martes, 22 de junio de 2010

LIBROS PARA VOLVER A LER: "A saga da illa sen noite"



Volvo ao meu BLOG cando xa unha gran cantidade de xente ten arranxadas as súas maletas para emprender unhas vacacións alonxados do cotián, da monotonía de todos os días. Unha ocasión, á que non quero renunciar, para aconsellar a lectura como a mellor fuxida do aburrimento, e un encontro feliz co mundo das nosas máis cobizadas fantasías. Dende tal crenza, vou permitirme lembrar algunhas das miñas máis queridas lecturas.

A SAGA DA ILLA SEN NOITE
Resulta, neste sentido, gratificante atoparse de novo con Xoán Bernárdez Vilar, o impenitente viaxeiro dos mares que navegaron ó encontro de novos mundos os antigos habitantes do noso chan, nosos lonxanos antepasados, e aqueles outros pobos cós que ó longo dos séculos mantivemos relacións de carácter moi diferente segundo as circunstancias e as necesidades dos tempos. Non só para facer memoria dun pasado que é parte do noso patrimonio cultural, senón tamén como un intento de comprensión de nós mesmos.
Non é, de certo, a súa novela, A saga da illa sen noite, un ensaio, nin unha lección de historia, aínda que sexan mesmo a reflexión e o dato histórico, os que orientan este novo relato de Bernárdez Vilar. Apaixoado devoto do coñecemento do noso pasado, este fillo de Marín -mariñeiro, pois, por nacemento pero tamén por vocación- na súa navegación, durante moitos anos, da fachada atlántica europea na compaña da Ora marítima de Rufo Festo Avieno, ten descuberto máis dun dos seus misteriosos segredos. En ¡Ouveade, naves de Tarsish!, novela publicada en Edicións do Castro (1983), facía posible o noso encontro cós míticos oestrimnios e o seu mundo, para en 1986, No ano do cometa –Premio “Xerais de novela”- permitirnos asistir, na compaña do bretoñés Maeloc, á loita dos bretoñeses galegos ó lado dos normandos do Duque Guillerme, como enviados do rei Don García de Galicia.
Nesta última entrega, A saga da illa sen noite –“Premio de narrativa, 1999” do concello de Vilalba- podemos participar no poboamento de Islandia polos viquingos no século X, protagonizada polo ferreiro noruego Nattfari, a súa compañeira, a cativa irlandesa Rauda, e o irmán desta, Nestur. A exploración das novas terras, ás que chegan os "noruegueses" pasando polas Orcadas e as Feroe, vai seguida dun primeiro asentamento en “A baía da Casa” en Húsavik, que se fará definitiva na “Baía de Nattfarí”, lugar no que se establecen tres compoñentes daquela primeira expedición.
Sendo os datos xeográficos e históricos, os que, sen dúbida, condicionan dun xeito máis evidente o relato de Xoán Bernárdez Vilar, é, nembargante, a necesidade de reconstruí-lo universo cultural, humán, daquelas xentes e daqueles tempos, o que mellor o caracteriza. Son os costumes, as crenzas, a vida, o mesmo ser humán, as cousas que o desacougan. Xa o bretoñés Maeloc pensaba:
“Era posible que un pequeño exército normando puidese asegurarlle a don García e á infanta Cecile o goberno dun país sobereano. ¿Pero, quen podía garantir que o que acontecera en Inglaterra non se ía repetir en Galicia?” (...) “Non porque foran daneses, normandos, nordomanos, leodomanos ou almiuces. Agora sabía que tódolos homes eran iguais no combate.”
A razón da aventura viquinga no poboamento de Islandia non foi, de certo, a conquista, senón a ansia de liberdade e a esperanza dunha “vida ceibe e digna”, á busca dun lugar no que o amor poidera facer posible a convivencia daqueles para quen “o combate e a morte eran a auténtica esencia da vida” –os viquingos- con aqueles outros que, coma os irlandeses, facían do entendemento, a través da “concordia e a moderación”, a máis importante das virtudes do ser humán.
Un fermoso relato, en fin, que, nas mans dun profesor con vocación de sacrificio e desexos de abrir ventás ó pensamento dos seus alumnos, pode constituír un punto de partida espléndido para un debate enormemente productivo sobre o léxico mariñeiro e a súa actualidade, e, sobre todo, sobre o tópico das diferencias excluíntes e as nosas mesmas actitudes como seres que nos xulgamos libres e racionais. Un relato, en definitiva, no que o lector, sexa cal sexa a súa condición, se sinte convidado a unha paixoante viaxe cara a adentro de si mesmos, cara ó interior do seu mundo máis escuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario