No mundo rural, mariñeiro e artesán a conversa é unha actividade moi ben considerada. Saber contar é case un título. Parece unha contradición, pero nun contexto no que o traballo é a virtude máis salientable de calquera compoñente da comunidade saber falar e saber facelo no momento axeitado é, se cadra, a única razón capaz de xustificar a súa interrupción. O mesmo refraneiro, o verdadeiro catecismo desta comunidade, insiste de mil maneiras na necesidade de coidar ao máximo esta habilidade. O valor da palabra queda abondo de relevo nesta selección de O noso refraneiro, tomo II -Edit. Sotelo Blanco, 2009-, na que atopamos consellos como estes:
O boi pola corda, e o home pola palabra. (Santa Comba:Alón; Fisterra)
Ben pensado ou mal pensado, o trato será tratado.(Fisterra)
Falando enténdese a xente. (Santa Comba: Freixeiro)
Fala como un libro aberto. (Santa Comba: Freixeiro)
As boas palabras aloumiñan; as malas espiñan. (Cee)
O si e o non, andan sempre en conversación. (Cee)
Cando barbas falan, todos calan. (Santa Comba: Freixeiro)
¡Falas coa cabeza! (Santa Comba: Freixeiro)
O lavar, non quita o falar. (Muxía: Agrodosío, Senande)
Gárdate do can que non ladra e do home que non fala.(Santa Comba: Freixeiro)
Deus te libre de home que non fala e de can que nonladra. (Santa Comba: Freixeiro)
Pola boca, morre o peixe. (Corrubedo, Fisterra, SantaComba: Freixeiro)
Cando penso o que vou falar, despois de dito, dáme quepensar. (Carantoña)
Moito sabe, quen a tempo sabe calar. (Santa Comba:Freixeiro)
O parvo se é calado, pasa por ben asisado. (SantaComba: Freixeiro)
O que cala, amola a quen fala. (Corcubión)
O que cala, fode a quen fala. (Calcova)
Cando un cala, dous non riñen. (Camariñas)
Predíca, meu frade: por un oído me entra e por outro mesae. (Corcubión)
Máis vale calar, que mal falar. (Santa Comba:Freixeiro)
¡Baixa-la orella! (Santa Comba: Vilamaior)
Calar, nunca a ninguén fixo mal. (Santa Comba:Freixeiro)
En boca cerrada, non entra mosca. (Santa Comba:Freixeiro)
En boca cerrada no entran moscas. (Cee, Corcubión)
A millor palabra é a queda por dicir. (Santa Comba:Freixeiro)
Non hai mellor palabra que a que está por dicir. (SantaComba: Freixeiro)
Palabra solta, non ten volta. (Cee)
Palabra e pedra solta, non ten volta. (Cee; Muxía:Santa Mariña)
Falar sin pensar, é tirar sin apuntar. (Fisterra)
Falar por falar. (Santa Comba: Freixiero)
Falar por non estar calado. (Santa Comba: Freixeiro)
¡Canta un carro! (Santa Comba: Freixeiro)
O falar non ten cancelas. (Santa Comba)
Os contos, non enchen. (Camariñas)
Os contos non enchen barriga. (Santa Comba: Alón)
¡Sonche contiños da feira! (Santa Comba: Freixeiro)
Contos da feira que van pro mercado.
Son contos que van para ningures. (Santa Comba: Alón)
Son contos da xente. (Santa Comba: Alón)
Son cousas da xente. (Santa Comba: Alón)
É un deserto de ideas nunha selva de palabras. (SantaComba)
O mellor do conto, é o que queda por contar. (Brens)
¡Morra o conto! (Santa Comba: Freixeiro)
Do dito ó feito, hai moito treito. (Camariñas,Vimianzo)
Do dito ó feito, vai un pleito. (Cee)
Falar do mar e non embarcar. (Fisterra)
Canto menos falas, máis traballas. (Camariñas)
Quen moito fala, pouco fai. (Cee)
Can que moito ladra, non garda palleiro. (Cee)
Quen moito fala, moito minte. (Santa Comba: Freixeiro)
Ovella que berra, bocado que perde. (Cee, Senande)
Mentras se capa, non se asubía. (Corcubión, SantaComba: Alón)
Gando de moita herba e xente de moita verba, todo émerda. (Cee: Son)
Cando un burro ornea, outro escoita. (Cee)
Do que non saibas non fales, que é mellor non dicirnada que dicir barbaridades. (Cee: Xallas)
No que non che importa, a lingua moi corta. (Ameixenda)
O que ten a lengua aguda, ten a costilla dura.(Corcubión)
O que fala o que non debe, oe o que non quere. (Corrubedo)
¡Moita lingua e poucos feitos! (santa Comba: Freixeiro)
¡É un férvelle as verzas! (Santa Comba: Alón)
É unfala barato! (Santa Comba: Freixeiro)
Dende que empecei a ir a escola, non antes dos nove anos, tiven a tendencia a fuxir dos traballos da casa e dos do campo refuxiándome nas historias que eu dicía escoitarlle á mestra sobre a importancia do estudo e dos libros. Penso que, como á maioría dos rapaces e rapazas, se me daba bastante ben o debuxo, logrando engaiolar aos meus pais con retratos de personaxes dos que nin eles nin eu sabiamos cousa ningunha.
Con os debuxos e os contos que lle escoitaba aos rapaces maiores ía enredando aos responsables de repartiren con meu irmán e miñas irmás traballos como coidar do lume, ir por auga, varrer a cociña, darlle de comer á vaca, ao porco e ás galiñas. Meu pai, con moita razón, pensaba que o seu fillo máis vello herdaba mesmo del aquel desinterese polo traballo. Así, cando a mestra lles anunciou que o neno gañara unha bolsa de estudos, non dubidou en comentar coa miña nai: A verdade é que non se perde moito! Total para o que vale!...
As vacacións pasábaas na casa dos meus avós paternos. Eran labradores acomodados e miña tía Dolores tiña unha recua de fillos e fillas cos que poder xogar. Polas noites, a carón da lareira, escoitaba os contos e historias dos maiores e, algunha que outra vez, tiña que contar eu algún dos que me ensinaran no estudo ou aprendera nos libros. Segundo miña avoa Xoana, -meu avó morrerameus tíos e as veciñas e veciños que se reunían na cociña da casa pola noite, eu tiña un certo aquel no modo de contar que lles facía moita graza.
Isto que facía da rapaz é o que pretendo continuar facendo agora diante dun público moito máis amplo. ¡Iso polo menos é o que agardo con este traballo
No hay comentarios:
Publicar un comentario