domingo, 29 de enero de 2012

ARMANDO REQUEIXO: ESCRITORES MINDONIENSES

ESCRITORES MINDONIENSES
É certo que non sempre coinciden, nos nomes e, moito menos, nos méritos, os que contan a Historia cós que a fan e a sofren. Un tópico, sen dúbida, que o Premio Nobel de Literatura, o admirado escritor portugués Saramago, logrou actualizar coma unha reflexión transcendente para o home de hoxe coa súa sinxela e marabillosa confesión de sentirse máis próximo destes ca dos primeiros, dos humildes que sofren ca dos grandes que triunfan. Pero a historia non é só acontecer, é tamén relato, memoria de feitos e acontecemenmtos. E lembra-lo pasado é un xeito de vivi-la historia, é un modo de recupera-la razón do noso presente, é unha actualización esperanzada dun futuro soñado. E en canto somos fillos dela, da historia, dun xeito semellante a como somos fillos duns pais determinados e membros dunha familia concreta, contala ou escribila é, á vez, un modo de afirmación de nós mesmos. A súa memoria racha os témeros silencios do esquecemento. ¡Canta nobreza nos que saben estar ó lado dos que a sofren! Pero ¡canta tristeza produce o silenzo dos que a descoñecen! O xove profesor e investigador Armando Requeixo, con ese rigor que caracteriza tódolos seus traballos de inquedo intelectual, ergueu a súa voz e berrou os nomes e a obra daqueles escritores mindonienses, "de berce ou de corazón", que fixeron e fan posible escoitar con orgullo o nome de Mondoñedo. A el, pola súa mesma especialidade de lingüísta e literato, importábanlle sobre todo aqueles que, facendo da palabra un instrumento de progreso, colaboraron ó engrandecemento e orgullo dun pobo perdido no fondal dun dos máis fermosos vales de Galicia. Non nos importa roubarlle ó propio autor unha das súas atinadas citas: "cando un pobo -escribe Luis Álvarez Pousa- ten ese destino, o de ser berce para creadores e personaxes que realimentan a fantasía popular desde a xenerosidade coas xentes do traballo, na taberna ou nos velorios, polas estreitas rúas dunha cidade enmeigada polos ventos familiares que van desde a Corda á Serra de Meira, non ten volta de folla: é un pobo predestinado." Armando Requeixo é, neste seu novo traballo Escritores mindonienses -colección Ensaio da Sociedade de Cultura Valle-Inclán de Ferrol- a voz de todos eles. Unha voz que, como con acerto adianta o ilustre prologuista deste libro, Francisco Fernández del Riego, "plasma unha concepción do mundo galego desde a vella cidade episcopal". Son, de certo, creadores coma Cunqueiro, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro ou Marina Mayoral, ensaístas e estudosos coma o Licenciado Molina, Villaamil y Castro, González-Seco Seoane ou Xosé María Díaz Fernández, os que elevan a un pobo como Mondoñedo á categoría de cidade privilexiada. Pero é o seu conxunto, unha nómina dun longo centenar de ilustres figuras das letras e das ciencias, o que fai de Mondoñedo unha fermosísima metáfora da Galicia eterna. Coma pórtico, un fermoso prólogo de Francisco Fernández del Riego. Introduce o estudo dos autores, organizados en dous apartados diferentes -"Creadores literarios" e "Ensaístas e estudiosos non creadores literarios"- e da súa obra, algunhas reflexións do autor sobre "xeoliteratura e mindonicidade". Unha ampla táboa bibliográfica, dous apéndices -"Prensa mindoniense" e "Antoloxía de textos"- e un índice onomástico pechan o libro. Todo un agasallo para os cobizosos dos segredos que agocha o pasado da vila de Mondoñedo!! M. QUINTÁNS S.

viernes, 6 de enero de 2012

NARRATIVA RECUPERADA: LUGRÍS FREIRE

NARRATIVA RECUPERADA: MANUEL LUGRÍS FREIRE Manuel Lugrís Freire, o ilustre fillo de Galicia que nace en Sada o día 12 de febreiro de 1863 e falece na Coruña o 15 de febreiro de 1940, é o autor que agora nos ofrece o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dentro do proxecto Narrativa recuperada que, no Departamento de Literatura do qué é o seu Director Técnico o Profesor Anxo Tarrío Varela, dirixe Modesto Hermida García, baixo o rótulo A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire. A edición, especialmente coidada, estivo ó cargo de Xabier Campos Villar, responsable do interesante estudo introductorio –“Apuntamento biobliográfico”, “Comentario literario” e “Bibliografía”- e das numerosas notas a pé de páxina con que se enriquece esta edición. Baixo o rótulo “Textos” recóllense, en orde cronolóxica, un total de 56 relatos do sadense. O retrato que nos ofrece Xabier Campos Villar de Manuel Lugrís Freire déixanos adiviñar ó home que a R.A.G., con motivo do seu recibimento coma Presidente, ano 1934, lembraba como “el hombre honesto, laborioso, encendido en pura emoción, que desde los años jóvenes de emigrado aprendió a ponderar el valor inmanente de nuestro suelo y nuestra raza”. Con só os estudos primarios, entra coma escribán, no Concello de Oleiros, emigrando a Cuba no ano 1883, onde traballa, con longos horarios, coma contable. De volta a Galicia, o ano 1896, instálase na Coruña, cidade na que, despois “dun efémero paso –como nos conta Xabier Campos- pola Litografía ‘La Artística’”, ingresa “na compañía ‘Sociedad Anónima Aguas de La Coruña’”, traballo no que, “ademais de levar a contabilidade da empresa, tiña que percorrer a cidade casa por casa para buscar abonados que quixesen levar ós seus domicilios a auga potable”. A fonda depresión que –en palabras de Xabier Campos- “o situaría ó borde do suicidio”, ocasionada pola morte da súa muller, a cubana Conchita Orta, da que tivo unha única filla que foi mestra en Sobrado ata o seu pasamento en 1957, só se cura de todo ó lado da coruñesa Pura González Varela, nai dos seus cinco fillos, Manuel, Secundino, Mª do Pilar, Urbano e Pura. O seu labor literario, cultural, social e político resulta, neste contexto humán, un verdadeiro prodixio de dedicación e amor infinito a Terra. En Cuba -Nociones Generales de Mitología sería unha obra anterior- colabora en El Eco de Galicia, publica a novela curta, O penedo do crime, as obras teatrais A Costureira da Aldea e De Galicia a Lavapiés, en 1885 crea a primeira publicación ultramariña redactada integramente en lingua galega, A gaita gallega, publica Soidades (versos gallegos) (1894). Xa de volta en Galicia, colabora coa Revista Gallega de Galo Salinas e de 1907 a 1908 con A Nosa Terra. Publica os poemarios Noitebras (1901), Ardencias (1927) e As Mariñas de Sada (1928); estrea as obras teatrais A ponte (1903), Minia (1904), Mareiras (1904), Esclavitú (1906) , O pazo (1917) e Estadeíña (1919); en 1908 publica a primeira colección de Contos de Asieumedre e en 1923 a súa Gramática do Idioma Galego. Participa na redacción do Regramento da Sociedade Liga Gallega na Coruña (1897, na inauguración do monumento ós Mártires de Carral (1904), funda Solidaridad Gallega”, é un dos primeiros membros da Irmandade da Fala (1916) fundada por Antón Villar Ponte, ingresa no Seminario de Estudos Galegos (1923), elabora o programa do Partido Autonomista Republicano Agrario para a campaña de 1930 e ingresa no Partido Galeguista en 1931.
Non parece, de certo, necesario insistir na importancia da oportunidade que nos ofrece esta publicación, A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, para achegarnos, directamente, ó máis fondo e persoal deste ilustre galego, á súa propia obra. Un grande acerto, sen dúbida, do proxecto que dirixe o Profesor Modesto Hermida. M. QUINTÁNS S.

PROXECTO "NARRATIVA RECUPERADA": LOIS VÁZQUEZ

MANUEL LOIS VÁZQUEZ, NO PROXECTO "NARRATIVA RECUPERADA"
Non parece, de certo, que sexa necesario insistir aquí no pouco sentido que pode ter, no contexto da Historia da Literatura Galega, aquel agudo dito de que "o mellor que se pode facer cós escritores esquecidos é mesmo non lembralos". Abondaría, se cadra, ter en conta que o acontecer cultural, cando, como soe acontecer neste caso, no contexto galego, presenta importantes baleiros no tempo, o único que pon de relevo o carácter traumático do seu desenvolvemento. Os atrancos oficiais para publicar en galego, a falta de editoriais propias, a indiferenza, cando non o menosprezo, do público lector, o baixo nivel escolar dunha escola esencialmente allea... non acreditan necesariamente o suposto demérito dos manuscritos inéditos, da falta de reedicións, de obras esquecidas entre as tearañas dos andeis e alacenas dalgunhas casas da aldea... Por outra banda, a literatura, coma calquera outra manifestación artística, non é en ningún caso o froito espontáneo dun campo ermo. É sempre o resultado dun lento proceso continuado de desenvolvemento das potencialidades creativas dunha cultura, dunha comunidade humana, no que o silencio pode ser un tempo de maduración, recuperable pero nunca esquecible. Alira de Elfe, A Reina Loba e outros relatos de Manuel Lois Vázquez, primeiro volume do proxecto "Narrativa recuperada" dirixido por Modesto Hermida García no Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades, é unha boa proba da importancia e interese deste esforzo obrigado de facer memoria deses témeros silencios dun pasado que non podemos esquecer. Manuel Lois Vázquez non foi, de certo, alleo ás simpatías e circunstancias literarias dos seus propios mestres, nin no ámbito das ideas nin tampouco no da lingua. Resultan, sen dúbida, suficientes neste sentido tanto a súa excesiva dependencia das fontes cultas -en "Alira de Elfe" e "A Reina Loba", por exemplo, Los Reyes Suevos de Galicia de B. Vicetto, A Coruña, 1860-, coma a abusiva presencia de técnicas narrativas propias da literatura oral, nas súas constantes referencias ó oínte -"Prestádeme, pois, atención"..., "Seguídeme"..., "Deixémo-lo camiñar cara a Castro Romeán, e volvámonos ó pazo onde queda Oaria deslumbrante de fermosura"...- e o abuso da peripecia no desenvolvemento da historia. A cobiza coma motor que move o mundo, a presencia do tema clásico do "carpe diem" - Oara: "Gocemos que a vida é corta"- e o seu interese polo mundo aristocrático dun pasado histórico non exento de nobres ideais, poñen ebde ben de relevo a un narrador superador do espírito lánguido que informa á obra romántica, máis interesado no logro dun realismo identificador dun pobo con identidade propia ca cultivador inxenuo dun ruralismo e costumismo tópicos. A resposable da edición, introducción e notas, Mª Teresa Monteagudo Cabaleiro, baixo a dirección de Modesto Hermida García, ofrécenos un interesante "apunte biográfico" sobre o autor, o estudo da súa "obra en verso", da súa "obra narrativa en prosa" e da "lingua da prosa narrativa en galego". A edición "trata de respectar -tal como sinala a propia Mª Teresa Monteagudo- coa maior fidelidade posible os trazos lingüísticos do autor", permitíndose só "alterar determinados aspectos da súa ortografía co fin de facerlle máis doado o texto ó lector actual". M. QUINTÁNS S.
ANTON REIXA EN EDICIONS POSITIVAS Cada época ten, como é ben sabido, os seus mitos e os seus símbolos. Esa témera desgraza que, en tantas ocasións, termina privándonos, a través, mesmo, deste procedemento, da operatividade de certas realidades que alentan e viven á nosa beira. Antón Reixa, para ben ou para mal, é xa un deses mitos da cultura ou, se se prefire da anticultura, galega actual. E esa mesma condición, que evidentemente o alonxa no tempo e no espacio da nosa experiencia cotián, fai inocua, se cadra, incluso, divertida a acción destructiva do seu poder creativo. Moi coñecido coma cantautor ó fronte do famoso grupo "Os resentidos", resulta endebén unha sorpresa coma narrador. Un efecto máis do mito cando os mitificadores logran eleva-la categoría pública dese mito ó nivel de simple espectáculo. O apaixonamento do público, embebido na cor flamexante do sorprendente, é vítima entón desa enfermidade terrible da selección esquecendo ou simplemente ignorando canto non nace da fonte única que provoca e aviva as súas máis escuras, e tamén superficiais, emocións. Deste xeito, o curioso satisfai a súa curiosidade no descoñecemento mesmo do que de verdade se lle intenta dicir. Con razón, de certo, xa que a mensaxe, no caso concreto de Antón Reixa, é sempre unha advertencia demoledora para o lector que intenta ir máis aló do chisco irónico, da acaída maliciosa, da graza do absurdo dunha realidade absurda. Galicia mesma, un dos amores máis sentidos e profundos deste creador, é, no relato "O feminino dos paises", un bo motivo para un deses seus xogos nos que as posibilidades multisignificativas da obra artística poñen a proba a capacidade crítica do lector máis avisado. Galicia pode ser, nese contexto, "muller", "metáfora do mundo", ou, se cadra, só unha referencia, inútil, unha cuestión, sen importancia..., pode que, un insulto á intelixencia coma centro dun tema intrascendente. Existen outros exemplos, na historia da literatura, de relatos caracterizados pola súa brevidade, pero non coñezo ningún tan curto e á vez tan completo coma este de Antón Reixa, capaz de dicir e contar as cousas máis inytelixentes e profundas. É un diálogo ou unha conversa, con só tres frases de moi poucas palabras: "-Galicia, muller. -Galicia, metáfora do mundo. -Galicia, vou chamar por teléfono." ¿Non é, certamente, a crítica máis despiadada contra tantos, que segurando ser máis galeguistas ca ninguén, non fan outra cousa que falar da importancia da cultura galega, da súa literatura, da súa..., sen se pararen nunca a pensar o que Galicia é de verdade? Transporte de superficie (Relatos verídicos), publicado por Edicións Positivas, non é, endebén, unha saída rara de Antón Reixa ó mundo da literatura, digamos, culta. Con anterioridade, ademais das numwerosas letras das súas cancións publicara Silabario da Turbina (1.978), Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio (1.979), A Dama que Fala (1.983), As ladalliñas do Travesti (1.980), Historia do Rock and Roll (1.984), Días contra Fotocopias (1.987), etc. Ben que este seu novo libro, Transporte de superficie, signifique a súa primeira incursión no mundo da narrativa, digamos, da narrativa literaria. Un libro curto, que non chega ás 60 páxinas, e no que as palabras son só unha materia necesaria. ¿Con que lle gustaría de verdade a Antón Reixa escribi-las súas visións do noso mundo? Con palabras, dende logo, non. Transporte de superficie significa, neste senso, un esforzo especial do autor, que, evidentemente, non logra diminuir no aforro que fai dun medio que pensa, penso, inútil. ¿Non lle pasaba o mesmo a súa cidade de Vigo, que "se esgota en si mesma sen darse explicado", que "non lle chegan as palabras"? A mudez e o silencio son os grandes protagonistas destes relatos de cine mudo no que se fala. As palabras, coma os ruídos, só interrompen o significado das cousas. M. Quintáns S.