou "Modesto Figueiredo" -por citar só tres dos certames máis coñecidos-! -E ¿que? ¿Cal é o premio que ten a obra que agora pretende publicar? As excepcións, sendo estimables, están lonxe de representa-la realidade da narrativa galega actual.
Eu, persoalmente, non teño nada en contra dos concursos literarios, que, hai que dicilo, non poden se-lo único baremo de calidade dunha literatura que se inscribe, coido que con todo dereito, no ámbito da literatura universal. É necesario, polos medios que sexa, darlle a oportunidade ó lector de opinar e decidir sobre o interese e valía de autores menos coñecidos, de autores que, polo menos, lograron un día supera-la proba dun certame, de autores que se achegan por primeira vez a unha editorial para ofreceren o resultado dos seus desvelos de creadores confiados simplemente no veredicto dun lector obxectivo, sen prexuízos sobre o seu nome ou o seu pasado.
Máis dunha vez teño escoitado que é tempo xa de facer crítica dura, desmitificadora de valores pouco demostrados, denunciadora, en calquera caso, da escasa calidade que ofrecen determinadas publicacións en lingua galega. Se acadamo-la madurez que pregoamos, é necesario, tamén, aprender a soporta-la crítica que poña de relevo os desacertos e insuficiencias de obras e autores que non están á altura das circunstancias.
Penso que non. Creo, de certo, que a literatura galega actual ten a dignidade necesaria para figurar ó lado das outras literaturas coñecidas, pero non coa forza e poder suficientes para enfrontar retos que poñan en perigo este momento de xustificada satisfacción. ¿Cantos grandes novelistas podemos contar en lingua galega? ¿cantos grandes poetas? ¿cantos autores dramáticos?... Quero seguir pensando que escoito latexos de futuros mellores, que serán posibles edicións de 10.000 ou 25.000 exemplares nunha primeira tirada, que o lector vai te-la oportunidade, lexítima e irrenunciable, de aclamar grandes figuras e silenciar, co seu olvido, a máis dun grande autor que folga hoxe feliz no éxito duns premios e dunhas distincións, que non pasan de ser -insisto- un berro de alento e de ánimo para empresas que todos agardamos deles. ¿Imos pretender nós ignora-lo peso dun futuro que aínda non dixo ren.
Non desemularei a miña sospeita de resultar, neste primeiro achegamento, persoal, á literatura galega deste momento de deixarnos, en exceso ambiguo e falto de referencias concretas. ¡Naturalmente! Pero prometo voltar con máis calma nun próximo artigo sobre este mesmo tema. Non, de certo, coa pretensión de conquerir entón a coincidencia que non logrei con estas palabras: na seguranza, sinxelamente, de estar a cumprir coa obriga de manifesta-la miña aberta simpatía polos máis novos, por todos aqueles que soñan contribuir, dende o seu esforzo persoal, á grandeza dunha literatura que,¡ela si!, está a agardalos. Eles tamén, neste intre de reconto de éxitos dun ano concreto, teñen o dereito de que alguén sexa a súa voz no medio de tanto silencio."
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario