sábado, 2 de junio de 2012

LIBROS PARA VOLVER A LER: M. QUINTÁNS LÓPEZ

DÍAS DE MUERTOS. EXTRACTO DEL EXPEDIENTE DE JORGE LÓPEZ SERRANO
En conversa cós amigos,teño intentado máis dunha vez atoparlle algunha explicación o silencio con que a xente acolle, non só determinadas obras de arte, senón tamén a significación dos seus autores e aínda de determinados personaxes de importancia na vida colectiva do país. Estou a pensar, por exemplo, en figuras tan indiscutibles coma Filgueira Valverde, nunca obxecto do merecido recoñecemento público que ten merecido a súa obra coma profesor, investigador, escritor e político, nin tan siquera por parte daqueles que o consideraron home importante no seu Partido, ou Ramón Martínez López, que de volta do exilio na súa Galicia, buscaba amigos con quen compartir as súas inquedanzas e desacougos de vello galeguista entre os andeles da libraría Couceiro, case esquecido duns e doutros... O grande amigo, o mestre Baldomero Cores, entendía, coma experto sociólogo, que os recoñecementos e honras con que se distinguía a certas persoas non dependía tanto, se dependía algo, da verdadeira importancia da persoa ou da obra obxecto do aplauso público, coma do feito de ocuparen, ou non, un lugar adecuado no “circuito” da farádula humana que conforman tódolos vividores e aproveitados deste mundo. El mesmo, Baldomero Cores, é un bo exemplo dese grupo de “descircuitados” que, cunha obra de máis de cincuenta títulos, non pasa de ser, fóra dos lindes da súa tribo familiar, un perfecto descoñecido. Digo mal: descoñecido, fóra dese grupo minoritario de persoas que non teñen nas súas preferencias, artísticas, literarias, científicas, humanas..., coma criterio único de valor o número dos seus seguidores e devotos. Días de muertos, un impresionante documento humano no que, dende unha perspectiva literaria, se recolle o Extracto del expediente de Jorge López Serrano, constitúe, sen dúbida, un dos exemplos máis expresivos deste comportamento ao que estamos a facer referencia aquí. O autor, que viviu de moi preto a traxedia deste infortunado mexicano, coma compañeiro da mesma cela no Reclusorio Norte do Distrito Federal, logra contextualizar, literariamente, o proceso penal no que Jorge López Serrano é o principal protagonista. Unha estampa na que se retrata con absoluta fidelidade a realidade social e política dunha parte moi importante dun país de tan vivos e sorprendentes contrastes coma México. Profundamente, apaixoadamente namorado deste pobo, o autor de Días de muertos non dubida un intre en recrear e poñer ao descuberto algunhas das lacras que máis cruelmente castigan a un país agasallado pola natureza e a historia coas máis fermosas creacións con que pode soñar o ser humano. En Días de muerto, con un estilo absolutamente maxistral, Manuel Quintáns López introduce o lector nun mundo no que, con imaxes nas que a beleza da linguaxe non alcanza en ningún momento a dimunuír a dureza da realidade recreada, se mesturan en tráxica amálgama a miseria, a ignorancia, o analfabetismo... co exercicio despótico e inmisericorde do poder e da xustiza. A envoltura literaria, na que a ficción recrea en capítulos alternos o contexto social e político no que tiveron lugar os feitos que se xulgan no expediente de Jorge López Serrano, non diminúe, en absoluto nin a dureza nin a trascendencia do alegato que contra unha política incapaz de aproveitar as enormes posibilidades dun dos países máis ricos e fermosos do mundo, significa esta novela-documento. Sen dúbida, tamén neste caso,o silencio é o resultado do carácter descircuitado do autor deste impresionante relato. Lástima!, porque, se cadra, tal silencio pode ser a cusa non desexada da perda dun extraoridnario narador como o que nos agasalla Días de muertos.